O divino garete

Moncho Lareu, Profesor

Curros parodiou A comedia de Dante, logo “divina”, nun excelente poema chamado O divino sainete no que, acompañado polo poeta Añón, peregrina a Roma (daí o termo “romaría”) viaxando nun tren de sete vagóns que representan o que a igrexa católica considera os sete pecados capitais. Nós, que somos ateos e laicos, non cremos no pecado, e si no símbolico do número 7, en varias culturas e tradicións. Van logo, sete ideas ou sete reflexións sobre o 18F:

1. Rueda gaña a medio gas e introducindo con descaro a axenda da dereita española (Amnistía, ETA, imposición lingüística, Putin, Hamas…) na campaña galega. A maquinaria electoral do PPdeG pode conseguir vitorias para quen sexa, incluso para un candidato impopular, antipático, fan de Galicia Bilingüe e posto a dedo. Confírmase un chiste previo á campaña que dicía que se o PPdeG puxera de candidato unha vasoira, gañaría igual. A vasoira varreu.

2. Miramos nacer un pequeno “trumpismo” en Galiza, que vai da caspa cosmopailana de Ayuso ao ridiculismo localista de Jácome, pasando polo traballo suxo, pero ben executado, das plumas máis castizas da prensa rexionalista e polo esforzo indisimulado dos bandullos máis agradecidos da televisión e radio autonómicas. Non podemos infravalorar nin tomar a chufa estes movementos fillos da desafección de amplas capas do pobo co sistema.

3. O renacido candidato do PSdG, tras ser vítima dun lamentábel lawfare, non tivo case tempo de se realizar coma un “Conde de Montecristo dos novos tempos”. A mala prensa que está a coller o sanchismo entre boa parte do seu partido, tamén en Galiza, e a potencia electoral do pontonismo nas zonas urbanas e nas clases medias, foi un lastre demasiado pesado para o lugués. Parece que o sanchismo acepta que Bloque, Bildu e Esquerra ocupen o seu espazo nas “nacionalidades”.

4. A “Rendición de Breda” do beirismo acaba con toda posibilidade dunha socialdemocracia independentista arredada do nacionalismo oficial. Por outro lado, Sumar e Podemos, son caricaturas dos restos da ala federalista daquela alianza mestiza entre estes, o novo (xa vello) municipalismo e un novo (xa vencido) independentismo, que nun momento foron AGE e En Marea, espazos que foron capaces de lle disputar votantes tanto a BNG coma a PSOE.

5. Precisamente, desa capacidade, bebe o éxito posterior e actual do BNG. AGE e En Marea foron os precedentes do que hoxe fixo o BNG. A fronte interclasista, tras fagocitar AGE/En Marea en 2020, consigue así desprazar ao PSdeG como principal oposición á dereita españolista de disfrace autonomista. Nun futuro non moi lonxano podería instalarse na CAG un sistema bipartidista PP/BNG que deixe ao PSOE nun discreto papel de muleta. Veremos.

6. Porén, o Bloque continúa a fracasar nun dos seus obxectivo principais dende hai 38 anos (a data non é un erro) ao ser incapaz de comerlle terreo ao PP. O vello soño do “partido nacional” e do nacemento da “burguesía galega” parece que aínda queda lonxe, malia os affaires do pontonismo con Inditex, a patronal, Mouriño, Santi Rey e todas as forzas vivias e poderes fácticos do País. Eses mesmos poderes fácticos que foron o salvavidas do BNG durante a súa crise da década anterior.

7. A axenda de todas estas forzas é electoralista e reformista. Electoralista, cunhas regras de sufraxio completamente antidemocráticas e tendenciosas (carretaxe, subornos, 5% mínimo, sobrerrepresentación das zonas do interior…). Reformistas dun sistema autonómico colonial, burgués e completamente esgotado. Ningunha das candidaturas que se enfrontaron onte é unha alternativa para o pobo traballador galego. O BNG, que aspira a vivir da autonomía, tampouco.

Pois ben. A única alternativa para nós, traballadoras e traballadoras de Galiza, é a mobilización, a loita, a organización, a creación de espazos de poder obreiro, a aposta clara por camiñar cara un proceso constituínte galego, nacional, que non nacionalista; de clase, que non interclasista, popular; que non populista. O 18F foi un espellismo, agora vén cara nós a realidade, e a realidade é crúa, sen estrataxemas nin exceso de Photoshop.