Remata a primeira fase da reforma da Praza do Calvario

Praza do Calvario O Rosal

Os traballos supuxeron o cambio de case 1.700 metros de tubaxe da rede de saneamento, abastecemento e pluviais, entre outras, que se atopaban en avanzado estado de deterioro

O Rosal, 22 de abril de 2022

A reforma integral da Praza do Calvario e a súa contorna avanzan a bo ritmo. O Concello vén de completar a primeira fase de execución desta transformación co soterramento de todas as canalizacións e a renovación das redes de saneamento, abastecemento, pluviais, telecomunicacións, electricidade e alumeado. Un gran paso non soamente para a reorganización do espazo, senón tamén para a modernización de elementos. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca o grande avance das obras que “seguen a planificación prevista para seguir construíndo O Rosal das persoas”.

Ata o momento, os traballos centráronse na parte soterrada da praza, na que se levou a cabo a demolición e retirada das antigas tubaxes e canalizacións, que foron substituídas por novos materiais máis eficientes, resistentes, sostibles e acordes á normativa vixente e ás necesidades actuais da contorna da Praza do Calvario. En total, case 1.700 metros de tubaxe de todas as redes que supón, subliña a rexedora local, “a renovación das redes que estaban nun estado avanzado de deterioro por mor da falta de mantemento e renovación dende hai anos”.

En total foron 334 metros de colector de pluviais coa renovación das acometidas existentes, ademais de 284 metros do de saneamento e 230 m de canalización de abastecemento. Tamén se soterraron e renovaron 271 metros de canalización de alumeado e servizos enerxéticos, así como 213 m de rede eléctrica de baixa tensión e 360 metros soterrados das redes de telecomunicacións con 10 puntos de acceso.

Unha actuación na que o Concello tamén tivo presente a celebración da tradicional Feira do Viño, para a que se adecuaron as acometidas precisas para o seu desenvolvemento, ademais de atender ás necesidades de subministro eléctrico, recollida de residuos e distribución das casetas para esta cita anual.

Rematada esta primeira fase, a reforma da praza comeza agora os traballos en superficie. A primeira das actuacións consistirá na colocación do firme e o pavimento de pedra para despois continuar coa instalación do mobiliario urbano con bancos, papeleiras e alumeado, así como a adecuación das zonas axardinadas e zonas verdes.

A transformación da Praza do Calvario, que conta cun orzamento de 1,5 millóns de euros cofinaciados entre o Concello e a Deputación de Pontevedra, e para o que xa solicitaron tamén fondos europeos, suporá unha transformación integral deste entorno xerando espazos públicos para a veciñanza de alta calidade. O obxectivo é revitalizar a zona urbana e comercial a través dun deseño de praza unitario, atractivo e dinámico que poña en valor a historia da vila e o seu patrimonio.

As persoas interesadas poden xa consultar o proxecto íntegro de reforma na páxina web do Concello.