Cousas de Salvaterra

Monção. Gravado do Arquivo Municipal de Ponteareas
Antón Lourenzo, veciño da Vila
Antón Lourenzo “Xaque”, veciño da Vila

Comentabamos na última transcrición feita sobre a Guerra da Restauración Portuguesa, que remataba o ano 1643, deixando como principal resultado favorable ás tropas portuguesas, a toma do recinto amurallado de Salvaterra e o arrabaldo, que por certo, non é exactamente o que na actualidade existe.

Prosigo no ano 1644, no que sucederon unha serie de feitos, que de xeito resumido son os seguintes:

Continuaron os sucesos militares na rexión de Entre Douro e Minho, inda que os máis relevantes, pola súa intensidade e crueldade, tiveron por escenario as terras das Extremaduras. Houbo varios encontros en Tras os Montes e Beira. Portugal envía a Franza o Marqués de Cascaes como Embaixador extraordinario, chegando a Lisboa como Embaixador da Franza o Marqués de Roylbac. No Brasil, da man de João Fernandes Vieira, da principio a restauración naquela provincia. Restitúese en Tanxer a obediencia do Rey, polos sucesos ocorridos en Mazagão. Pérdese en Ceylán a fortaleza de Negubo. Houbo alternancias en Macao. Sucede nas posesións da India o goberno de D. Filipe Mascarenhas. De Entre Douro e Minho, pasa a gobernar o Alentejo o Conde de Castell-Melhor, este intenta tomar por sorpresa Badaxoz e fracasa. Resolve o Rey pasar por segunda vez ó Alentexo. Sae en campaña o Marqués de Lagáñez: gaña o forte e a ponte de Olivenza, levanta o forte de Terena e retírase sin oposición do exército, que estivo agochado entre as oliveiras. Mandou o Rey acuartelalo e retírase para Lisboa. Houbo varios encontros nas rexións de Entre Douro e Minho, Tras os Montes e Beira. Intercambio de noticias entre as embaixadas. Continúa en Pernambuco João Fernandes, Virey, no intento da liberdade daqueles pobos: reúne tropas, procuran os holandeses desbaratar o sitio das Tabocas, onde se aloxaron, pero fracasan. Chega a Bahía André Vidal, desbaratan ambos por segunda vez ós holandeses, continúan a guerra con notables progresos. Houbo graves sucesos en Tanxer e Mazagão. Entra en Goa Dom Filipe Mascarenhas de Ceilán, onde recibiu a nova de ser Vice-Rey daquel Estado.

Continuaba sendo o Conde de Castell-Melhor o Gobernador da provincia de Entre Douro e Minho, no entanto, proseguían os traballos da fortificación de Salvaterra. Non daba o rigor do inverno para ennobrecer con novas empresas militares a gloria das que conseguirá naquela guerra, máis, por non ter as armas ociosas, mandou por Duquizné armar a corenta cabalos, atacaron con eles un grupo de gastadores que andaban a cortar estacas nunha quinta veciña. Derrotounos Duquizné e capturou, entre outros prisioneiros, ó Capitán Luís da Vide de Andrade Portuguez, con duas feridas.

Por outra banda, o mesmo tempo, mandou o Conde ó Capitán D. João de Sousa, Antonio de Sousa Menezes Gobernador de Melgaço e ó Capitán Antonio Álvaro, que entraran na Galiza con mil Infantes pagos e da Ordenanza, pola parte de Fiães, situada na raia seca. Executaron as ordes e queimaron catro lugares, tendo entrado a Monte Redondo, actual distrito de Arcos de Valdévez, xa reedificado. Atacounos o inimigo con máis poder, resistiron valerosamente facendo retirar ós galegos e aínda que varias veces os alcanzaran no camiño, recolléronse sen maior dano.

Poucos días despois deste suceso, mandou o Conde a Rui Pereira Sotto Maior, Capitán Maior de Caminha, con 200 homes en barcos a atacar un reduto, que o inimigo fabricara na barra de Caminha, que o ano anterior fora envestido sen consecuencias. Atacouno Rui Pereira nesta ocasión con mellor fortuna, porque o gañou e puxo por terra sen oposición.

O Conde de Castell-Melhor, non querendo pasar o tempo ocioso, nin os días sen facer grande cousa, pasou de Salvaterra a Vila Nova de Cerveira, con intención de mandar atacar a vila da Barca de Goián, que fica enfronte, poboada por 250 moradores e guarnecida con 200 soldados. Estaba rodeada de trincheiras que defendían catro pezas de artillería, a pasaxe do río estaba tamén fortificada.

O Conde entregou ó Mestre de Campo Diogo de Mello Pereira 500 Infantes, con esta forza pasou o outro lado do río en barcos, que estaban preparados para este efecto. Chegaran ó romper o día e sendo descuberto o rumor dos barcos polos centinelas, acudiron os galegos a guarnecer as trincheiras do río, porén tanto foron envestidos que as desampararon, levando o temor de que acontecera o mesmo ás que rodeaban a Vila. Atopáronas tan mal defendidas que entraron os soldados portugueses, saquearon a Vila e puxéronlle fogo. Mandoulles o Conde repetidas ordes para que se retiraran sen dilación, recelando que o Marqués de Távora, Gobernador das Armas da Galiza acudira dende Tui, onde estaba, coa cabalería e Infantería da que dispuña e que distaba tan só dúas leguas da Barca de Goián. O final así foi, pero cando chegou ó lugar có socorro, xa o dano estaba feito sen remedio, logrando os portugueses cruzar o río con todo o botín que puideron levar. Vingouse o Marqués de Távora en D. Diego Bermúdez a quen prendeu, Cabo da xente que defendía as trincheiras do río, en nun axudante quen mandou aforcar, merecido castigo polo mal que procederan….

Continuará.

Transcrito en Salvaterra a 15 de xullo do 2023

Fonte: Historia de Portugal Restaurado, escrita por Dom Luís de Menezes, Conde de Ericeira. Biblioteca Nacional de Lisboa.