José Alonso, Presidente, e Cesáreo Leirós vicepresidente
José e Cesáreo son o presidente e o vicepresidente da AVV da Portela, de Tameiga, Mos. Eles denuncian que levan desde finais do ano pasado tratando de reunirse co goberno municipal para transmitirlles os problemas máis relevantes que padece o seu barrio e que a única resposta que obtiveron por parte da administración local é o silencio máis absoluto. Por desgraza este modus operandi é o habitual do PP, fiel representante do cancro sociolóxico que leva padecendo Galicia desde a noite dos tempos; a bipolarización da sociedade en amigos, para os que hai todo, e inimigos para os que só hai desprezo. A Nova Peneira falou con eles
A vosa AVVV que ámbito xeográfico abrangue?
A portela é un dos catro barrios de Tameiga, xunto con Casal, Pedra Ucha e Igrexa. O noso barrio comprende os seguintes lugares ¸Ramilo, Rebullón Carballo do Can e Puxeiros. Na nosa AVV hai arredor de 200 asociados e asociadas
Cando creastes á asociación?
Creámola no ano 2003
Ambos estades dese a súa fundación?
Si, os dous somos socios fundadores
A vosa historia é relativamente recente. Cal foi o motivo que vos levou a crear a AVV?
Ben, porque consideramos que a organización da sociedade civil é a mellor maneira de defender os intereses colectivos. O noso barrio, seguro que como todos , ten problemas serios que nos afectan á comunidade e entendemos que é responsabilidade de todos procurar solucións xustas para o conxunto de veciñanza. Nós fundamentalmente procuramos recoller as demandas veciñais sobre as deficiencias e problemas máis importantes e, trasladalos na procura de solucións.
Por exemplo?
O problema do tráfico é moi importante para nós. Ás veces circular por aquí resulta realmente perigoso para os peóns
Cando vós nacestes aínda estaba maría Jesús Escudero de alcaldesa, se comparades ambas administracións que conclusión quitamos?
A anterior administración tiña unha receptividade moito mellor cara a atención das demandas veciñais, esta ignóranos completamente. Nós entendemos que como somos unha AVV independente que non lle di que si a todo, especialmente explícita é a nosa posición contraria ao asunto do celta, a política da alcaldesa cara ao noso colectivo é facer como se non existíramos.
Concrétanos un pouco máis iso?
A finais do ano pasado, non recordo se no mes de outubro ou no mes de novembro, metemos un escrito por rexistro do Concello solicitando que se tratara un conflito que temos en relación cunha vivenda que está no lugar da Feira. No Rexistro dixéronme que o escrito non o podía meter por aí, senón que tiña que ser vía a sede electrónica. Eu creo que é unha forma de darnos largas e eludir tratar con nós o problema ao que nos referiamos
Fixécheslle caso?
Nun principio fomos a correoS e mandámoslle o escrito vía carta certificada. Unha semana despois pasamos polo concello, a carta chegáralle pero insistían en que non lle ían dar curso. Finalmente a principios de ano, no mes de febreiro creo, mandámolo escrito vía electrónica, tal como eles nolo pediron e asemade do asunto da casa que antes che comentei, solicitamos unha xuntanza para tratar os principais problemas que ten o barrio
Que son?
A rede de sumidoiros da zona do Rebullón, a rotonda de Ramilo, a recollida dos contedores de lixo, a promesa incumprida de facer un aparcamento público en Puxeiros, a xestión de tráfico pesado, en definitiva os nosos problemas máis relevantes
Que resposta tivestes á vosa petición de xuntanza formulada nos primeiros meses do ano?
Ningunha, a día de hoxe, catro de xullo, non se dignaron a respondernos.
Para outro tipo de cuestións o concello contacta con vós?
Si, para convidarnos á festa da rosa ou a outro tipo de acontecementos sociais si nos envían convites. Á nosa caixa de correos chegan as cartas do concello pero todas son convites a actos institucionais do concello. De reunirse con nós, sendo como somos unha asociación veciñal perfectamente legal do noso concello non temos ningunha resposta. Debe ser que somos un colectivo incómodo. O tema da casa que antes che comentei pensamos que tamén inflúe. Ese asunto é moi incómodo para a alcaldesa e consideramos que a nosa posición ao respecto inflúe en que non nos queira escoitar.