- Ecoloxistas en Acción demanda ao Xefe Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria na Coruña que adopte medidas para remediar o risco grave pola situación de labores mineiras sen restaurar no Grupo Mineiro Santa Comba. A organización ecoloxista galega lembralle ao Xefe Territorial que a deixación de funcións pode ter graves consecuencias en termos de perda de vidas humanas, outros danos e perxuizos económicos derivados
- A organización ecoloxista galega solicita tamén á Xefatura Territorial que se proceda a incoar expediente sancionar contra a empresa concesionaria, GALICIA TIN & TUNGSTEN SL, por ter xerado unha situación de risco para a vida das persoas e a fauna, ao non cumprir as súas obrigas de manter en seguranza as labores mineiras dentro das concesións.
- Ecoloxistas en Acción insta ademais a que se proceda de INMEDIATO á revisión de oficio do Proxecto de restauración do Grupo Mineiro Santa Comba, á vista de que na súa tramitación existen indicios de ilícitos penais, ao térense excluído do mesmo o conxunto de labores mineiras, depósitos de residuos mineiros e outros pasivos ambientais, como aqueles que si constaban no “Proyecto de abandono definitivo de las antiguas labores en las concesiones mineras…” de 2007, así como no “Inventario, Reconocimiento y Evaluación de Riesgos de balsas mineras y escombreras de la Comunidad Autónoma Gallega” elaborado para a Dirección Xeral de Industria da Xunta en 1999, que inclúe no seu “Inventario de Balsas y Escombreras de la Comunidad Autónoma de Galicia” os depósitos de residuos mineiros do Grupo Mineiro Santa Comba.
Ecoloxistas en Acción sinala que no ámbito das concesións do Grupo Mineiro Santa Comba, mantidas artificialmente vixentes pola Xunta de Galicia a pesar de ter estado abandonada a explotación desde 1986, existen numerosas labores mineiras (pozos, traballos a ceu aberto, chimineas de respiración, etc.) que nin foron obxeto de restauración nin contan con medida algunha de seguridade para evitar riscos.
En reiterdas ocasións animais salvaxes e domésticos caeron nestes pozos, segundo denuncia á veciñanza e os cazadores dos TECORES da zona. É unha mera cuestión de tempo que o estado de alto risco que presentan estas labores poidan chegar a producir víctimas humanas, dada a frecuencia coa que pola zona se practican actividades deportivas, visitas, etc. Esta mesma fim de semana o parque comarcal de bombeiros tivo que realizar un rescate dun can que se precipitou 15 metros por un destes labores mineiros.
Ecoloxistas en Acción lembra que a Xefatura Territorial e a Administración mineira é perfectamente coñecedora da situación existente desde hai décadas, obrando nos arquivos desa Xefatura numerosas denuncias de particulares e informes da Consellería de Medio Rural que evidencian a gravedade do problema, sen que a Administración mineira teña actuado.
En maio de 2007 a entón aínda titular das concesións presentou un “Proyecto de abandono definitivo de las antiguas labores en las concesiones mineras…” do Grupo Mineiro Santa Comba, como consecuencia do oficio da Sección de Minas de xaneiro dese mesmo ano instando á súa presentación. O proxecto, cun orzamento de 874.332,54 euros incluía a restauración do conxunto das labores mineiras, incluindo a que na pasada fin de semana provocou o accidente antes descrito. Con posterioridade, en 2011, a mesma Administración aprobou un “Proxecto de restauración do Grupo Mineiro Santa Comba” de xuño de 2009 cun orzamento de 53.302,54 euros, que non incluía a restauración das labores abandonadas. A exclusión destas, da que é coñecedor Don ISIDORO MARTÍNEZ ARCA, pode ser constitutiva dun delito de prevaricación e/ou prevaricación ambiental.