Constituida a plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública

Constituida a plataforma Cerdedo pola sanidade pública
Lola Varela

No pasado mes de outubro un grupo de veciñas e veciños de diferentes lugares de Cerdedo, que xa viñamos reuníndonos, de xeito informal e aberto, desde hai algúns meses para recoller escritos de queixas dirixidos ao SERGAS nos que reclamamos un servizo de Atención Primaria digna, de calidade e presencial, decidimos constituír a Plataforma Cerdedo pola Sanidade Pública (con páxina en facebook do mesmo nome).

Hai máis de un ano, en febreiro do 2021, diante do deterioro da atención sanitaria no Centro de Saúde de Cerdedo, como consecuencia da case desaparición da atención presencial, motivada pola Covid-19, da non substitución nas horas sindicais ás que ten dereito o único facultativo do noso centro e da desaparición do servizo de Pediatría, dun xeito practicamente espontáneo, un pequeno grupo de unas dez persoas consideramos que chegara o momento de concentrarnos diante do Centro de Saúde para facer público o noso malestar. Empregando as redes sociais e, simplemente, falando coa veciñanza porta por porta, xuntámonos, aínda coas máscaras obrigatorias e respectando a distancia de seguridade, un bo feixe de persoas detrás dunha pancarta que dicía Atención sanitaria digna en Cerdedo e dalgúns carteis onde se podían ler outras das nosas demandas como Médico/Médica todos os días, Atención presencial ou Pediatría xa, posto que se queremos non baleirar máis as nosas aldeas e asentar poboación no rural, deberíamos contar con este servizo durante algunhas horas á semana, polo menos, e tamén coa presenza dunha matrona.Tivemos boa cobertura nos medios desa actividade e de aí foise espallando cada vez máis a necesidade de reclamar os nosos dereitos con toda lexitimidade.

Tras aquela primeira concentración da veciñanza, viñeron outras, a cada máis numerosas, en abril do mesmo ano 2021 e en xullo deste ano cunha asistencia moi nutrida e diversa. Estiveron presentes representantes dos grupos políticos BNG e PSOE e tamén o Sr. Alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela (PP), que á vista da presión social existente decidiu poñerse en contacto co SERGAS e entrevistarse co Xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés. Como froito destas mobilizacións comezaron a cubrise, en máis ocasións, as baixas, permisos e vacacións do noso médico titular, chegando mesmo a nomear algún facultativo ou facultativa para consultar polas tardes, se pola mañá non había posibilidade de substituílo.

A presentación de reclamacións ao SERGAS foi en aumento dun xeito considerable: desde o pasado mes de agosto, e en seis ocasións máis, foron presentadas, polo de agora, no Centro de Saúde case 300 escritos, que nun territorio onde non chegamos a 1.000 habitantes efectivos, e cunha taxa moi elevada de persoas maiores, é una cantidade moi apreciable.

E como estamos nun lugar con poboación moi avellentada e polo tanto máis vulnerable, que precisa dunha Atención Primaria continuada e todos os días para non sobrecargar ao PAC nin ao 061, moitas das persoas usuarias do Fogar Residencial de Cerdedo sumáronse tamén estes días ás nosas queixas por escrito ao SERGAS.

Ao xuntarnos cada vez máis xente, fomos recollendo mellor e máis información; dese xeito hoxe sabemos que o servizo obrigatorio de transporte para as urxencias médicas a domicilio non funciona como debera, ao estar contratado cunha empresa de Radio-Taxi de Pontevedra que proporciona ás veces con retraso un vehículo para atender a zona, no canto de cubrir ese servizo un dos taxis de Cerdedo, para garantir eses 15 minutos estipulados de chegada ao Centro de Saúde para recoller ao médico ou médica. Outra das nosas reivindicacións, relacionada co anterior, é a necesidade dunha ambulancia medicalizada para cubrir as urxencias da zona.

Sabemos que a nosa situación é moi semellante á doutros lugares de Galicia, por iso temos intención de achegarnos a outros colectivos, como a Plataforma SOS Sanidade Pública, que compartan connosco este mesmo obxectivo, o de mellorar a Sanidade Pública, así como participar en convocatorias amplas de mobilización cidadá no mesmo senso. Cando a Xunta convoca menos prazas MIR que as autorizadas polo goberno estatal e, delas, máis de 200 prazas de Medicina Familiar quedan desertas na convocatoria deste ano, cando no orzamento destinado a Atención Primaria recórtanse dous millóns de euros con respecto ao do ano anterior, cando nos últimos anos hai unha diminución anual de case 50 médicas e médicos de Familia e cando observamos un envellecemento dos cadros de persoal nesta especialidade do SERGAS ao non cubrir as baixas por xubilación (cerca dun 20% do persoal de Atención Primaria ten máis de 65 anos), non cabe agardar máis que un deterioro progresivo, como consecuencia dun proceso marcado polos recortes orzamentarios da Xunta da Galiza, que debemos deter conscientes de que estamos a falar dun dereito como é o da saúde, ao que non imos renunciar.