BNG denuncia que o PP vota en contra de dotar de fondos urxentes para reparar o ximnasio do CPI da Cañiza

Cristina Fernández Davila sinala que Educación “desatende” un centro cunha “cuberta levantada e con filtracións” que obriga ao alumnado a facer Educación Física “a intemperie” con temperaturas de case 0 graos

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2025.

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Cristina Fernández Davila, denunciou esta mañá na Comisión de Educación a negativa do Partido Popular a votar a favor dunha iniciativa que pretendía dotar de competencia e fondos para reparar de xeito urxente no ximnasio do CPI da Cañiza, un centro de referencia nunha contorna rural.

Fernández Davila expuxo que o centro leva anos reclamando a solución para unhas instalacións deportivas que se atopan pechadas desde hai meses debido ás graves filtracións de auga e ao levantamento de parte da cuberta, un problema que se agravou dende unhas obras incompletas realizadas no 2020. Esta situación obriga ao alumnado a realizar as clases de Educación Física “a intemperie” no patio, mesmo con temperaturas xeadas propias do inverno, pois a alternativa é dar teoría na aula.

A parlamentaria nacionalista criticou duramente a actitude da Consellería de Educación, á que acusou de “pasar a pelota” ao concello, aínda sendo consciente de que a competencia e os recursos para unha obra de tal envergadura son propios da administración autonómica. “A solución non pasa por increpar aos concellos nin exixirlles que asuman competencias impropias” sinalou.

“O único que queremos dende o BNG é estar ao carón das familias e do alumnado que está fóra do seu ximnasio”, declarou Fernández Davila, quen instou á Consellería a asumir a súa responsabilidade e a executar as obras necesarias de inmediato para que os nenos e nenas poidan volver ás súas instalacións deportivas en condicións dignas e seguras.

A cerca de admin 90 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.