A defensa da biodiversidade por bandeira

Bandeira Negra economistas en acción A Nova Peneira
Cristóbal López A Nova Peneira
Cristóbal López Pazo | Comuneiro dos montes de Tameiga, militante de anticapitalistas, ecoloxista en acción e veciño constituínte da asemblea veciñal gañaMós

As ecoloxistas en acción levamos 15 anos elaborando o Informe Bandeiras Negras. A iniciativa xurdiu en 2005, interrumpiuse unha tempada e retomouse en 2015 co actual formato no que marcanse un total de 48 Bandeiras Negras no conxunto do estado. Dúas por provincia costeira, o que suman 6 bandeiras na Galiza, sinalándose unha por mala xestión e outra por contaminación. Unha vez máis as ecoloxistas contamos para elaborar este informe coa inestimable axuda de Sabela Iglesias coordinadora nacional de Verdegaia e de Antón Masa presidente da Asociación pola defensa da ría de Pontevedra. A súa xenerosidade vai máis aló da entente colaborativa que domina a relación entre as diversas organizacións conservacionistas ou ambientalistas da Galiza. A nosa loita común por impedir que o planeta se converta nun páramo inhóspito faise máis levadera contando nas nosas ringleiras con titáns como eles.

Bandeira Negra economistas en acción A Nova Peneira

No informe deste ano queremos suliñar que “sen biodiversidad non hai vida” non é un simple lema, é unha máxima que debe converterse na premisa primordial de todas as políticas presentes e futuras. Pero conservar a biodiversidade non é só preservar un determinado número de especies vivas, senón que debemos incluír a conservación dos hábitats e as relacións ecolóxicas que se desenvolven entre as diferentes especies. Débemos entender a intrínseca relación entre a biodiversidade de organismos e a diversidade de ambientes onde estes viven. A conservación das especies está intimamente ligada ao mantemento da saúde dos ecosistemas e a súa heteroxeneidade.

Con esta premisa sempre presente sinalamos as seis bandeiras no litoral galego. Na provincia da Coruña marcamos a Praia dás Delicias en Sada por mala xestión e a Praia de Lires en Cee por contaminación. En Sada, a ampliación do dique do porto e a construción do porto deportivo de Sada coa conseguinte modificación dás correntes mariñas está a afectar á chaira intermareal que queda visible na praia das Delicias co refluxo da marea. Unha chaira fangosa que pode parecer incómoda para o veraneante pero estas praderías de zostera noltii son un lugar de vida imprescindible para manter a biodiversidade da zona, entre esta broza atopan refuxio e alimento outras especies. Unhas praderías ameazadas pola intención de verter área enriba delas para ampliar a praia.

Cinco anos consecutivos leva pechada ao baño a praia de Lires en Cee polo alto índice de concentraciónde E.coli e de enterococos intestinais. Na pequena ría de Lires onde está situada unha piscifactoría de cría e procesado de troita atopamos esta fecal contaminación. Estas verteduras poden proceder dos núcleos urbanos próximos carentes do tratamento axeitado dos refugallos, ou das explotacións gandeiras por verteduras de xurros no río Castro, tributo da ría de Lires. Os organismos oficiais competentes parece que optaron por torcer a vista e limitarse a borrar o nome deste areal da lista de praias pechadas ao baño. A cantidade tan alta de contaminación indica que hai unha importante vertedura na zona que é necesaria localizar e subsanar, non ignorar.

En Lugo marcamos por contaminación a toda amariña lucense. Nos últimos anos todos os veráns sucedense as novas sobre praias neste litoral que se pechan ao baño por contaminación, ao igual que na praia de Lires, sobre todo por altos índices de presenza de E.coli. A maioría dos concellos da mariña carecen dun plan de ordenación municipal e a presión urbanística que soportan no estío coa crecente afluencia do turismo desborda as infraestruturas de saneamento provocando verteduras de augas de refugallo sen depurar. Tanto os concellos da mariña como a goberno da Xunta teñen as competencias necesarias para rematar con esta “marbellización” que esta sufrindo a zona, só é necesario un pouco de vontade política para acadar un equilibrio que non poña en perigo o patrimonio natural da costa lucense.

