O BNG presenta unha moción para recuperar o servizo de normalización lingüística do Concello de Nigrán

Logotipo BNG

A iniciativa foi ditaminada favorabelmente na comisión informativa previa ao Pleno ao contar co apoio de BNG e PSOE e a abstención do PP

A proposta recolle tamén outras medidas como evitar a exclusión do noso idioma na sinalización municipal, sexa permanente ou temporal, ou a utilización do galego nas actividades subvencionadas

Xavier Rodríguez sinala que a recuperación do galego pasa por un maior compromiso institucional e políticas públicas decididas

Os datos feitos públicos polo Instituto Galego de Estatística sobre coñecemento e uso do idioma galego constataron a situación crítica que está a atravesar a nosa lingua. Esta situación, que podemos cualificar de emerxencia, é a consecuencia dunha política lingüística discriminatoria e excluínte. Neste período prohibiuse impartir en galego varias materias no sistema educativo (caso único en Europa), eliminouse practicamente o acceso das crianzas á lectoescritura en galego na rede de escolas infantís ou desapareceu a oferta da programación infantil ampla e actualizada na TVG, entre outras moitas medidas contra o galego na administración, na xustiza, no audiovisual e medios de comunicación, e nas actividades comerciais e económicas.

Cando fai dos mandatos o BNG resultou decisivo para aprobar os orzamentos do concello, esixiu e conseguiu, entre outras cousas, que se puxese en marcha un servizo de normalización lingüística ao abeiro das convocatorias que realiza a Deputación de Pontevedra. Este servizo foi realmente proveitoso, tanto polos materiais editados como pola colaboración con centros educativos ou a elaboración da primeira ordenanza de normalización lingüística de Nigrán. A pesares disto, a falta de convicción, xunguida co desleixo e adornada coa maioría absoluta que llelo permite, fixo que o goberno municipal deixara de acudir ás convocatorias de subvencións e prescindise do servizo.

Os innumerábeis aspectos sobre os que incidir obrigan a tomarse en serio a promoción do galego e non abordalo coma un adorno, tal e como sucede coas actividades subvencionadas polo Concello de Nigrán. A utilización da lingua galega é un dos criterios a valorar nas convocatorias de subvencións de actividades culturais, deportivas e festeiras pero non existe control ningún. Practicamente a totalidade das solicitudes afirman desenvolver na nosa lingua os seus eventos. A realidade é que non é así, pero isto non ten ningunha consecuencia. A mesma situación podemos observala coa prensa á que está subscrita o concello, tanto para a casa consistorial como para a biblioteca, exclusivamente con xornais en castelán. Tamén coa sinalización en instalacións municipais ou nas vías públicas, da que de xeito habitual se exclúe ao galego.

Por iso o BNG propón que o concello revise a súa actuación en materia lingüística coa adopción das medidas propostas para adaptala ao previsto legalmente, partindo da condición do galego como “lingua propia de Galiza” que lle outorga o Estatuto de Autonomía.