O BNG de Gondomar xa decidiu que a súa actual voceira , a veciña de Peitieiros Manuela Rodríguez, repita como candidata á alcaldía de Gondomar nas eleccións do próximo ano. Nós conversamos con ela.
“Non me vexo gobernando con Paco Ferreira, somos completamente antagónicos”
Xa podemos dicir, Manuela, que vas ser a candidata nacionalista nas vindeiras municipais?
Si, xa se produciu a asemblea local na que escolliamos a cabeza de lista e fun distinguida coa confianza unánime dos meus compañeiros e compañeiras.
Cales son as túas sensacións neste momento?
Estou enormemente honrada pola confianza que en mi deposita a asemblea do BNG de Gondomar e con moitas gañas e ilusión de acadar o apoio de cada vez máis veciñas e veciños
As expectativas realistas?
Temos a esperanza fundada de que imos experimentar un crecemento notable e agardamos sermos unha forza determinante para o novo goberno de Gondomar. Nestes catro anos fomos a verdadeira oposición ao goberno de Paco Ferreira. Unha oposición firme, enérxica, e con alternativas serias.
Iso quere dicir que no caso de que o alcalde Paco Ferreira perdese a maioría absoluta consideras a hipótese de que o BNG participe nun goberno conxunto co PSOE de Gondomar?
Desde logo o traballo realizado polo goberno que encabeza Paco Ferreira nestes oito anos non o fai merecedor de revalidar á maioría. E nós non nos poñemos límites, agardamos que, no tempo que queda até as eleccións, medre a onda de simpatía cara o BNG que observamos ultimamente, e con ela os apoios electorais. Vémonos en disposición de pelexar mesmo polo goberno de Gondomar.
As cuestións referentes a posibles pactos non as vou nin a considerar.
Pero ti Manuela non levas dous días nisto, e eu coincido contigo en que ides ter un crecemento notable, todo apunta a que vai ser así, pero en ningún caso o suficiente como para considerar un goberno do BNG sen o PSOE de Gondomar. Concibes entón un goberno en Gondomar con Paco Ferreira?
Eu non me vexo gobernando con Paco Ferreira, somos completamente antagónicos. El ten unha forma de gobernar que o BNG non comparte. E eu non vou a especular nin a facer quinielas. O BNG de Gondomar vai a por todas e sen ningún tipo de límite. Queremos un Gondomar distinto.
Dicíasme antes que ao teu xuízo Paco Ferreira non merece revalidar a maioría. Por que?
Tanto polo seu talante como polo seu traballo. O seu goberno traballou basicamente para facer cousas no aparente pero non no necesario. Está moi ben que haxa prazas bonitas pero hai cousas moito máis importantes.
Que é necesario que non fixo goberno?
Non apostar por un concello con servizos. En Gondomar falta saneamento, transporte, internet, comedores escolares no CRA ou aulas matinais como servizos de conciliación; non hai dotación orzamentaria para políticas de igualdade, nin políticas de promoción do emprego, nin de apoio real ao comercio local que esmorece.
É grave a falla de saneamento?
Si. O noso concello está infrasaneado, o 60% das súas vivendas carecen de saneamento o que é un problema grave tanto para quen non o ten como para a saúde da contorna natural. Hai un problema de contaminación grave na Foz do Miñor que basicamente está provocado polas deficiencias do saneamento de Gondomar
Cal é a vosa opinión ao respecto da situación da auga de Vilaza?
En 2012 os veciños acordaron ceder a rede e o servizo de abastecemento de auga ao Concello; en 2015 o goberno do PP de Fernando Guitián, asumiu esa cesión. En 2016, sendo xa Alcalde Paco Ferreira, declárase nulo acordo por non se ter levado a pleno. Dende aquela e até a actualidade, sete anos despois, a cesión segue sen se facer efectiva e o servizo de abastecemento de auga na parroquia está a prestarse en precario. Esta claro que a responsabilidade é do goberno municipal. E non resolver este problema implica entre outras cousas que haxa arredor de 200 solicitudes de auga sen atender.
Gondomar non ten PXOM por que?
Este Alcalde xa leva oito anos no goberno e ben tivo ocasión de facer algo máis do que fixo. Este goberno ten responsabilidade, claro que si, de que en Gondomar non haxa aínda PXOM. Todo foron promesas.
O problema de transporte xa está arranxado?
Non, en Gondomar conseguiuse que máis ou menos non se desmantelase o que había grazas á presión do movemento veciñal, porque o traballo do goberno tamén brillou pola súa ausencia. Pero aínda hai moito que facer, por exemplo no que atinxe ao transporte nas parroquias
Como está a situación do polígono de Vincios?
Tampouco se pode dicir que sexa resultado dunha brillante xestión do goberno. Vén de atrás. O tema vai moi lento e non se debeu de facer todo o ben que se debera porque nestes momentos hai unha paralización por unha denuncia dun colectivo de Valadares.
As parroquias de Gondomar están igual de atendidas que o casco urbano?
Non, hai moita diferencia de trato. A atención céntrase basicamente na Vila porque se quere que sexa o escaparate que poida sustentar unha nova maioría para o partido socialista. As parroquias están desatendidas e falta diálogo cos seus representantes
E a política de humanizacións como a valorades?
Humanizacións si, pero non así. A ver, o BNG defende a política de pór as vilas ao servizo das persoas, pero con rigor, non todo vale, e con diálogo previo con todos os actores afectados. Non se pode facer todo de costas á xente, que é a marca Paco Ferreira. Non se pode destruír sen crear alternativas, e falo tanto do acceso aos negocios como das prazas de aparcamento.
Estades de acordo coa compra da casa de Peralba?
Si, nós votamos a favor porque consideramos positivo que o concello de Gondomar se faga con patrimonio arquitectónico e ademais no centro da Vila. Outra cousa é a finalidade a que se destine esa construción. Non creo que teña un proxecto definido, veremos que é o que formula. E o que non tivo xustificación foi a tala masiva de árbores que se fixo no xardín.
Acabamos Manuela. Perdoa que insista con esta pregunta, que xa che fixen varias veces, pero a min, que son nacionalista desde neno, gustaríame ver ao nacionalismo unido en todos os sitios do país. En Gondomar é posible no futuro inmediato?
Eu vouche contestar o mesmo cá última vez: considero que BNG é a casa común do nacionalismo galego, por iso milito nel. E o BNG ten as portas abertas para todas as persoas que se sintan nacionalistas e queiran traballar con honestidade por unha Galiza máis xusta e mellor para vivir.