
Continúan traballando para cubrir o 100% do territorio chegando aos lugares onde non está previsto que vaian as operadoras convencionais. A cambio, o Concello permite a Rede Aberta o uso compartido da liña eléctrica e ter un nódulo de distribución no parking da Ramallosa
Un total de 331 vivendas de Priegue (zona da Mámoa e Navás) e 130 distribuídas por diferentes zonas de Nigrán xa poden beneficiarse
“O compromiso é que non quede ningunha vivenda sen fibra neste ano; é unha medida pioneira que un Concello asuma o seu despregue e o facemos porque sabemos que hoxe en día é un servizo básico”, resume o alcalde, Juan González
Nigrán, 18 de xullo de 2023
A instalación de fibra óptica neutra vai a velocidade ultrarrápida en Nigrán. O acordo asinado hai menos de 2 meses entre o Concello de Nigrán e Rede Aberta para despregala en todas aquelas zonas onde non está previsto que chegue ningunha teleoperadora beneficia xa a 461 fogares. En Concreto, xa están conectadas 331 vivendas de Priegue (Mámoa e Navás) e 130 de diferentes puntos do municipio (rúa dos Pazos, Camiño Vello, Camiño das Angustias, Camiño Pedregal, Avenida do Val Miñor e rúa Fonte do Ouro). Os traballos continuarán ata acadar o 100 % do territorio e se centran actualmente en Panxón (Otero Pedrayo, Quinteiro, Lousas, Pardiñeiro e Touza, entre outros).
Esta iniciativa municipal, practicamente pioneira na provincia, conseguíuse tras chegar a un acordo coa empresa galega Rede Aberta, a quen se lle permite o uso compartido da liña eléctrica e a instalación dun nodo de distribución no parking municipal da Ramallosa a cambio de cubrir o 100% do territorio. Isto implica o beneficio adicional de reducir obras innecesarias e redundantes, minimizar o impacto ambiental e acelerar o procedemento para a conexión de unidades inmobiliarias.
“O compromiso é que non quede ningunha vivenda sen fibra neste ano, é unha medida pioneira que un Concello asuma o seu despregue e o facemos porque sabemos que hoxe en día é un servizo básico”, resume o alcalde, Juan González. Adicionalmente, o concelleiro Diego García Moreira tamén continúa negociando coas teleoperadoras para que cumpran coas previsións, conseguindo finalmente que Moviestar dé servizo xa na rúa Canido, Volta do Médico e parte de Camiño Vello. “Estas iniciativas situarán a Nigrán no 2023 como un dos municipios con mellor cobertura de todo o Estado”, indica.
Compre destaca que a inicios de ano o Concello de Nigrán acadou que o programa ‘UNICO-Banda Ancha’ do goberno central para subvencionar ás teleoperadoras instaladoras de fibra óptica incluíse 822 vivendas do municipio non contempladas inicialmente (esta resolución beneficiou, concretamente, a núcleos urbanos de A Ramallosa, Nigrán e Praia América que paradóxicamente quedaran sen cobertura pese a ter fibra en toda a súa contorna e actualmente están xa desplegados ou en fase de activación).Todo isto súmase ao labor de mediación que leva facendo o Concello de Nigrán entre a veciñanza con problemas de conexión, conseguindo na maioria dos casos resolver o problema ou realizar unha acción coordinada para que ningún veciño quede sen fibra.
Sobre Rede Aberta
Rede Aberta é un operador neutro de fibra óptica, con case tres anos de actividade, e está presente en máis de 60 municipios rurais de Galicia. Con máis de 1.300 quilómetros de fibra óptica despregada para dar servizo de rede neutra, chega a máis de 146.000 fogares.
Rede Aberta é unha empresa galega que forma parte dos proxectos de fibra do fondo CEBF, que está en 7 países de Europa. Constituíuse en 2020 e conta con 20 traballadores directos e máis de 200 indirectos que colaboran despregando a fibra nos municipios rurais. A empresa ten previsto investir 121 millóns de euros ata 2025 para chegar a 400.000 fogares do ámbito rural.