A Valedoría solicita información sobre o problema da auga en Vilaza

BNG A Nova Peneira

O BNG denuncia que o goberno de Gondomar tampouco atendeu o segundo requirimento da Valedora do Pobo

Manuela Rodríguez: “A primeira solicitude de información foi o 3 de maio. Non contestaron. A segunda foi o 6 de xuño. E tampouco. E o problema da auga en Vilaza, creado polo propio Ferreira en 2015, segue sen se resolver oito anos despois. E esa a dedicación a que se refire o Alcalde para xustificar os salarios do seu goberno?”

Gondomar, 19 de xullo de 2023.

O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar denuncia a actitude irresponsábel do Alcalde de Gondomar que, por segunda vez, non da resposta á petición da Valedora do Pobo. Esta demandáballe información sobre o servizo da auga en Vilaza a raíz da queixa presentada pola Portavoz Municipal do BNG, Manuela Rodríguez, diante da falla de solución ao problema da auga nesa parroquia.

A voceira nacionalista considera lamentábel a actitude do Alcalde: “a primeira solicitude de información foi o 3 de maio. Non contestaron. A segunda foi o 6 de xuño. E tampouco.” E lembra que o problema da auga en Vilaza, “creado polo propio Ferreira en 2015”, segue sen se resolver oito anos despois. “E esa a dedicación a que se refire Ferreira para xustificar os salarios do seu goberno?”, pregúntase Rodríguez.

Desde o Bloque indican que a Valedora, con data 10 de xullo, volveu reclamar ao Concello a información requirida xa por terceira vez, lembrándolle o seu deber de colaborar no rápido esclarecemento da situación que dá lugar á queixa do BNG. Advírteo tamén de que, de persistir na súa negativa de aportar a información solicitada, pode ter consecuencias legais.

O BNG de Gondomar insta ao goberno local a que “se poña a traballar dunha vez” e solicita a convocatoria urxente da xunta de portavoces dos grupos políticos municipais para lle dar solución á problemática administrativa do paso da denominada Comunidade de Augas para Uso Doméstico de Vilaza á titularidade do Concello de Gondomar.

Para a Voceira do BNG é urxente garantir que o servizo de subministración de auga sexa prestado polo concello en Vilaza coas mesmas garantías, dereitos e deberes que os demais usuarios da rede municipal. Tamén que se garanta acceso ao servizo a todas as novas vivendas que así o soliciten, xa que, segundo o expediente existente no concello, habería preto de 200 solicitudes en lista de agarda, “algo completamente irregular cando se está a falar dun servizo básico, de competencia municipal e de obrigado cumprimento”, lamenta Rodríguez.