
Non escollemos un día moi apropiado para falarmos, pois seica tivemos a desgraza de que un policía municipal do teu concello faleceu hoxe de maneira inesperada?
Si, ultimamente os días non son especialmente alegres, pero se cadra hoxe é peor aínda ,pois esta noite un policía local que levaba moito tempo con nós, e que asemade era un traballador exemplar, faleceu dun ataque ao corazón na súa casa. Aproveito a oportunidade para expresar as miñas condolencias máis sentidas á súa familia.
Esta situación non é fácil para ninguén, pero os alcaldes e alcaldesas tedes unha enorme responsabilidade enriba vosa. Como vas ti de ánimos?
Eu estou moi ben de ánimos. Son moi consciente da miña responsabilidade e desde logo estou preocupado, e ocupado en que as veciñas e veciños que poidan enfermar sexan os menos posibles, pois o máis grave non é ter que estar na casa, o máis grave sería non podermos estar nas nosas casas por estarmos enfermos.
Que medidas está a tomar o concello para botar unha man aos segmentos da poboación que peor o poden estar a pasar nestes difíciles momentos?
Temos un servizo de atención directo non, directísimo, coa nosa veciñanza que poida precisar axuda, todas a s semanas estamos con eles. Tiñamos un grupo de usuarios que precisaban axuda dos servizos sociais, agora, polas circunstancias obvias, o seu número é maior. E nós imos casa por casa a brindarlles a axuda que puidesen precisar. Teño que agradecer a implicación intensa dos concelleiros, que en boa medida asumen esta labor persoalmente para minimizar os riscos de contaxio ás persoas voluntarias que tamén asumen este tipo de labor asistencial. Iso en canto ás persoas de menos recursos económicos, no que respecta ás persoas maiores e ou con problemas de mobilidade, desde o Concello facémoslle a compra e levámoslla a casa. E por último potenciamos ao máximo nivel o servizo de axuda no fogar cunhas traballadoras, que, teño que dicir, son un exemplo.
Levar máis dun mes confinados nas nosas casas require un elevado grao de compromiso cívico. Estás satisfeito do nivel de civismo que está a amosar de momento a sociedade de Nigrán?
Estou máis ca satisfeito, estou enormemente contento, non só de como se comporta a sociedade do meu pobo senón de como o fai a sociedade en liñas xerais. Esta é unha situación absolutamente nova, non a viviu antes ningunha persoa nunca, e o comportamento cívico, en liñas xerais está a ser exemplar. Pode haber excepcións, e incluso as circunstancias de cada un en calquera momento nos poden levar a cometer algún erro, pero eu nin son xuíz nin o vou ser, e como che dixen, o nivel de civismo que observo, en liñas xerais, paréceme admirable.
En zonas esencialmente turísticas, como pode ser por exemplo o teu concello ,existe certa tensión, incluso certo nivel de alarma social sobre grupos de persoas doutras zonas de estado que se desprazan a segundas residencias. Que percepción ten o alcalde de Nigrán agora que comeza a semana santa?
No que respecta á presenza física polas rúas, non se nota nada. Se cadra pode percibirse algo nalgún supermercado no que si hai algunha xente de fóra que acode a mercar. Quero dicir que o traballo das forzas de seguridade, no control do respecto que todos debemos gardar das instrucións das autoridades sanitarias, tanto da policía local como da garda civil, está sendo magnífico, eu diría sobresaínte. Teño tido a oportunidade de velos traballar e o grao de solvencia, pedagoxía e ata delicadeza co que desenvolven a súa responsabilidade é espectacular. Con isto quero dicir que as propias forzas de seguridade saben moi ben como terían que actuar no caso de que houbese persoas que incumpriran as normas e viñesen ás segundas residencias, e que os veciños non debemos actuar a modo de policías ,pois nin o somos, nin en moitas ocasións coñecemos as circunstancias persoais de quen vive ao noso carón.
Cal é a situación da residencia de Patos?
Pois nós comunicamos á Xunta que tiñamos esa marabillosa residencia con habitacións individuais, con vistas ao mar e nunhas moi boas condicións para o que fixera falta, e a Xunta derivou alí persoas de residencias creo que de Vigo e de Cangas. Son persoas maiores que están sas , de todas maneiras non suporía ningún problema pola miña banda que trouxeran a algunha que estivese enferma. Eu creo que sempre cómpre ter empatía cos que poidan estar sufrindo e se nos pasase a nós, a ninguén nos gustaría que nos tratasen como apestados.A residencia de Patos ten unhas condicións moi boas, e desde logo se ma ofreceran para un familiar meu, non o dubidaría en ningún momento.
Tes constatado o número de positivos que hai no Concello?
Non, o número exacto non. Sei que máis ou menos están na media dos que hai en toda Galicia.
O confinamento prolongado pode levar ao crack psicolóxico ás persoas que máis lles custe aguantar, algunha mensaxe en positivo ao respecto?
Eu faría fincapé en dúas ideas: A transitoriedade, e a necesidade que todos temos do benestar das persoas que queremos. Esta situación dure máis ou dure menos, é transitoria, e canto máis responsablemente cumpramos as indicacións sanitarias, menos durará. E todos precisamos que os noso seres queridos estean ben, protexámonos todos a todos con responsabilidade e contribuiremos a que os nosos estean protexidos tamén. É difícil, desde logo que si, desde o Concello de Nigrán sabémolo e manifestamos o compromiso de non deixar a ninguén atrás. Se algún veciño precisa asistencia psicolóxica que por favor nola pida, e teraa.
Remato Juan, todos os anos teño o costume de entrevistar a Felipe e facer unha reportaxe do marabilloso Nigrán Jazz ,agardo que este ano non sexa unha excepción?
Eu agardo o mesmo ca ti. Pero claro, este ano vai ser un ano diferente en relación coas moitas actividades de verán que habitualmente facemos, algunhas por desgraza non se poderán facer. Nigrán Jazz é a finais de Xullo, eu espero que para esa data non haxa problema.