Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior

Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior

Non queremos perder o tempo que precisamos para transformar Soutomaior mirando atrás”

Para Manuel Lourenzo, actual alcalde de Soutomaior, cumpriuse o dito de que á terceira vai a vencida. En 2015, a candidatura do BNG que lideraba quedouse a 369 votos, en 2019 a 43, e nas últimas eleccións municipais do pasado 28 de maio dobregou a Agustín Reguera nas urnas, con 194 votos máis có PP. O discurso de renovación deste licenciado en Filoloxía Galega con experiencia docente ilusionaba cada vez máis, e era cuestión de tempo que os veciños e as veciñas da localidade confiasen maioritariamente nel. Falamos con el dentro dos seus primeiros cen días de goberno, principalmente do traballo político e administrativo que teñen por diante.

Despois de ter acariciado a alcaldía de Soutomaior hai catro anos, como se sentiu ao ver os resultados do 28 de maio e, sobre todo, ao recibir o bastón de mando no plano de investidura?

Eu sentín sobre todo agradecemento. Que unha maioría tan significativa do pobo de Soutomaior depositase a súa confianza en nós é un recoñecemento a todo o traballo que levamos facendo desde xa hai moitos anos fronte a unha maioría absoluta. Que o BNG gañase as eleccións e cun resultado tan contundente ten máis valor aínda. En resumo: agradecemento, esperanza e moitísima ilusión polo que temos por diante.

Non leva nin cen días de goberno. Como foron estes primeiros días á fronte do Concello de Soutomaior?

Non paramos, hai moitísimo que facer. Principalmente estamos situando o concello e a administración no marco que precisamos para levar adiante este proxecto político, ordenando e preparando todo co horizonte de setembro. Precisamos tomar velocidade de cruceiro para levar adiante o proxecto do novo Soutomaior durante os próximos catro anos.

Como se atoparon o concello, por exemplo financeiramente?

Respecto do goberno anterior, temos maneiras moi diferentes de traballar, non compartimos nin o fondo nin a forma. O noso xeito de entender a administración e a participación política da veciñanza é totalmente distinto. Dito isto, nós decidimos pensar no Soutomaior de futuro: construír, transformar e mellorar a vida dos veciños e veciñas. Queremos deixar atrás o pasado, non entrar en reproches nin perder o tempo que precisamos para transformar Soutomaior mirando para atrás. Cando entramos o orzamento municipal estaba superado en 400.000 euros, pero hai remanente e estamos traballando na construción do novo Soutomaior, que é o que lle importa á veciñanza.

Cales foron ou van ser as primeiras medidas do goberno do BNG?

Xa estamos traballando no modelo urbano e na estrutura do concello, en diferentes proxectos como o polígono industrial e os muíños de Daión. Respecto da organización do persoal, xa tivemos reunións. É certo que o persoal municipal tiña uns salarios moi baixiños. No próximo orzamento xa imos realizar unha suba salarial. Tamén trataremos de aprobar unha RPT (Relación de Postos de Traballo) en 2024. Eu xa lle pedín unha reunión á Consellería de Infraestruturas para valorar a transferencia das rúas Xosé Solla e Roxelio Landeiro. Tamén pedimos unha reunión con Estradas do Estado para buscar solucións ao que está acontecendo na N-550. Estamos traballando en vertebrar os núcleos máis rurais de Soutomaior a través de núcleos de centralidade. Este é un proxecto que levamos moito madurando e estudando. Agora o que esixe é o máximo rigor para aplicalo.

Escoitámoslle falar a miúdo do novo Soutomaior. Como nos podemos imaxinar o concello despois de catro anos de renovación?

Hai varias liñas de traballo. Queremos un Soutomaior máis activo, no sentido de que debe ter unha maior diversidade cultural e un maior dinamismo na oferta cultural, social e deportiva; un Soutomaior máis verde, que esixe traballar no saneamento da ría, a posta en valor do noso monte e outras cuestións ambientais; e un Soutomaior máis humano, vertebrado e comunicado. Apostamos por un modelo de concello no que poidamos superar este caos de tráfico que estamos padecendo a través dun urbanismo amable, accesible para todo o mundo e ecolóxico.

Estas liñas de traballo coinciden coas que promoveu a Deputación de Pontevedra durante o pasado mandato a través do Plan Ágora, por exemplo. Teme que as oportunidades de financiamento mingüen agora que está gobernando o PP na provincia?

