A carón de onde eu moro, existe unha casa vella que, como tódalas casas, dispuña dunha cheminea, e digo dispuña porque o pico desmontouna insensiblemente, inexorablemente, tixolo a tixolo, non vou entrar nos por ques. Esta cheminea non era unha cheminea calquera, era a cheminea máis artisticamente elaborada de cantas na contorna había. Tiña a peculiaridade de que, estando conformada de xeito rectangular, pola parte superior onde os fumes saen, as catro esquinas representaban as catro provincias galegas cos seus escudos, por un dos laterais tiña debuxada unha filigrana e polo outro un “VIVA GALICIA 1924”, xa que logo non a deixaron cumprir os cen anos, e moito me doeu.
A casa tiña outra peculiaridade, dentro dela había un piano de parede, e ata que a venderon nos anos setenta, foi a residencia de verán da Sra. Dona Teresa Alonso Parada, o seu marido e o seu fillo. Cando viñan no verán, eu, que como digo moraba a carón mesmo, tiña a fortuna de ser un neno agasallado cos xogos de maxia que facía o fillo, pero sobre todo, coa primeira música clásica que escoitei na miña vida, tocada ó piano polas mans de Dona Teresa, tamén do seu marido.
E quen era esa tal Dona Teresa, pois aí vai…
A gran pianista Teresa Alonso Parada naceu no lugar do Campo da Feira en Salvaterra o 16 de marzo de 1912, filla de Nemesia Parada Argibay, mestra e directora da Normal de Pontevedra. Iniciou a carreira musical baixo a dirección da súa tía Elvira Parada, tamén docente no mesmo centro. Ós 17 anos rematou a carreira de piano. Na vila pontevedresa revelouse como pianista, dando varios concertos, participando en diferentes veladas literarias e musicais.
Foi bolseira da Deputación de Pontevedra para continuar os estudos en Madrid. Triunfou rapidamente nesa capital, onde se graduou co Primeiro Premio, gañando máis tarde o Premio Extraordinario “María del Carmen”, obtendo posteriormente o Premio Aeolian, que consistiu na adxudicación dun piano, (seguramente o que tiña en Salvaterra).
Recibiu a axuda da Xunta de Ampliación de Estudos e marcha a París en 1932. Na capital francesa seguiu os seus estudos có mestre Lazare Lévy e cós cursos de Alfred Cortrot.
Iniciou posteriormente a sua etapa de concertista, ofreceu algúns recitais en diferentes cidades españolas, época na cal Joaquín Turina definiuna como “pianista de seda”, por la finura do seu estilo. O día 06 de xuño de 1935, participou desinteresadamente no Centro de Cultura Femenina de San Sebastián no concerto con obras do P. Nemesio Otaño, executando no piano Pleyel de dito Centro, parte das composicións pianísticas dese nomeado autor, acaso as menos coñecidas, salvo a Suite Vasca, que escribira para o Orfeón Donostiarra, (transcrita para piano polo Mestre Enrique Granados). Sabemos, polo programa que se conserva, que tocou na terceira parte da actuación as seguintes pezas: Suite Vasca en 4 tempos, Allegro moderato, Adagio, Scherzo e Tempo de Marcha, de seguido interpretou Vals-Estudio (sobre un tema de duas notas), As Cavaducas (danza montañesa) e finalizou con Do Tríptico relixioso (estreo). Scherzo do Asperges nº 2.
En febreiro de 1936, despois dunha serie de recitais dados pola Galiza, rematando o periplo en Santiago, dispúxose a saír para Berlín a continuar os estudos que xa perfeccionara en París.
En Leipzig, Alemaña, recibiu os consellos de Robert Teichmüller. En Viena, Austria, fixo amizade con Emil von Sauer, que daquela era o profesor do Conservatorio, participando no disputadísimo concurso internacional desa capital.
Un concerto que deu en Madrid foi emitido en directo pola radio sendo escoitado na súa terra.
En novembro de 1937 deu un concerto benéfico patriótico en Vigo.
O 13 de abril de 1944 obtivo a Cátedra no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, centrando a súa carreira no ensino. Aquí coincide coa pianista e fotógrafa de Pontevedra Pilar Pintos Poncet, con quen mantén unha estreita amizade. Ela vai ser quen lle recomende como mestre ó catedrático de música de cámara Tomás Andrade de Silva, quen se converteu posteriormente no seu marido e con quen tivo un fillo, Rafael.
De talante progresista tamén nos tempos más difíciles, destacou sempre canda o seu esposo, polas súas conviccións democráticas.
Entre os seus numerosos alumnos salientan, José Ortiga, Rosa María Kucharski, Juan Alemán, Consolación Castro, Margarita Degeneffe, Flor Rodríguez, Gloria de Loizaga, José Luís Fajardo, María Auxiliadora Vélez del Castillo, etc.
Teresa foi autora de gran cantidade de obras, destacando o Ensayo para un Nuevo Cuestionario Pianístico. A súa investigación céntrase nunha técnica pianística que logra dotar ás intérpretes dunha elasticidade que permite conseguir matices sonoros, onde fican de manifesto as súas innovacións estilísticas e técnicas, herdadas polos seus discípulos.
Dotada dunha fortaleza e presencia de ánimo que contrastaban coa súa complexión miúda e as súas delicadas maneiras, traballou incansablemente prá transmitir os seus coñecementos sobre esa técnica pianística excepcional que, mediante a coordinación dunha serie de esforzos e relaxacións dota ó pianista da elasticidade necesaria prá interpretar comodamente, mentres lle permite acadar a máis variada gama de matizacións sonoras.
O 04 de maio de 1961, aparece có número 25 na escala de Catedráticos Numerarios, Profesores Especiais e profesores auxiliares numerarios, dependentes do Ministerio de Educación Nacional, mantiña ese cargo con un soldo de 26.760 pesetas anuais. No mesmo B.O.E. aparece có número 39 da escala, o que foi o seu marido Tomás Andrade de Silva, nacido o 15 de xaneiro de 1915 en Córdoba, ostentando a praza de Música de Cámara dende o 07 de marzo de 1946, con un soldo anual de 24.480 pesetas.
Ademais da súa formación docente, formou parte de Tribunais para xulgar concursos-oposicións, como cando a nomean segundo Orde de primeiro de abril de 1961, para formar parte no que ha de xulgar ós aspirantes a cátedra de “Piano” do Conservatorio de Música de Sevilla.
Finou en Madrid o 05 de febreiro de 1993 con casi 81 años, vítima dun cancro. Os seus restos descansan no cemiterio desta vila que a viu nacer.
FONTES: Etnoga, Vida Gallega, 10-07-1932, 20-02-1936, 30-07-1936 e 30-11-1937, B.O.E. número 106 de 04 de maio de 1961 e B.O.E. número 115 de 15 de maio de 1961. Obituario EL PAÍS, 19 de febreiro de 1993. Fondo fotográfico Deputación de Pontevedra.
Salvaterra de Miño 14 de agosto do 2023
Foto: Juán Pintos, Pontevedra 1944, (AG 086064) Deputación Provincial.