A CIG e o 1º de maio

CIG Paulo Carril

A CIG celebramos, o 1º Maio, co lema CONTRA A POBREZA, POLÍTICAS PÚBLICAS E SALARIOS DIGNOS, facendo un chamado a encher as rúas da nosa nación coas nosas reinvidicacións para avanzar nunha saída galega xusta da crise.

Todo o pobo galego, especialmente as clases traballadoras, estamos nunha situación económica e social extrema, que está a ter un impacto brutal sobre as clases populares.

Cando parecía que as múltiples consecuencias da pandemia, que se viñeron sumar á grave situación de emerxencia nacional e social que tiñamos en Galiza, serían os únicos que marcarían os próximos tempos, estamos a ver feitos de grande impacto como é a guerra en Ucraína.

Denunciamos que se estexa aproveitando esta guerra para xustificar en ir a máis nas políticas económicas que se veñen aplicando, que non dan solución aos altos prezos da electricidade, dos combustibeis, dos alimentos e de moitos bens de consumo básicos

Resulta indecente que neste contexto o Goberno español acorde destinar máis cartos públicos para armamento, aumentando até un 2% do PIB, sen dar solución ás graves carencias e necesidades sociais, servizos públicos e defensa do emprego digno.

É imperdoabel que un Goberno denominado de esquerda siga sen tomar medidas de intervención pública na economía, siga sen levar adiante cambios profundos nas políticas económicas e fiscais que acaben cos efectos devastadores que a carestía da vida está a causar nas maiorias sociais para poder ter unha vida digna.

A resposta á pobreza non pode ser máis políticas neoliberais como as que contén o chamado Plan de Resposta Económica á Guerra aprobado polo Goberno español que busca, entre outros obxectivos, a contención salarial, consolidando así os baixos soldos e a pobreza laboral.

Esta ofensiva complétase co chamado Pacto de Rendas e as negociacións do acordo estatal de negociación colectiva onde, de novo, o diálogo social, UGT e CCOO volven estar ao servizo do capital, e baixo a premisa de impor a moderación salarial, imposibilitan calquera recuperación do poder adquisitivo dos salarios. Toda unha acción asentado na renuncia á loita e á mobilización, contribuindo á consolidando dos baixos salarios e da pobreza laboral mentres a patronal vai á segunda volta das negociacións da reforma laboral para gañar en máis direitos, para garantir o aumento dos seus beneficios á nosa costa.

Estamos ante unha serie e grave ameaza de retroceso para os salarios, direitos e condicións laborais, que se suma as anteriores ( reforma laboral, reforma das pensións, etc.) e que buscan reeditar uns novos Pactos da Moncloa de 1977.

Está en xogo o direito a negociar en Galiza os nosos convenios colectivos, o noso poder de negociar e decidir nós de forma directa e democrática as nosas condicións de traballo, os nosos salarios.

Neste contexto, o Goberno galego está máis preocupado na sucesión de Feixó que a gravísima situación que estamos a sofrir, practicando unha absoluta inacción e ausencia de medidas para dar resposta á agonía de moitos sectores, actividades económicas e produtivas básicas do noso país.

Cómpre seguir na loita e intensificar a mobilización, esixindo medidas urxentes como as propostas pola CIG( https://i.gal/propostascarestia) para frear os efectos devastadores dos altos prezos e poder ter unha vida digna,entre as que destacan as dirixidas a reducir a factura de electricidade e o custe dos combustibeis, aprobar a intervención pública no sector eléctrico, implantar unha tarifa eléctrica galega, garantir o poder adquisitivo dos salarios e uns salarios dignos, defender o emprego e os nosos direitos ante a aplicación dos novos ERTES, mecanismo REDE de Flexibilidade e Estabilidade do emprego, etc. Así como outras dirixidas para promover e favorecer a mobilidade das persoas no transporte público e de conxelación dos alugueiros.

Por todo isto, se o 1º de Maio é para nós unha data de reinvindicación neste momento histórico que estamos a viver, no que as nosas reinvindicación van a máis, como tamén necesitamos ir a máis na nosa capacidade de confrontar para conquistar o direito a poder viver e traballar dignamente na Nosa Terra

Asdo. Paulo Carril

Secretario Xeral da C.I.G.

A cerca de admin 52 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.