“Na China, a cultura do fútbol é totalmente distinta”

Na China, a cultura do fútbol é totalmente distinta
Alma López Figueiras

Aos seus 33 anos, o mondarizán Xermán López Figueiras –os apelidos non son casualidade, é irmán da que escribe– traballa no sector do fútbol na China desde hai oito anos. Chegou a Pequín a mediados de 2015, como tantos adestradores españois, atraído pola promoción institucional do fútbol e o xurdimento de academias privadas que demandaban persoal estranxeiro cualificado para introducir o ensino deste deporte culturalmente alleo. Naquel momento, despois de rematar os estudios de Ciencias da Actividade Física e o Deporte en Pontevedra e León e de cursar un mestrado de Preparación Física en Fútbol acreditado pola RFEF, prestaba servizos de adestramento deportivo en Pazos de Borbén e colaboraba no Mondariz FC, mais sen suficiente estabilidade económica nin perspectiva profesional.

De Pequín pasou a Chongqing, unha cidade aínda máis grande en poboación, para continuar desenvolvendo a súa carreira no incipiente fútbol base chinés. Coa pandemia de Covid-19, que tivo na China o seu epicentro inicial, o sector das clases extraescolares no que se inclúen as academias de fútbol sufriu duramente polas estritas e prolongadas medidas de prevención de contaxios que aplicaron as autoridades chinesas. Naquel ano 2020, Xermán foi unha de tantas persoas que quedaron varadas en terceiros países, neste caso en Laos, mentres volvía á China días antes do peche de fronteiras en España. Esa experiencia de máis de seis meses agardando en Laos para entrar na China daría para outra entrevista. Lonxe de ser traumática, serviulle para atopar desde a distancia unha nova oportunidade no fútbol profesional asiático, xa que a principios de 2021 entrou na plantilla do Nantong Zhiyun, un club que estaba en segunda división e que agora xoga na Superliga, a máxima competición do país. Chegou para dirixir a escola de fútbol, pero tivo que asumir as funcións de analista, preparador físico e mesmo adestrador durante algúns partidos da presente tempada. Conversamos con el sobre os desafíos desta experiencia profesional.

Lembras con que plan aterraches na China hai oito anos?

Cheguei coa idea de vivir a experiencia noutro país e continente que no fútbol ten mellores condicións laborais que España, de combinar traballo e viaxe para coñecer este e outros países da zona.

Cando chegaches á China mudou a túa perspectiva?

A curto prazo non tanto. En Chongqing, a academia onde traballaba estaba máis organizada pero seguía adestrando nenos, vivindo o momento. A cultura do fútbol é totalmente distinta, tanto a nivel de formación como a nivel profesional. Os nenos miran un balón por primeira vez na academia. Pode ser frustrante despois de toda unha vida vinculado co fútbol, pero as condicións laborais si son profesionais se as comparas con España e podes vivir ben de adestrar nenos.

Sen saber chinés e cun nivel intermedio de inglés, como é o teu traballo?

Na academia, cada adestrador estranxeiro tiña un tradutor chinés asignado. En poucas semanas traballando xuntos as sesións xa ían máis fluídas. Eu levo traballando co mesmo tradutor cinco ou seis anos. De feito, aproveitamos xuntos as oportunidades que xurdiron no fútbol profesional durante o primeiro ano da pandemia. Falamos en inglés, mais co tempo acabas aprendendo o básico de chinés para a vida cotiá.

Como valores o choque cultural?

Ao principio sempre hai choque cultural. A lóxica aquí é moi diferente, e iso inflúe na resolución de problemas. Teñen outra maneira de ver as cousas, pero aí é cando tes que parar e reflexionar, non tratar de impoñer o teu criterio. É unha conversa recorrente con estranxeiros que chegan á China. Recentemente veu un adestrador español novo ao equipo que ao segundo día xa se estaba queixando de que aquí non entendían o seu modelo de xogo. En España é posible que de 20 xogadores, 18 compartan ese enfoque; pero na China é totalmente ao revés. Aquí o raro es ti, pois eles entenden o fútbol doutro xeito. Non hai que frustrarse, hai que resistir e actuar como líder, facerse respectar e así pouco a pouco irán asimilando esas ideas de xogo.

Cales son as claves para facerse respectar sen xerar conflito?

Non impoñer as túas ideas, pero tampouco aceptar que eles impoñan totalmente as súas. Hai que chegar a un entendemento común, mais asumindo que o seu enfoque de resolución de problemas é igual de válido que o teu e ninguén está errado. A xestión da comunicación é moi importante. Hai que escoitar sen interromper. En lugar de negar, convén responder con propostas para ir negociando unha solución intermedia. Aquí hai millóns de persoas que o fan así e lles funciona, é necesario ver as cousas desde diferentes puntos de vista. Alén disto, as habilidades sociais tamén son fundamentais. O simple feito de ser amable e levarte ben coa xente facilita moito a comunicación.

Dicías que os chineses entenden o fútbol doutro xeito. De que outro xeito se pode entender este deporte?

Aquí, tanto adestradores como xogadores teñen unha idea do fútbol máis individual que colectiva. No campo tradúcese técnica e tacticamente en que non lle dan tanta importancia ao pase como ao regateo ou o tiro. Nesa visión individual, moverse para dar apoio non ten prioridade e os xogadores só pensan en roubar o balón para correr cara á área rival e tirar. En España temos unha visión máis colectiva do fútbol, a nivel de xogo e tamén a nivel de xestión de equipo. Aquí os xogadores van máis por libre. Non están xuntos durante a sobremesa, senón que acaban de comer e van para as súas habitacións. Esa falta de comunicación transmítese no terreo de xogo, cun fútbol máis caótico e menos coordinado. Mais cando chegas non podes aspirar a cambiar a mentalidade. Hai xogadores máis abertos, pero este cambio precisa dunha ou dúas xeracións para materializarse.

