Gondomar, 23 de xaneiro.
A Plataforma Veciñal por un Gondomar con Servizos participará no V Certame de Coplas de Entroido da Asociación Cultural Centáurea coa comparsa “As do penico”, unha proposta claramente reivindicativa e de protesta, que utilizará o humor, a ironía e o ton picante propios do Entroido como forma de denuncia social.
Desde a Plataforma subliñan que existen moitas maneiras de pedir solucións aos problemas do concello, e unha delas pasa por empregar o carácter crítico, humorístico e mordaz das coplas de Entroido, onde a letra e a música se converten en ferramentas para sinalar carencias, facer reflexión colectiva e dar voz ao malestar da veciñanza dun xeito popular e accesible.
A comparsa “As do penico” nace coa intención de reivindicar, desde a sátira e a retranca, un Gondomar con servizos dignos, recuperando a tradición do Entroido como espazo de liberdade, crítica social e protesta creativa.
A Plataforma lembra que “aínda está aberto o prazo de inscrición para todas aquelas persoas que queiran sumarse á comparsa”. As persoas interesadas poden contactar coa Plataforma a través das redes sociais. Os ensaios comezarán a vindeira semana.
O V Certame de Coplas de Entroido celebrarase o sábado 8 de febreiro, ás
12.00 horas, en Vincios, e desde a Plataforma Veciñal por un Gondomar con Servizos animan á veciñanza a participar activamente tanto na comparsa como no propio Entroido, defendendo que tamén desde a música, a risa e a crítica se pode facer protesta e reclamar solucións.

Primer comentario