ADICAM

Artigo de opinión A Nova Peneira
Fernando Miranda
Fernando Miranda. Libreiro de Bueu

O 19 de outubro celébrase o Día Internacional da Loita contra o Cancro de Mama. Moita xente pretende ningunear estes “días de…” argumentando que calquera causa tense que reivindicar tódolos días do ano. E non lles falta razón nesa afirmación máis estes Días non conlevan exclusividade, simplemente están pensados para visibilizar distintas reivindicacións ou necesidades.

No caso que me leva a escribir estas liñas podo contarvos que coñezo a Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama (ADICAM) desde hai xa uns anos, e sei que traballan os 365 días axudando a levar mellor esta enfermidade ás persoas que a padecen. Mais é neste mes cando son máis visibles grazas ás xornadas que organizan con conferencias e mesas redondas de especialistas en distintas áreas relacionadas con esta enfermidade.

Neste 2021 o Arousa SC tamén colaborou con este colectivo utilizando, a primeira plantilla o domingo 17, unhas camisetas rosas feitas aposta para recadar fondos, afianzando así o carácter provincial de ADICAM.

O propio 19 centran as actividades na súa sede de Cangas cunhas xornadas de portas abertas, pasarrúas, concertos e lectura dun manifesto. E o sábado 23 trasladan as actividades (pasarrúas, charla no Marco) a Vigo, onde xa comeza a ser tradicional que a rúa Principe se tinxa de rosa.

Tamén son moi coñecidas as andainas que, partindo de Bueu e Moaña, conflúen na sede que ten a asociación en Cangas do Morrazo. Aínda que estes dous últimos anos non se puideron levar a cabo por mor da pandemia.

Nelas conseguen reunir a centos de persoas que tinxen as rúas morrancenses coa súa característica cor rosa, grazas a camisetas e suadoiros, que vende a propia Asociación e que contan con deseños de artistas solidarios coma Luis Davila o Leandro Lamas.

Toda esta visibilización serve para algo fundamental, que é o feito de normalizar o ter esta enfermidade. Hai poucos anos a xente non tiña cancro, enfermaban “dun mal malo” (como se houbera algún bo). Agora, grazas a este traballo de visibilización, @s afectad@s por esta enfermidade saben que se pode loitar contra ela e poden coñecer a outras persoas que pasaron ou están a pasar polo mesmo e que as poden apoiar e acompañar nesta loita. Penso que Adicam completa unha labor que debería ser cuberta por un bo servicio galego de saúde.
Este colectivo está formado por pacentes de cancro de mama e familiares que, a fin de contas, tamén sufren a enfermidade. Conta coa inestimable colaboración de profesionais médicos dunha valía persoal e impresionante. Algo importantísimo que tamén conseguen é concienciar á sociedade da importancia das revisións previas, como as mamografías, que detectan cancros a pouco de aparecer e permiten un tratamento máis eficaz

Para levar adiante esta labor venden, como xa vos dixen antes, suadoiros, camisetas, lazos, botella… en resumo “anaquiños de ADICAM”. E tamén deixan que tod@s colaboremos coa súa causa mercándolles participacións de lotería de Nadal, que sempre agotan.

Eu, na medida das miñas posibilidades, procuro botarlle unha man a esta e a outras asociacións, porque o merecen.

Só me queda engadir. GRAZAS ADICAM. GRAZAS ANA.