Son liñas de traballo que non son exclusivamente da Deputación, senón que se están dando en toda Europa porque é o que di o sentido común. Queremos avanzar cara a espazos urbanos máis sostibles, comunicados e accesibles. Está pasando en toda Europa, en todo o Estado. E incluso no noso país o están facendo concellos de todos os signos políticos. Non temos ningún elemento para dubidar que vaia haber un cambio de criterio na Deputación. Nós, en todo caso, cremos que ese é o futuro dos espazos urbanos e queremos contar coa colaboración de todas as administracións: do Estado, da Xunta, da Deputación… Tamén estamos traballando xa en proxectos con varias enxeñerías para captar fondos europeos, xa que hai unha fonte de financiamento importantísima aí. Nese sentido somos cautelosos. Non temos ningún elemento para dubidar. Esta é unha liña de traballo de futuro, estratéxica, que vai máis alá dunha administración como é a Deputación.

Agora que menciona a Europa. Quedou atrás Soutomaior, respecto doutros concellos, na captación de fondos europeos nos últimos anos?

Estamos convencidos de que así é. Foi unha oportunidade perdida. Pero insisto en que non queremos mirar cara a atrás. Na nosa contorna hai concellos máis pequenos que Soutomaior que recibiron millóns de euros e nós queremos apostar por esa liña de traballo porque consideramos que é positiva para a veciñanza. Así e todo, ten un nivel de esixencia moi elevado e precisamos proxectos moi elaborados para optar a todas esas fontes de financiamento no próximo ano. É o que se espera de nós, que sexamos un goberno responsable, con ganas de traballar e contribuír ao avance do concello.

Están contando co apoio doutros gobernos do BNG na provincia con máis experiencia en captación de fondos europeos?

Totalmente, estamos falando con todo o mundo, con gobernos referenciais do BNG e tamén con outros concellos. Estamos tendo moita sorte porque contamos co apoio dos funcionarios. Estamos falando tamén con enxeñerías que nos axudan a definir a estratexia para a captación de fondos. Este é un proxecto ambicioso pero sólido, e é importante sumar todas as forzas para poder levalo adiante.

Que nos pode adiantar dos proxectos que anticiparon este mandato, como o polígono industrial ou a ampliación do instituto?

Precisamente hai uns días tivemos unha reunión co director do instituto. Vamos esixirlle á Xunta que resolva esta situación. Non se entende que un instituto con apenas cinco anos teña problemas de masificación, saturación e falta de oferta educativa. Respecto do polígono industrial, que tamén é un proxecto central e estratéxico, queremos apostar por un polígono verde, con naves ben dimensionadas e integradas na paisaxe, servizos que teñan un impacto sostible. Agardamos optar a financiamento europeo para iniciar todos estes proxectos.

Cuestións como a normalización lingüística e a participación veciñal estiveron amplamente abandonadas durante os sucesivos gobernos de Agustín Reguera. Que enfoque vanlle dar vostedes?

A promoción e normalización do idioma é unha cuestión de base. O primeiro que fixemos foi dar cumprimento á normativa lingüística que xa existe no concello desde o ano 1999. Ata agora non se estaba cumprindo. Queremos contribuír á normalización lingüística de xeito transversal, simplemente incluíndo o seu uso nas actividades municipais. Respecto da participación, xa creamos un consello de montes para implicar ás comunidades de montes veciñais en man común no futuro da masa forestal, nas actuacións que poidamos facer nese ámbito,… Seguiremos creando estruturas municipais para favorecer a participación da veciñanza, convocando reunións polos barrios, presentando proxectos,… Socializaremos e escoitaremos, que é o que lle corresponde a un goberno que nace do pobo e cre na participación do pobo.

E respecto do desenvolvemento rural, que estratexia teñen?

Soutomaior é un concello cun problema de dispersión en varios dos barrios. Pretendemos traballar a través de núcleos de centralidade que sexan unha referencia urbana a partir da cal os barrios poidan crecer ordenados e teñan unha mellor comunicación. O potencial é inmenso. Temos o mellor da vida rural e o mellor dos servizos urbanos. Trátase de traballar nesta simbiose para que o rural gañe poboación. Temos un vimbios de calidade, agora o que hai que facer é construír o cesto que merece o noso rural.

Parece que o PP está considerando recuperar a apertura do ciclo político no castelo de Soutomaior. Como alcalde nacionalista do concello, que opinión ten sobre este posible evento?

Non tiven ocasión de ver esa noticia. En calquera caso, como xa dixen, nós respectamos todas as decisión que tomen na Deputación. Estariamos encantados de que o PP queira iniciar o seu curso político nun concello no que o PP perdeu as eleccións, e os BNG as gañou.