Afganistán, desastre de proporcións épicas

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xurxo Agra. Especialista en política internacional

O domingo 15 de agosto consumouse o colapso do goberno afgán coa fuxida do presidente Ashraf Ghani cara Taxiquistán e a toma de Kabul por parte dos talibán, 2 semanas antes da data final fixada polo presidente estadounidense Joe Biden para a retirada das tropas estranxeiras de Afganistán, e que representa un dos maiores fracasos da historia dos EEUU-OTAN.

Desde o pasado mes de maio, coincidindo co inicio da retirada de Afganistán, os talibán impulsaron a ofensiva que iniciaran meses atrás e o seu avance imparábel sobre as zonas rurais do país puxo de manifesto que as forzas de seguridade afgás, superadas completamente sobre o terreo, ían ter moitos problemas para conter o seu empuxe.

Durante os meses de maio, xuño e xullo os talibán foron incrementando o seu control sobre o país, incorporando máis e máis distritos e numerosos postos fronteirizos con Pakistán, Irán e Turkmenistán. Mais desde que o 6 de agosto cae a primeira capital provincial, Zaranj, as cidades van caendo como pezas de dominó, e os talibán van facéndose con Kunduz, Herat, Kandahar, Mazar-i-Sharif, Jalalabad… até que, tan só 9 días despois, cae Kabul.

É un desastre de proporcións épicas. Nin os propios talibán soñaban con tomar o control do país tan axiña. Sorprende sobremaneira a extrema fraxilidade dun goberno que durante 20 anos gozou do apoio de Occidente. Parece evidente que a retirada sen condicións de Afganistán envalentonou aos talibán, mais non é menos certo que o desenlace é a constatación do absoluto fracaso de nada máis e nada menos que 20 anos de actuación errática por parte dos EEUU-OTAN no país centroasiático, durante os cales despregáronse centos de milleiros de soldados e gastáronse inxentes cantidades de diñeiro.

Ante a evidencia de que a situación deteriórase moito máis rápido do que calquera podía imaxinar, a finais de xullo e comezos de agosto os países da rexión comezan a manifestar as súas inquedanzas. Irán e Pakistán acollen o 90% dos 4,6 millóns de refuxiados afgáns, polo que estes países están especialmente preocupados polo volume de refuxiados que poden cruzar as fronteiras. Rusia advirte de que non tolerará ningunha inxerencia nas repúblicas da súa área de influencia en Asia Central e China quere garantías de que o solo afgano non será utilizado para axudar o movemento islamista de Xinjiang.

Pola súa banda, os EEUU e outras potencias occidentais comezan a evacuar a cidadáns afgáns que colaboraron coas tropas estranxeiras, e nos días previos á toma de Kabul comeza a evacuación do persoal estranxeiro e varios países pechan as embaixadas.

A entrega de Kabul evitou o que podía ter sido unha terríbel catástrofe humanitaria, mais cómpre lembrar que no que vai de ano as persoas desprazadas superan as 400.000, 250.000 desde maio, e nestes meses produciuse un número elevadísimo de víctimas civís nos combates.

A toma de Afganistán por parte dos talibán leva ao país centroasiático ao pasado, e o temor instálase entre as mulleres, defensores dos dereitos humanos, a incipiente sociedade civil e minorías como a hazara, minoría xiíta obxecto de numerosos ataques durante as últimas décadas por parte dos talibán, Al Qaida e o Estado Islámico.

Os talibán veñen afirmando que aprenderon dos erros cometidos durante o período 1996-2001 no que gobernaron o país con man de ferro, e que non son os mesmos. Daquela só Arabia Saudí, Emiratos Árabes Unidos e Pakistán recoñeceron o goberno talibán, coas conseguintes dificultades para edificar un estado funcional. O certo é que precisan acadar lexitimidade doméstica e internacional, polo que agora deben pasar das palabras aos feitos.

Segundo as primeiras informacións que chegan de Kabul, os talibán están traballando na configuración dun goberno islámico aberto e inclusivo, rexido pola lei islámica, mais onde os dereitos das mulleres serán respectados (acceso á educación e ao traballo), a xente poderá criticar o que considere nun país con liberdade de prensa e os tribunais serán quen decida os castigos (entre eles as execucións).

Nos vindeiros días veremos se Afganistán volta á Idade Media ou “tan só” retrocede 200 anos.