Diario dun confinamento IV: 27 de marzo – 6 de abril

Artigo de opinión A Nova Peneira
Aarón Franco, escritor de Marín

O xa famoso pico da curva non dá chegado máis a sensación de que non está lonxe permite encarar o futuro máis inmediato dunha forma optimista. Núñez Feijoo tortura os meus pensamentos pola súa actitude crápula, un ser poliforme ao que lle dá o mesmo ter que camiñar por riba de cadavres e da situación que estamos a vivir, con tal de renovar o seu mandato á fronte da Xunta de Galiza. Continúa culpando a todo o mundo da situación menos a el mesmo, que é quen leva desmontando a sanidade pública desde hai máis dunha década, préstalle a Madrid os respiradores á vez que merca outros no mercado externo e estes finalmente non chegan, monta hospitais de campaña, absolutamente innecesarios no noso país, para que a Televisión de Galicia poida continuar a facerlle campaña electoral en sesión continua dun xeito totalmente noxento e segue sen adoptar ningún tipo de medida económica que contribúa a mellorar o benestar das familias traballadoras e dos autónomos.

Avanzan os días e semella que desde o 2 de abril a curva de contaxios comeza a entrar nunha meseta que permite entrar nun escenario diferente, mais o número de mortes continúa a ser escandalosamente alto. Sorpréndeme, ou non tanto, a facilidade coa que os medios de (in)comunicación falan do número de mortos como se fosen un simple dato estadístico máis, como se non houbese unha historia persoal e de afectos detrás de cada unha das vítimas que hai día tras día. En Galiza parece que imos con algo de retraso ao tempo que os datos das residencias de anciáns, institucións que me repelen por seren concebidos como simples aparcadoiros, son escandalosos. Nunha residencia de Aldán, contabilízanse ate cen contaxiados. O modelo de residencias da terceira idade é algo que produce repulsión xa de por sí, pero o modelo Feijoo a este respecto anóxame aínda máis, por ser un modelo privatizador na procura unicamente do beneficio económico e que transforma ás residencias da terceira idade en simples moridoiros. Recomendo que se estude o modelo cubano no referido aos coidados da terceira idade, para humanizarse en primeiro lugar, e para despois, estudar un modelo afectivo e respectuoso. Canto hai que aprender de Cuba.

O mundo vai mudar despois disto, a incógnita é se vai mudar a ben ou a mal, as nosas vidas xa non van ser as mesmas, os parámetros micro e macroeconómicos tampouco, sobre todo porque o Matrix do que vivía o capitalismo veuse abaixo. Comézase a falar do ingreso mínimo vital, algo que a simple vista parece imprescindible e algo bo, mais o problema que podería traer sería a letra pequeña, dado que ninguén garante que a consecuencia máis inmediato diso non sexa a supresión de algunas ferramentas sociais das que disponemos como por exemplo o dereito ao cobrar o paro, as pensións públicas ou a mesma sanidade pública que tan demandada é agora.

Unha das probas de que nada vai ser igual é que a UE pode quedar definitivamente finiquitada. A actitude dos estados do norte, como Alemaña ou Holanda, é a propia do capitalismo máis salvaxe. Un sálvese quen poida. A negativa a execeren a solidariedade con respecto aos estados do sur, e á acusación implícita que esa negación conleva, ameaza con dinamitar o proxecto europeo habida conta, unha vez máis, da existencia dunha Europa dos mercados que aunou a varios estados baixo unha mesma moeda que non ten o mesmo valor según o estado do que estemos a falar. A Europa mercantilista e de varias velocidades que ten como beneficiaria máxima a unha Alemaña na que incluso dentro do propio goberno de coalición que encabeza Angela Merkel comeza a haber división respecto da política de solidariedade, como así manifestaron públicamente Os Verdes. Resulta incrible que incluso á propia Francia a vaian deixar no carreiro. A Unión Europea morreu, morreu se non hai un claro cambio de posición e de arquitectura. Eu non creo nas reformas, polo que aínda que muden o seu posicionamento quero e desexo que sexamos quen de derribarmos esa mole chamada UE para levantala de novo, para que sexa nosa. É o momento preciso, é o momento dun cambio dada a situación na que estamos. Mudemos o sistema económico, as súas institucións e os réximes políticos que sustentan dito modelo. Asaltemos os pazos de inverno. Matrix morreu.