O BNG denuncia que o PP actúa contra os intereses da veciñanza do Val de Miñor

Todas as emendas aos Orzamentos da Xunta para 2026 presentadas polo Bloque foron rexeitadas polo partido popular de Rueda

Os portavoces municipais de Baiona, Gondomar e Nigrán laméntan que rodete da maioría absoluta do PP galego rexeite a totalidade das trinta emendas parciais formuladas polo BNG, que impedirá, co silencio cómplice do PP dos tres concellos, o investimento de preto de vinte millóns de euros no Val de Miñor”

Carmela González, deputada do BNG: “O PP priva a veciñanza do Val de Miñor dun incremento imprescindible para corrixir a marxinación que as contas de Rueda supoñen tanto para os tres concellos no seu conxunto como para cada un por separado”

Val de Miñor, 30 de decembro de 2025.- O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Partido Popular actúa contra os intereses da veciñanza do Val de Miñor ao rexeitar todas e cada unha das trinta emendas presentada polo Bloque ao proxecto de Orzamentos da Xunta de Galiza para o vindeiro 2026. “Máis unha vez, o rodete da maioría absoluta do PP no parlamento galego, co silencio cómplice do PP de Baiona, Gondomar e Nigrán, impedirá un investimento de vinte un millóns de euros no conxunto dos tres concellos”, indican os portavoces municipais do BNG, Manuela Rodríguez, Iago Pereira e Xavier Rodríguez.

Pola súa banda, a deputada nacionalista Carmela González denuncia tamén que coa súa negativa “o PP priva a veciñanza do Val de Miñor dun incremento imprescindible para corrixir a marxinación que as contas de Rueda supoñen tanto para o conxunto dos tres concellos como a cada un por separado.”

As emendas parciais relativas ao Val Miñor que o Bloque Nacionalista Galego formulou á proposta de orzamentos da Xunta para o ano 2026 centrábanse no reforzamento e alongamento dos servizos públicos, na reactivación económica, no medio ambiente, na vivenda e na mellora da mobilidade e das infraestruturas viarias. Do total das trinta propostas, sete constituían actuacións comúns para os tres concellos por un importe de algo máis de catro millóns de euros.

Máis e mellores servizos públicos para o conxunto do Val

No relativo á sanidade pública o BNG solicitaba o reforzo de medios e de cadro de persoal para a atención á saúde mental no centro de saúdeVal Miñor, que acumula listas de agarda de máis de seis meses.

En relación aos servizos sociais, ante a escaseza de prazas públicas e para facilitar a necesaria conciliación familiar, laboral e social, o BNG demandaba o incremento de prazas públicas de centro de día así como a construción dunha residencia de maiores para os tres concellos. Tamén a creación dun Punto de Encontro Familiar para atender ás tres localidades, evitando así que as persoas usuarias teñan que desprazarse a Vigo.

No tocante ao ensino e o deporte, a emendas ían dirixidas á implantación do bacharelato de artes nalgún dos institutos do Val Miñor para o vindeiro curso 2026-2027, á ampliación do dereito de transporte escolar ao estudantado do ensino non obrigado (bacharelato e FP), e á construción dunhas pistas de atletísmo.

7

Medio ambiente, infraestruturas e mobilidade

En materia de medio ambiente solicitaban a realización dun estudo para a recuperación e rexeneración da Foz do Miñor, na liña de corrixir a contaminación e de recuperar o seu banco marisqueiro.

Propuñan tamén un plan de reforestación con especies autóctonas e desenvolvemento de accións preventivas fronte aos incendios, sempre en colaboración coas Comunidades de Montes en Man Común.

En canto ás infraestruturas e a mobilidade propuñan o estudo para a avaliación do rescate da concesión para a súa xestión pública e a gratuidadeda AG-57, para que fora unha realidade no vindeiro ano, así como, no inmediato e como medida transitoria, bonificacións das peaxes desde o 1 de xaneiro de 2026.

Así mesmo, demandaban a mellora do servizo de transporte interurbano, co incremento de liñas e frecuencias directas para os desprazamentos aos Hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro e á Universidade.

Unha aposta decidida pola promoción publica da vivenda

Unha das partidas de máis importante é a destinada a promoción pública de vivenda. Neste eido propúñase que o goberno galego invistira 10M€ entre os tres concellos do Val para iniciar un plan de habilitación de vivenda de promoción pública combinada con alugueiros de baixo custe, “no camiño de garantir o dereito á vivenda ás rendas máis baixas e de fixar poboación moza nos nosos concellos”, salientan desde a organización nacionlista.

Os tres voceiros municipais do BNG denuncian que, outro ano máis, “o PP volve votar contra o Val de Miñor” por impedir uns investimentos que suporían un reforzamento dos servizos públicos, a dotación de vivenda social e a mellora do medio ambiente, a mobilidade e as infraestruturas viarias, e que incidirían de xeito significativo na calidade de vida da veciñanza e na creación de emprego nos nosos concellos”, lamentan os concelleiros.

Primer comentario

Deixa a túa opinión