OConcello de Nigrán destinará 4,5 millóns de euros de Zona Franca á creación dun espazo deportivo inclusivo en Porto do Molle

O goberno local levará ao pleno do martes esta modificación orzamentaria dos 4,5 millóns que Zona Franca abonou ao Concello polo aproveitamento do parque empresarial

O Concello prevé convocar un concurso de proxectos anónimo e con xurado para levalo a cabo na zona da pista de skate e atletismo

“Esta nova infraestrutura porá fin as carencias de instalacións tanto para os diferentes clubes locais como para o IES Val Miñor”, considera o alcalde, Juan González

Nigrán, 26/09/25.- O goberno de Nigrán levará ao pleno ordinario deste martes unha modificación de crédito de 4,5 millóns de euros destinado a construír un espazo deportivo inclusivo en Porto do Molle. Estes cartos proceden da cantidade económica que Zona Franca tivo que abonar ao consistorio polo aproveitamento de devandita superficie empresarial. O seguinte paso inmediato do Concello será a convocatoria dun concurso de proxectos anónimo e con xurado (como se fixo o ano pasado coa avenida Castelao para a súa remodelación) destinado a construír un parque inclusivo na contorna da pista de atletismo e de skate.

“Os cartos que Zona Franca abonou ao Concello deben reinvertirse en Porto do Molle, e non hai dúbida de que o máis necesario é aumentar as infraestruturas deportivas do municipio e desde un punto de vista inclusivo”, explica o alcalde, Juan González, que busca para este lugar un un deseño emblemático e innovador, polo que aposta pola fórmula do concurso baixo a supervisión do Colexio de Arquitectos de Galicia.

O obxectivo do Concello é que os 4,5 millóns de euros se reinvirtan ao 100% na construción deste parque que deberá cumprir unhas premisas básicas como: manter e completar a pista de skate e de atletismo actual e, adicionalmente, a construción dunha pista cuberta (non necesariamente pechada) para practicar deportes federados como futbol sala, balonmano ou baloncesto. A maiores, incorporaríase graderío ou vestiarios e se considerían máis pistas dentro do orzamento asignado. “O fundamental é que o deseño fomente a práctica deportiva conxunta, tanto adaptada como non adaptada, a accesibilidade universal é un requirimento obrigado”, considera o rexedor, quen avanza que haberá zonas de acceso libre e público (pista de skate, calistenia, bolos celta…) e outras de acceso tamén público pero controlado ou programado para as competicións ou adestramentos.

“Este novo espazo deportivo inclusivo porá fin as carencias de instalacións tanto para os diferentes clubes locais como para o IES Val Miñor, cuxa infraestrutura resulta totalmente insuficiente para as súas necesidades”, valora González e, neste sentido, sinala o paralelismo da adquisición por parte do Concello dos cines do centro comercial da Ramallosa ou a construción da nova biblioteca. “O municipio ten medrado exponencialmente e as infraestruturas deben ir acordes a este crecemento, por iso agora traballamos neste novo obxectivo para que o Pavillón de Panxón non sexa a única opción pública”, finaliza.