Que tes aprendido da experiencia de inmersión cultural na China ao longo destes anos?

A nivel comunicativo aprendes moito de ter traballado con persoas de diferentes países, alén de chineses tamén europeos como serbios, alemáns, franceses ou portugueses e persoas de diferentes países iberoamericanos e africanos que veñen como xogadores. Ao final ves que todo o mundo acepta as túas ideas e ti tamén aprenden a través das experiencias que comparten os demais, sobre todo xogadores estranxeiros que teñen xogado a nivel internacional. Falas inglés, portugués, chinés,… e sempre te fas entender. Perdes a vergoña para comunicarte.

Consideras que a formación académica e a experiencia futbolística en Galicia axudou a esta adaptación?

A formación académica que recibes en España é suficiente para abrirche portas a nivel profesional aquí. En España tamén, pero a competencia é maior. Aquí os chineses non teñen tanta formación, xa que maioritariamente son antigos xogadores os que chegan a postos técnicos no fútbol profesional. Con todo, non é suficiente para desenvolverte ti mesmo e cómpre seguir unha formación continua, mesmo a través de cursos en liña, porque a ciencia avanza moi rápido.

Como viviches o desenvolvemento da pandemia na China?

Ao principio coincidiu que estaba en Galicia de vacacións. Cando quixen volver quedei varado en Laos porque na China pecharon as fronteiras a estranxeiros, mesmo con permiso de residencia coma min, durante varios meses. Pero ao entrar no país tan só tiven que pasar o período de corentena obrigatoria nun hotel e realizar tests. Adapteime ben e tampouco vivín en primeira persoa os rebrotes nin o peche de grandes cidades como Shanghai. A competición profesional si que a vivín en burbullas, xa que durante dúas tempadas tivemos que estar concentrados en hoteis habilitados como centros de adestramento, sen poder saír durante semanas. Foi bastante duro, pero xa pasou.

Hai moitos máis galegos ou españois no fútbol profesional chinés?

Nos equipos de primeira e segunda división si hai bastantes españois, e tamén galegos. Na plantilla do Nantong Zhiyun estamos un compañeiro de Santiago máis eu, pero tamén coñezo dous galegos no Wuhan Three Towns, que gañou o campionato o ano pasado cun corpo técnico formado por españois. No Zhejiang e no Shanghai Port, que van bastante ben na clasificación, os adestradores tamén son españois, pero tamén hai máis asumindo funcións de preparación física, por exemplo.

Como ves as oportunidades profesionais no fútbol chinés a día de hoxe?

Agora o boom está en Arabia. Aquí xa pasou, aínda que segue habendo equipos economicamente ben dispostos a traer estranxeiros de renome. Para os profesionais hai oportunidades, pero non é tan doado atopalas porque é necesario coñecer a alguén que te introduza.

E nas academias de fútbol?

Este sector ten sufrido moito pola pandemia e está en vías de recuperación. A febre de 2015 e os anos seguintes xa pasou. Hai que ter en conta que aquí o fútbol é un deporte moi elitista, as familias teñen que pagar bastante para que os fillos xoguen ao fútbol porque é un negocio que vende experiencias con adestradores estranxeiros que falan inglés e tamén permiten esa práctica lingüística. Non todos os clubs teñen desenvolvidas as categorías inferiores a través de escolas de fútbol. En clubs de recente creación, como no que traballo eu, soamente hai tres equipos: o profesional, o sub-19 e o sub-17. Estes clubs soen ter convenios con colexios e mandan adestradores alí, pero os xogadores non son seleccionados polo club.

Durante algunhas semanas fuches adestrador provisional do Nantong Zhiyun. Como viviches esta experiencia e a exposición pública que implica?

Eu era asistente do adestrador principal, pero cando este foi apartado pedíronme que asumise esa función mentres non chegaba un novo adestrador. Supón moito traballo de xestión de persoal e hai que facer entrevistas, roldas de prensa,… Comprendes mellor os nervios que tiñan os adestradores cos que traballara antes. O importante é actuar como líder e controlar a mensaxe. Foi unha experiencia bonita, pero non teño présa por asumir esa responsabilidade. As miñas aspiracións van máis aló da perspectiva individual e penso máis nun desenvolvemento profesional como parte dun equipo técnico.

Confías en que a túa experiencia profesional na China sexa recoñecida en Galicia ou noutro lugar de Europa no futuro?

Os clubs europeos non veñen buscar persoal técnico á China, para conseguir oportunidades é necesario ter contactos e retornar como parte dun equipo técnico. O que si pode ser valorable é a experiencia gañada como analista, por exemplo. Aquí o investimento en recursos é moito maior e dispoñemos mesmo en segunda división de equipamentos técnicos, como GPS, que en España só están ao alcance dos grandes clubs polo seu elevado custo. Ese acceso a nova tecnoloxía é, sen dúbida, unha das vantaxes que temos aquí na China. A min, persoalmente, permíteme estar á vangarda nese eido.

A pesar da distancia, segues os resultados dos equipos galegos?

Claro que leo as noticias deportivas e reviso semanalmente os resultados en preferente e terceira, sobre todo dos equipos nos que xoguei de pequeno. Teño moitos amigos e coñecidos relacionados co fútbol en Galicia.