O concello de Nigrán culmina a instalación da torre de xogo máis alta da comarca para revitalizar a praza Rosalía de Castro

O concello de Nigrán culmina a instalación da torre de xogo máis alta da comarca para revitalizar a praza Rosalía de Castro

O elemento, de 10 metros de altura e con forma de foguete, sitúase no centro da praza tras desmontarse a antiga fonte sen uso. Consta de tubo de escalada, rede trepadora e dous tobogáns xigantes

Nigrán, 26 de maio de 2023

O Concello de Nigrán rematou hoxe as obras para transformar a Praza Rosalía de Castro, no centro do municipio, nun lugar de referencia para a infancia e as familias. Deste xeito, unha gran torre escalable de 10 metros de altura e con forma de foguete preside o espazo central que ata agora ocupaba unha fonte ornamental sen uso desde hai anos. Este será o elemento de xogo máis grande da comarca e contribuirá a dinamizar un espazo en pleno centro totalmente en desuso e sen case atractivos para a infancia ao marxe dun pequeno parque nun lateral. Ao longo da vindeira semana, unha vez forrado o chan de caucho para outorgarlle a máxima seguridade, abrirase ás crianzas.

O elemento conta cun tobogán recto nun primeiro nivel e outros dous tubulares a máis altura, o superior deles a 7 metros e cunha disposición en espiral.

“É unha torre coas máximas garantías de calidade e seguridade infantil que vai transformar a vida nesta praza e a darlle un pulo inmenso”, destaca o alcalde, Juan González, quen incide que a súa praza veciña, na Biblioteca, tamén dispón dun proxecto para outorgarlle un uso multifuncional con especial atención a infancia (disporá de fontes de auga recreativas como gran novidade na comarca).