OIENSE C.F

OIENSE C.F

Jose Manuel González “ Molina” tesoureiro,coordinador e adestrador.

Oia é un pobo onde a afección ao fútbol está inserida na na psique colectiva desde a noite dos tempos, de feito durante moitos anos, nun pobo que apenas supera os 3.000 habitantes, houbo dous equipos de fútbol que disputaban derbis de máxima rivalidade, O Mougás e o Oiense. Hoxe, por desgraza, o Mougás só existe na categoría de veteranos .O Oiense despois de varios anos desaparecido foi refundado hai arredor de 15 anos e conta cun equipo sénior masculino, que disputa a liga de segunda autonómica alén dun equipo benxamín, mixto, de fútbol 8.Nós falamos con Jose Manuel González “ Molina”, o seu coordinador, tesoureiro e adestrador para coñecelos un pouco máis. Velaí vai o que deu de si a conversa.

O pobo de Oia sempre foi un pobo de fútbol”

Cóntanos a túa historia persoal?

Eu son un rapaz de Pedornes que entro na fermosa década dos 40 anos de idade o día de Nadal deste 2024.Traballo na recollida de lixo do Concello. Son fixo descontinuo.

Canto tempo levas no Concello?

Arredor de tres ou catro anos.

A ti, todo o mundo te coñece por “Molina”.Tendo en conta a túa relación co mundo do fútbol vou especular:Fuches porteiro e o teu alcume ven polo antigo porteiro do Depor?

Ha,ha,ha,ha…Non, o alcume ven de que a miña familia era muiñeira. Eu sempre xoguei no medio campo.

Vaia, sen dúbida como detective non me gañaba a vida. Cando comezou a túa relación co fútbol?

Desde que teño uso de razón. Desde que teño capacidade para recordar, sempre estiven emocionalmente moi vencellado ao fútbol. Xoguei ao fútbol entre os 7 e os 23 anos, que foi cando comecei a adestrar

En que equipos xogaches?

Xoguei: no Mougás, no Ribera do Rosal, no Erizana de Baiona e rematei xogando no Oiense.

O Oiense estivo desaparecido un tempo, verdade?

Si, desde mediados dos 90 do século pasado ata o 2008-2009 que foi cando o refundamos.

O nome é o mesmo que tiña na etapa anterior?

Si, o mesmo: Oiense C.F

E o uniforme é tamén o mesmo?

Si, tamén: medias e pantalóns de cor negra e camiseta vermella.

Dicíasme que eras mediocampista. Honestamente Molina: Eras dos que construías ou dos que zoupaban?

Ha, ha, ha, ha, ha…. Procuraba construír, pero se había que zoupar tamén o facía. Eran outros tempos. Hoxe xógase dunha forma distinta e probablemente non se puidese facer.

Por que vos decidistes a re fundar o club?

No noso Concello sempre houbo dous equipos o Mougás e o Oiense. E o meu compañeiro Enrique Campos,o noso actual presidente, comentoume a súa idea de volver a fundar o Oiense. A min pareceume estupendo, puxémonos a elo e grazas á súa idea estamos vivos de novo.

O Mougás segue existindo?

Só en veteranos. Cando nós comezamos chegamos a compartir competición dúas temporadas, logo eles desapareceron

Foi moi difícil crear de novo o equipo?

Fácil non foi. Desde o punto de vista burocrático foi bastante complicado. Aínda que por parte da federación todo foron facilidades o asunto tivo a súa complexidade.

En que división empezastes?

Na máis baixa, en terceira autonómica.

Este ano celebramos o éxito do ascenso?

Si, estivemos en segunda, baixamos e despois de estarmos catro ou cinco anos en terceira este ano volvemos á segunda autonómica, que é a competición que disputamos na actualidade.

Cantas categorías tedes?

Un equipo sénior masculino e un equipo benxamín de fútbol 8

O equipo de benxamín é mixto?

Si, pero só temos unha nena. É un equipo de fútbol 8 que ten 13 fichas: 12 nenos e 1 nena.

Por que ten só unha nena?

Nós estariamos encantados de termos máis, pero o problema penso que é esencialmente demográfico. Cada vez hai menos xente nova no noso pobo. De feito nesta segunda etapa chegamos a ter todas as categorías, pero no puidemos mantelas pola falta de nenos e de nenas .

E non hai posibilidade de crear equipo feminino?

Hai dous anos houbo unha proposta que non saíu adiante. Pero hai nenas de Oia que xogan noutros conxuntos, eu son dos que penso que cun pouco máis de implicación de toda a sociedade e algo de apoio das administracións si sería posible.

En total cantas persoas practican fútbol no Oiense?

Como che dixen 13 no equipo benxamín, e no equipo sénior temos 24 fichas.

De onde son os rapaces?

Fundamentalmente de Oia, pero temos algúns da Guarda e do Rosal.

Agora mesmo( 2/12) en que posto estades?

Neste momento estamos no posto 14 dunha competición de 16 equipos

Parece que hai risco de baixar?

Si claro, risco si que hai, ten en conta que nós somos un equipo que acaba de ascender, pero imos intentar que non sexa así. Considero que temos un bo equipo e estou seguro de que o conseguiremos.

As expectativas deportivas para esta temporada cales son?

Este ano manternos. E para o ano xa veremos.

Tendo en conta as dimensións de Oia, cal é a categoría natural do Oiense?

Eu creo que a que estamos. Debemos de competir con solvencia na segunda autonómica.

Onde disputades os partidos?

No campo das Tornas, a carón do colexio.

Que tal están as instalacións?

Están ben. A herba sintética estreouse en febreiro e está moi ben e as instalacións en xeral están en bastante bo estado.

Que tal é a implicación do pobo de Oia co seu equipo?

É marabillosa. Hai unha implicación absoluta do noso pobo co noso equipo e moitos dos veciños están enormemente implicados. Temos máis de 200 socios e socias e cada domingo arredor de 250 persoas achéganse ao campo a ver xogar ao seu equipo. Á veciñanza de Oia gústalle moito ver a xente de Oia xogar no equipo.

Dicíasme que cando refixestes o equipo compartistes dous anos de vida co Mougás, non?

Si, así é.

Xogastes derbis contra eles?

Si, xogamos

E como eran eses derbis?

Eran quentes, moi quentes. Aínda que eran os nosos amigos, os nosos veciños e os nosos compañeiros un derbi é un partido de máxima intensidade, e todo o mundo quere gañalo.

Como vos financiades?

Coa cota dos nosos socios e socias, coa colaboración de ducias de negocios de Oia, aos que lle expresamos a nosa máis inmensa gratitude, e coas subvencións que nos achegan a DEPO e o Concello.

Que tal se porta o concello con vós?

No que respecta a coidado das instalacións ou na solución das incidencias que poden acontecer ao longo da temporada, pórtanse ben, acoden e resolven de maneira dilixente. No que atinxe á achega económica todo o mundo aspira a máis e nós non somos ningunha excepción.

Cal é o máximo rival deportivo que tendes agora mesmo?

Malia que temos unha relación excelente, o noso máximo rival deportivo nestes momentos é o Ribera do Rosal. Que esteamos na mesma liga inflúe desde logo.

Estar na directiva dun equipo modesto implica terlle que dedicar un montón de tempo. Como levas ti a compatibilidade coa túa vida persoal e profesional?

Eu lévoo ben, porque polo meu traballo teño facilidade para compatibilizar horarios. Por outra parte o Concello pórtase ben comigo e facilítanme as cousas todo o que poden.