
Sábado 13 de abril de 2024
Na véspera do 14 de abril, día da República española, un grupo de persoas da Galiza e Portugal reunímonos no cemiterio da freguesía de Moreira, en Monção para facer unha pequena homenaxe a unha gran muller galega alí soterrada, AMPARO ALVAJAR LÓPEZ, falecida en 1998, lonxe da súa familia e moi preto da súa querida Galiza
Ás 11 horas, no local da Xunta da freguesía, nun acto organizado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña por vez primeira esta muller admirable recibe unha debida homenaxe. Ela foi escritora, directora teatral e unha tradutora de moito renome polo seu excelente dominio de varias linguas, como francés e inglés, nomeadamente. Muller de formación moi traballada da Galiza do século XX.
O acto que foi presentado por Antón Lorenzo( Xaque), foi sinxelo e emotivo. A profesora e Catedrática Aurora Marco, que leva investigando hai anos a vida desta muller, explicou ao público presente como foi a vida de Amparo desde que tivo de exiliarse no estranxeiro por causa do golpe de estado militar do 36 e como se viu grazas a vivir en países distintos como moitos outros republicanos españois fuxidos despois da guerra civil.
Ela estivo en Francia, Arxentina, México, os Estados Unidos e a Suíza, onde traballou infatigabelmente como tradutora de varios organismos, particularmente da Organización Internacional do Traballo. Tiña a intención de tornar a vir para a Galiza, unha vez reformada, mais acabou comprando unha quinta moi preto do Miño, en Moreira, onde morou os últimos anos da súa vida. De maneira algunha se atreveu a regresar á terra natal, só a enxergaba das murallas de Monção e de Valença. En Moreira, nesta freguesía da raia, morreu Amparo, lonxe da familia. A noticia da súa morte pasou, infelizmente, desapercibida.
Por iso a Comisión considerou necesario divulgar e dar a coñecer o que fixo esta muller incansable que sempre se mantivo fiel aos ideais democráticos republicanos e deu axuda a persoas amigas da resistencia contra a ditadura de Franco. Actualmente repousa nunha campa solitaria na que soamente figura o seu nome e unhas datas. Este sábado, así mesmo, na campa lucía un ramallete de flores coas cores da bandeira republicana española e, ao lado, plantouse unha oliveira para que saiba que non está soa nin a esquecemos.
Dende estas liñas queremos mostrar o noso agradecemento especial ao Presidente da Xunta da Freguesía, João Marques e o seu Secretario pola atención recibida e a posta a disposición do local da Xunta, onde se celebrou a primeira parte do acto, e se nos facilitou a apertura buraco onde se plantou a oliveira. Agradecemos así mesmo a presenza do Padre Nelson, aínda que o acto fose estritamente civil. Tampouco podemos esquecer a presenza da gran amiga de Amparo, a Señora. Teresa Laranxeira. Agradecemos finalmente a presenza de numerosas persoas do mundo académico (historiadores, profesores, mestres), (Asociación Lazoiro de Salvaterra), político (Partido Socialista Obreiro Español), e demais persoas e amigos e amigas. Infelizmente o acto non mereceu atención doutros membros das Cámaras de Monção e de Salvaterra.
