O Concello sinaliza a Mina de Ouro de Val das Bornas, unha xanela ao pasado mineiro do Rosal

Mina de ouro Val das Bornas

Catro carteis informativos ofrecerán ás persoas visitantes unha guía para identificar e interpretar as pegadas da minería antiga neste lugar

O Concello conseguiu unha subvención de case 5.200 euros da Deputación de Pontevedra para a sinalización deste patrimonio histórico

O Rosal, 19 de xullo de 2023.

O Concello do Rosal levou a cabo a sinalización para interpretación da mina de Ouro de Val das Bornas, en San Miguel de Tabagón, unha iniciativa que busca poñer en valor o patrimonio histórico e cultural do municipio.

O proxecto conta cunha subvención de case 5.200 euros da Deputación de Pontevedra a través da que se instalarán catro carteis informativos “que ofrezan ás persoas visitantes ou ás e aos camiñantes casuais unha guía mínima para identificar e interpretar as pegadas da minaría antiga na zona, e amosar os elementos máis relevantes á vista e outros ocultos baixo a superficie, o que permitirá comprender a importancia do lugar”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Con estes paneis informativos tamén se afondará nas investigacións xeo-arqueolóxicas que se levan realizado na zona e as que se están a desenvolver na actualidade. Xunto a estes catro carteis colocaranse dúas sinais de sinalización de acceso ao xacemento.

A mina de ouro do Val das Bornas é un conxunto mineiro galaico-romano cunha gran relevancia xeopatrimonial, con máis de 3.000 metros de foxos identificados e numerosas bocas mineiras descubertas grazas ás recentes limpezas da Comunidade de Montes de San Miguel de Tabagón e de Pías. Conta cunha chea de labouras mineiras subterráneas e superficiais que se espallan dende a cabeceira do val ata a súa unión co val do Tamuxe, 15, km augas abaixo.

A área conta tamén con restos de minaría de estaño do século XX, que aproveitaron as antigas labouras mineiras. A espectacularidade dos traballos mineiros ao descuberto e o seu interese xeopatrimonial converten o sitio nun lugar senlleiro para o coñecemento do gran ciclo mineiro galaico-romano do ouro.