O BNG propón aplicar un tipo de gravame progresivo no imposto da plusvalía en función da antigüidade de adquisición do terreo obxecto de transmisión

Xavier Rodríguez Nigrán BNG

Propón diminuír dende o tipo fixo vixente do 27% ata un tipo impositivo do 10% para os terreos urbanos con 20 ou máis anos de antigüidade, pero aplicar o máximo que permite a lei, un 30%, ás transmisións realizadas nun período menor a un ano.

Os nacionalistas rexeitan, non obstante, rebaixas indiscriminadas do imposto que non distinguen entre os diferentes supostos e benefician á especulación urbanística

O BNG de Nigrán apoiou a aprobación definitiva da modificación da Ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre o incremento de valor de terreos de natureza urbana, realizada a iniciativa dos servizos técnicos municipais, por ordenar a regulación indiscriminada dos beneficios fiscais aplicados ás transmisións por causa de morte, que en Nigrán supón case a exención do imposto, ao aplicar unha bonificación do 95% a todas as transmisións por esta causa, a diferencia de outros concellos como Vigo onde a bonificación é do 50%.

Valoramos positivamente a modificación porque introduce indicadores da capacidade económica do contribuínte á hora de bonificar o imposto, como é a posesión dun maior número de inmobles. Hai que lembrar que a vivenda habitual da persoa falecida queda baixo o paraugas da bonificación, pero non así outros terreos urbanos que pasan a ter a imposición correspondente ao incremento de valor posto de manifesto, evitando a prebenda económica de eximir practicamente de tributación a contribuíntes cunha maior capacidade económica, entendida neste caso como un maior número de inmobles.

Non obstante, a modificación realizada quédase moi curta a xuízo do BNG, que propugna un cambio máis profundo na ordenanza coa substitución do tipo único do 27% existente actualmente a un modelo cun tipo de gravame que vaia diminuíndo segundo os anos transcorridos dende a adquisición do ben, dende o tipo máximo contemplado pola lei, do 30%, para transmisións realizadas nun período de menos dun ano, ata un tipo do 10% para as propiedades que leven 20 anos ou máis sen cambiar a súa propiedade.

Con isto preténdese penalizar a especulación do solo, gravando máis os incrementos de valor que se materialicen en moi curto espacio de tempo, beneficiando en cambio as transmisións realizadas despois de moitos anos, tal e como poden ser a maioría das herdanzas.

En calquera caso o BNG mantén a coherencia no seu posicionamento en materia de política fiscal “fuxindo de propostas indiscriminadas de rebaixas impositivas que non ten en conta a capacidade económica dos contribuíntes” en palabras do portavoz municipal, Xavier Rodríguez, ademais de compartir que non poidan beneficiarse de bonificacións fiscais os inmobles destinados a vivenda turística no prazo dos catro anos seguintes a acollerse a elas, como medida para fomentar o alugueiro tradicional fronte ao estacional que está reducindo drasticamente a oferta de vivenda.