BNG exixe reforzar as medidas de prevención, vixilancia e detección “en todos os niveis” ante a vaga de feminicidios

Senado BNG

Carme da Silva demanda ao Goberno do Estado redobrar os esforzos en materia de violencia machista ante a grave e preocupante situación actual

O BNG urxe, en colaboración coas CCAA, a pór en marcha unha campaña específica e mellorar o sistema de protección ás vítimas de violencia machista do Vioxén

Madrid, 26 de xuño de 2025. Ante a vaga de feminicidios que se están a producir no Estado español, sobre todo na Galiza, a senadora do BNG demanda ao Goberno activar todas as medidas de prevención en todos os niveis e reforzar os medios e os recursos na loita contra a violencia machista. Carme da Silva urxe o Ministerio de Igualdade a redobrar os esforzos en materia de violencia machista e máxima coordinación coas Comunidades Autónomas que teñen competencias na materia.

“Dous crimes machistas na Galiza no último mes, que estaban no sistema Vioxén, e cinco feminicidios en todo o Estado -sumado á un de violencia vicaria- entre este luns e o mércores desta semana” contabiliza a senadora do BNG.

Neste sentido, Carme da Silva sinala que “estamos en alerta máxima” polo que as administracións competentes deben redobrar os esforzos e reforzar as medidas de prevención vixilancia e detección en todos os niveis, sobre todo agora que se achega o período estival e as vacacións estivais e as vacacións de verán onde se produce unha maior convivencia das mulleres vítimas de maltrato cos seus maltratadores.

A nivel estatal, centra a senadora as demandas, débese levar a cabo un incremento das medidas de prevención, vixilancia e detección en máxima coordinación coas Comunidades Autónomas que posúen competencias na materia, con especial atención aos servizos sociais e á asistencia sanitaria primaria.

“Cremos que o sistema Vioxén debe ser reforzado para mellorar o grao de eficiencia na valoración do risco, pór fin aos erros e ás deficiencias na protección ás mulleres con ordes de afastamento que son quebrantadas” defende Carme da Silva. A maiores, engade a senadora do BNG, é necesario completar as valoracións policiais con informes forenses de valoración de risco de carácter urxente e, para iso, é preciso dotar o IMELGA de máis persoal e recursos.