Viva Vigo!

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Carlos Caballero
Xoán Carlos Caballero – Mestre no CEIP de Salvaterra

En Lucifernalia o día é máis longo que no solsticio do verán finlandés. Dende aquí, se nos acercamos ao extrarradio nas longas noites invernais, pódense observar as auroras boreais producidas polos insignificantes, pero cada vez maiores beléns dos concellos dos arredores, que acabaron sucumbindo ao diaño e ás súas perversas intencións de mudar a comarca nun lugar tenebroso. A pesares da grave crisis enerxética, non dubidou en magnificar aínda máis o espectáculo, desoindo as recomendacións do goberno de reducir o gasto de enerxía ao resto dos cidadáns.

Tras ser expulsado do paraíso, pola indiferencia e falta de apoio obtido nos diferentes reinos celestiais nas eleccións de 1997, prometeuse así mesmo que volvería para vingarse. Dende o día que lle cortaron as ás comezou a elaborar o seu plan, sen presa pero sen pausa. A vinganza é un prato que se serve frío, pensou mentres afiaba o seu tridente.

A súa soberbia era tal que cría que a el e a Deus só os diferenciaba a omnipresencia.

Hoxe en día non é difícil estar nos medios de comunicación ou ser trending topic nas redes sociais. Calquer estupidez ou parvada que digas ou fagas, pode ser vista por millóns de persoas nun día. Observando o tirón mediático que teñen os frikis, para estar a todas horas nos medios, decidíu transformarse nun deles. E foi ese o camiño que escolleu para introducirse nos fogares do país é converterse en omnipresente. A partires de aí foi un non parar, tanto baila break-dance como swish-swish, di que o Nadal no planeta comeza cando el prende as luces ou que a Estación Espacial parouse durante un día para mirar a mellor iluminación navideña do mundo.

Xa só faltaba buscar un plan co cal rebentar a cidade sen levantar sospeitas. Aproveitando que Vigo ten Ría e que o quecemento do planeta vai en aumento, decidiu acelerar o proceso colocando millóns de luces en tódalas rúas para trocar un lugar celeste no averno.

Ao principio todo era magnifico, as longas noites do inverno facíanse máis curtas, as rúas cheas de xente, as árbores e parques nevados e os restaurantes estaban ateigados polas persoas podentes. Mesmo pasou a ser coñecida como a Cidade das Luces. E como non, París acabaría pasando a un segundo plano como prognosticara o demo o día que dixo: Que tiemble la alcadesa de París!!! Aos franceses sempre lles quedará o consolo de que a súa sona fora adquirida por outro tipo de luces, máis económicas, máis ecolóxicas e sobre todo máis ilustradas.

Pero toda esta alegría durou poucos anos e acabou pasando factura. As árbores e as plantas comezaron a esmorecer e o osíxeno a escasear, orixinando graves problemas nas vías respiratorias dos cidadáns. A contaminación lumínica provocou na vexetación un estado fotosintético permanente que as acabou esgotando ata a súa desaparición. Todo isto acontecía mentres a auga do mar non paraba de subir, xa que pobos de todo o mundo comezaron a montar o seu propio belén e a competir entre eles, o que acelerou o derretemento dos polos. O mar non tardou en chegar ata á zona centro. Ao principio os habitantes alarmáronse pero pronto se lles dixo que os seus pisos revalorizaríanse porque as rúas serían navegables e poderían ser sucadas por marabillosas góndolas. Que tiemble el alcalde de Venecia! -exclamou o diaño.

Pouco despois, a poboación comezou a ter desprendemento de retina pola contaminación lumínica, pero pagou a pena porque a ONCE aproveitou para trasladar a súa sede a Matamá, polo abaratamento da man de obra.

O apocalipse chegou cando o mar entrou en contacto coa principal central eléctrica que abastecía a urbe. Este feito causou un curtocircuíto que tornou a Cidade das Luces nun lugar tenebroso, para maior gloria do seu artífice. Ese día saudou a todos coa man en forma de V. Mais para sorpresa dos alí presentes, de repente, xirou o pulso e amosou os dorsos das súas mans sen desfacer a letra. Nunca antes se lle entendera tan ben o inglés. Con ese xiro, a V de Vigo mudou o seu significado en Fuck You. En galego: que vos den!