A semana do 7 ao 15 de agosto a vila de A Guarda celebrou unha nova edición das súas festas grandes, As Festas do Monte. Este acontecemento ten unha relevancia extraordinaria ata o punto que se pode dicir que, no medio dun océano inmenso de festas e celebracións que cada verán asolagan de ledicia , luz e cor o país galego en xeral e a comarca do Baixo Miño en particular, as Festas do Monte son as máis significativas da comarca e están á altura das máis relevantes de todo o país. Este festexo é declarado Festa de Interese Turístico de Galicia. É un evento emblemático que reúne á comunidade , tanto local como foránea, que se achega a gozar das nosas festas, artelladas arredor da nosa historia , da nosa cultura, da nosa gastronomía , da beleza deste fermoso lugar do vello país galego e de todo o que significa o monte para as e os guardeses, o mesmo que o monte Olimpo para os gregos. O Trega érguese maxestoso e impoñente, e a súa inmortal masa pétrea ten observado desde o inicio dos tempos como as distintas xeracións dos habitantes, que aquí viviron, sufriron, amaron e morreron, foron construíndo a vila de A Guarda.
O patrimonio histórico que comprende o Monte Santa Trega é inestimable. É vital que, durante a Festa do Monte, todos os asistentes sexan gardiáns deste legado, evitando calquera dano ou alteración. Por iso desde o concello fixeron un chamamento a que as reunións familiares, así como o tradicional xantar, se fixeran só nos lugares habilitados e convidaran a gozar das festas en toda a súa intensidade si, pero tamén con máxima responsabilidade.
As orixes, hai máis dun século:
En 1913 descubriuse o gran xacemento arquitectónico de Santa Trega, e un ano máis tarde iniciáronse as escavacións arqueolóxicas que, cos anos, convertéronse no recurso turístico e cultural máis visitado das Rías Baixas. As Festas do Monte naceron para conmemorar, a iniciativa da Sociedade Pro-Monte, os sucesivos achados deste gran xacemento. En principio o acontecemento xurdiu cun carácter moi familiar, pero moi pronto adquiriu gran relevancia na zona polo que se foi complementando con outras actividades culturais.
As festas están organizadas pola Asociación Cultural e Deportiva O Cancelón e o Concello da Guarda, contando coa colaboración da Deputación de Pontevedra e dunha representación das Asociacións Culturais e Deportivas da vila.
As festas inclúen unha ampla programación de actividades, entre as que destacan as verbenas na Alameda e o Desfile Folclórico Tradicional e de Bandas Mariñeiras, un dos actos que congrega a unha maior cantidade de público. Ao redor de 3.000 persoas toman parte neste evento entre grupos musicais, particulares e bandas. A cita sempre é o sábado ao mediodía.
Un día despois chega o momento cume, coa subida das Bandas Mariñeiras ao monte durante a mañá. As e os participantes na romaría, entre os que destacan grupos de gaitas, grupos folclóricos e bandas mariñeiras, inician a súa andaina ata o cume do Trega nunha xornada festiva e musical na que as e os participantes fan a súa promesa de regresar “ao monte” ao ano seguinte.
A edición 2023:
A edición deste 2023 iniciouse o sábado 5 co IV torneo de petanca organizado polo club de petanca O Caldeiro, e pola asociación veciñal Alameda e remataron o día 15.Nestes 10 días desenvolvéronse un abano moi amplo de actividades como por exemplo pasarrúas ( A Boalleira, grupo de gaitas da terceira idade de A Guarda……), verbenas na Alameda ( Orquestras Pontevedra, Saudade…..), Partidos de fútbol, actuacións de maxia…. E toda esta fusión de luz e cor , toda esta celebración da vida culmina coas dúas actividades estelares da semana do Monte:- O desfile das bandas mariñeiras desde a alameda ata ao porto, celebrado o sábado 12 pola mañá- E a actividade estrela de todas as estrelas : a subida ao monte, ao longo do domingo 13.
A subida ao monte é un espectáculo ao que cómpre achegarse polo menos unha vez na vida. Milleiros de persoas participan nesta romaxe lúdica acompañadas polo trebón sonoro dun feixe de bombos que son parte indisociable da cerna desta festa. Non se coñece cal é a súa orixe simbólica, malia que se especula con que en realidade a treboada sonora trataba de manter lonxe ás treboadas meteoroloxícas.
Nós , como as mulleres e homes que o soben, prometemos volver ao Monte o ano que ven. E convidamos aos nosos lectores e lectoras a que así o fagan.