A degradación, nesta película que nos poñen diante dos ollos, é total e sálvanse os tolos tarabelos. A política está en cotas de números moi negativos, de erros continuos e o peor do conto, de moita xente prexudicada. Temos a impresión de xa ter visto algunhas das escenas e, desde o sosego da cadeira, contemplar os medios de comunicación ao servizo da algarabía e botellón, dos que negan a mesma negación para afirmarse.
Meténdonos no tema un pouco, notámonos entregados en mans de fantasmas, de actores de excesivas imposturas e que arremeten imposicións de límites, de prezos á vida -eles din ao consumo, con postureos e acenos sobre dimensionados que deixan ver, sen pudor, o desastre, o camiño dun futuro aínda máis problemático do que hoxe temos. Camiño, claro, que está lonxe dos valores e condutas sociais que viñan sendo habituais e de carácter común. Así son as cousas estas de xogar e improvisar, de amagar eleccións en estado de graza, de dicir a verdade a pesar do silencios e medias mentiras. Resulta que non, que pesa máis a actitude dos guións do espectáculo -leis obsoletas- dunha democracia mal entendida onde once parvos mandan máis cá dez sabios, que serían o argumento veraz para fundamentalas.
Neste punto da película estamos. Só hai que lles mirar á cara, pararse a ver como interpretan, como desenvolven o guión pérfido de aconteceres, cálculos que sempre nos feren como o prezo da luz, dos servizos nos que tamén xogamos a nosa saúde e a educación, a economía de toda a cidadanía. Mirarlles é ver o finximento, a devolución do xogo en fames e miserias, en quente, nas actitudes non só torpes senón vingativas que serán produto de multiplicacións do privado e da privación do que é de todos, na exclusión do público, no mal encamiñado progreso. Serán trampas, siloxismos vencidos por hipotecas ruinosas, dogmas de análises mal facturados, historias contadas desde arriba, polos poderosos, que se cren os que nos salvan, polos que sempre vencen a golpe de talonario, os que destrúen probas e bailan a danza das portas xiratorias, das mentiras arrogantes, dos “hilillos de plastilina”, das tramas de corrupción, de damas e cabaleiros de alto copete, e evaden obrigas e gardan en paraísos fiscais. Iso si, con moita cautela e finximento. Ver figura emérita, que tamén xoga pola banda e case nos dá pena.
Agora queda perfectamente demostrado que o político, non importa o signo, debe facturar votos e fotos, vender fumes e nubes, prometer cervexas nas noites mesetarias e a fachenda altiva de soberbias que se nacionalizan no embigo. Si, debe buscar o voto coa foto, seducir arrogancias sen retroceso, bébedos de feliz avoengo, ousadas formas de comportamento que aventuren vaidades e másteres inventados, carreiras nunca feitas. Miren senón, aos que representan o poder e as derivas extremas e totalitarias, esas da frase lapidaria, da urxente resposta demagóxica e intolerante, esas verbas que non perdoan pero enfrontan, exclúen, arredan, envelenan, sinalan e marcan, poñen límite e couto á liberdade. Iso si, fuxindo do público para que as amizades teñan oficio e beneficio no privado. Anque tanto proclaman a liberdade, enchendo a boca de mentiras. Liberdade de escoller entre o que “nos dan”.
Esa é a película que estamos a ver. Convén mirar no arredor. Mirar con sosego, anque semelle incríbel. Caeron na trampa moitos e moi expertos. Ninguén deses administradores está libre. É unha importante lección captar adeptos. Sorrir, que nos vexan vencedores na derrota. A realidade é que hai que captar adeptos por fóra, non nas propias filas. Engano tantas veces asumido. Coidamos ser moitos, convocamos aos nosos, e veñen. Non facemos o máis difícil, convencer fóra. O discurso cambia, as palabras deben ser outras e con feitos. As promesas poucas, pero veraces e cribles. Calquera cousa, se se fai con mal humor ou impaciencia, con obriga e arduo compromiso só verbal, nunca será aceptada. Pensándoo ben, de consellos está o mundo cheo. En fin, foi unha cavilación sen máis eco que o coidado por min, de cara a dentro. Anque tamén consta nas memorias da Nosa Historia. Será a mesma pedra de sempre.