O 25 de Xullo non é un día calquera

Araceli Gestido, alcaldesa de Cangas
Araceli Gestido, alcaldesa de Cangas

O 25 de xullo é un día especial na miña vida dende que teño uso de razón. Na miña aldea, a Ameixoada en Moaña, era tradición facer unha pequena peregrinación ata Santiago de Ermelo, en Bueu. A igrexa de Ermelo foi en orixe un mosteiro construído no século X, pero quedou destruído no ano 1104 despois dun ataque normando e logo de ser reconstruído polo bispo Xelmírez cambiou a súa advocación de San Benito a Santiago.
Logo desta breve nota histórica, retomo o relato de aqueles días de infancia: o día 25 pola mañá, igual que os veciños de Coiro de Cangas e de San Martiño de Moaña preparabamos a comida e collíamos os carreiros do monte en dirección a Santiago de Ermelo. Lembro aquel monte que aínda conservaba carballeiras centenarias e camiños fondos, misteriosos aos ollos dunha nena. Por desgraza, pouco queda de aquel paraíso natural, que foi substituído por eucaliptais, nunha decisión colectiva que consistiu en “cambiar oro por baratijas”. Por se isto fose pouco aqueles camiños foron rabenados pola Vía Rápida do Morrazo, un proxecto exemplo de mala praxe polo gran impacto que tivo sobre o territorio. Con todo e iso, conservo lembranzas entrañables da miña nenez e adolescencia facendo esta pequena romaxe polos montes do Morrazo para xuntarse con familiares e amigos. Hoxe estes montes sofren unha nova ameaza en forma de muíños xigantes, pero o Morrazo resiste, sempre firme. Mentres damos esta nova batalla soño coa recuperación das nosas fragas, soutos e carballeiras, que os meus fillos xa non coñeceron.
Para rematar dicir que logo de ir á universidade en Santiago de Compostela o día 25 mudou esa imaxe tradicional, por outra mais significada politicamente. Unha etapa mais adulta e xa consciente da identidade colectiva propia e da nación galega, pero seguiu sendo sempre unha xornada de festa, de encontro e de irmandade galega. Neste 25  de xullo deséxovos a todas e todos saúde e patria.