A outra bandeira, a de mala xestión, reservámola ano tras ano, como unha invariante, para Alcoa. Refírome a Alcoa, a factoría de Lugo, a única planta das tres que segue sendo propiedade do xigante industrial norteamericano. As outras factorías, a de Avilés e da Coruña, mudaron de propietario dúas veces en menos dun ano: de Alcoa a Parker capital e logo a actual propietaria Industrial Risco que anunciou ou peche de parte da actividade e a rescisión de contrato dos traballadores. Pero tamén as familias traballadoras son reféns na planta de San Cibrao do xogo chantaxista para acadar máis exencións fiscais do goberno de turno. Máis cedo que tarde baixarán tamén a persiana e o unico que vai quedar é miseria nunha zona na que desde hai moito vimos denunciando as verteduras dos residuos da bauxita.

Que vai pasar con a enorme balsa de 78 Hectareas de lodo vermello a menos de 1Km do mar nunha zona de 3.500 habitantes? Quen vai pagar a recuperación ecolóxica desta zona, tanto a descontaminación e recuperación da balsa de lodos como do dano feito polas verteduras ao mar? Despois de cobrar máis de 1.000 millóns de euros en subvencións directas imos deixar que se marchen deixandonos co seu estropicio ambiental? Imos permitir que sexan unha vez máis as familias traballadoras as que paguen a desfeita?

Nas Rías Baixas tamén temos outra invariante no noso informe Bandeiras Negras. Por moito esforzo que faga o grupo Ence por pintarse a faciana de verde a base de maquillaxe mediática segue sendo unha das empresas de Galicia que máis contamina. Por se non chegaba coa veleno que mana do procesado da celulosa agora Ence adícase a combustión de aceites usados na planta de biomasa.Na factoría de Pontevedra están queimando 18.000 t de aceites usados, procedentes de motores de automóbiles, de maquinaria agrícola ou industrial.

Segundo afírmase na información recibida, estes aceites adquiridos por ENCE-Pontevedra, soamente foron sometidos a un proceso de eliminación de auga e sedimentos, polo que permanecen neles os posibles metais pesados, PCBs e outros contaminantes que se producen por degradación durante o tempo de utilización anterior como lubricantes. Unha práctica que está absolutamente prohibida tanto na Unión Europea como nos Estados Unidos polas consecuencias que este proceso de combustión provoca na saúde humana e sobre o medio ambiente.

A última bandeira do informe é para o Porto de Marín, pero debería ser para todo o sistema. Unha vez máis a xustiza se enmenda a si mesma para favorecer ao infractor cando este ten apelidos ilustres. En febreiro deste ano o TSXG sentencia que todos os recheos do porto de Marín son legais a pesar de haber unha sentenza firme do Supremo do Estado do 2009 que os declarou ilegais. 

Co gran esforzo económico e humano que representa chegar ata o tribunal supremo, a veciñanza acadou que este declarara ilegal o recheo de Praceres. A sentenza dictaba nulos de pleno dereito os recheos realizados no últimos dez anos e obrigaba a devolver a zona ao seu estado orixinal. O alto tribunal condenaba á Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Autoridade Portuaria do porto de Marín e Ría de Pontevedra á reposición da zona portuaria á súa anterior situación. Nunca se levou a cabo a reposición urbanistica, en 2017 o propio Tribunal Supremo paraliza a demolición das construccións ilegais baseándose en que non podíase saber que recheos son ilegais e cales non, polo que din que non poden executar dita demolición.

A reiterada impunidade dos infractores deste tipo de actuacións facilita que se repitan por todo o noso litoral. Estas actuacións son un grave problema para o medio ambiente e para o ecosistema mariño, merman os recursos naturais e afectan significativamente a economía tradicional da zona. Actuacións deste tipo acaban deixando á xente da zona sen traballo. Temos o propio exemplo no banco marisqueiro de Praceres, foi un dos máis produtivos de toda Galicia e hoxe practicamente desaparecido.

Unha constante repítese en todas as bandeiras negras designadas, en todas está implicado o goberno de turno ben por complicidade nos feitos ou ben por deixación de funcións, neglixencia ou mera desidia. As ecoloxistas estamos fartas de ver como fan reféns as familias traballadoras para xustificar estos desmáns, de ver como se xoga co futuro de todas.