
Os vindeiros 1,2,3 e 4 de setembro celébrase en Zamáns, a máis pequena das parroquias de Vigo, con pouco máis de 800 veciñas e veciños, as súas festas patronais. Estas festas son sentimento para s súas xentes. É unha fin de semana de encontros con amigos da infancia, familiares e xentes doutras parroquias asiduas a vir gozar a esta fermosa parroquia duns días de festas inesquecibles. Para saber máis sobre os festexos deste ano falamos con Bruno Vila Martínez, presidente da Comisión de Festas deste ano.
Bruno Vila presidente da comisión de festas
“ Animo aos lectores e lectoras da nova Peneira a que se acheguen a Zamáns a gozar con nós das nosas marabillosas festas”
Bruno, fálame da historia desta festa. Desde que ano se celebra?
Non temos moita documentación respecto diso, pero sabemos que ten máis de 70 anos.
Actualmente é organizada por unha comisión de festas. Sempre foi así?
Desde que temos constancia da festa si. Anteriormente non sabemos e na Igrexa tampouco teñen ningunha documentación que acredite o contrario.
Onde se celebra?
No Parque Forestal de Zamáns.
Sempre se fixo neste emprazamento?
Non. Ata o ano 89 celebrábase na praza do barrio da aldea, na Igrexa, pero, por falta de espazo para os camións das orquestras e por problemas cos cortes de tráfico, a Comisión de entón decidiu trasladala ao Parque Forestal de Zamáns. Desde entón hai 33 anos que se celebra no seu novo emprazamento.
Fálanos da Comisión deste ano. Quen a compón e por que decidistes formar parte da súa organización?
Somos un grupo de amigos e amigas, de 16 persoas que decidimos, o último día de festa da pasada edición, e dado ao éxito que tivo ese ano, facernos cargo da súa organización e formar unha comisión composta por xente nova e sen experiencia neste campo. Posteriormente sumáronse a este proxecto dúas persoas máis.
Sodes todos e todas da parroquia?
Menos unha persoa que é do barrio da Sobreira, de Valadares.
Cal é o orzamento que precisades para sufragar os gastos da festa?
Estamos a falar entre 90 e 100.000€.
Como tedes previsto conseguir esta cantidade de diñeiro?
Traballamos durante todo o ano o bar da Comisión, situado no parque Forestal de Zamáns. Estivo aberto de venres a domingo, festivos e vésperas de festivos. 3 domingos ao mes temos a concesión do Aparcadoiro da Feira de San Cosme. Fixemos bingo social todos os sábados pola noite. Tamén organizamos festas para diferente abanico de idades. Tivemos festas infantís con inchables, Festa do Nadal, Samaín, entroido, festa de auga, contacontos e actuacións de maxia. Organizamos festas con DJ para xente nova, e non tan nova, algúns sábados pola noite. Fixemos unha andaina popular, tarde de deporte, unha ruta cabalar, exposición de coches, torneo de petanca e, algunha comida popular coma un cocido ou o xantar do Día das Letras Galegas.
A maiores, agora quédanos cobrar os recibos de socio e doazóns individuais de veciños e veciñas. A publicidade co libro das festas e o que saquemos a propia fin de semana do 1,2,3 e 4 de setembro.
Non tedes ningunha subvención ?
Estamos pendentes de dúas subvencións, unha de entre 15.000 e 18.000€ do Concello de Vigo e outra da Deputación para sufragar os gastos das bandas de música, ningunha das dúas sabemos se están concedidas aínda, así que non contamos con eses cartos de momento.
A Asociación de Veciños ou a Comunidade de Montes faivos algunha achega económica?
Non. A Comunidade de Montes cédenos o aparcadoiro da Feira para que o traballemos tres domingos ao mes.
Fálame da programación da festa deste ano.
A festa comeza o venres 1 ás 20:30 H da tarde, será o momento do pregón e a continuación haberá empanada gratis para os socios e estará amenizada pola charanga Vai de Baile, será no torreiro da festa.
O sábado 2 a charanga Os Imperiais percorrerá os barrios do pobo mañá e tarde. Pola noite serán as orquestras Ritmo Novo e Cinema as encargadas de poñer música no torreiro.
O domingo 3 pola mañá será a banda de música Agrupación Musical Atlántida de Matamá a que acompañará á procesión da Santa á saída da misa. Ás 18:30 h. teremos a actuación do Trío la Noche de O Grove no torreiro e xa pola noite, serán as orquestras Saudade e o Combo Dominicano as encargadas de poñer a nota musical.
O luns 4, último día da festa, teremos ás 11:00 h. misa e procesión acompañada pola Banda de Música Val Miñor. Ás 12:30 h. poxas e concerto dá citada banda de música. As 17:00 h. as populares cucañas, as tradicionais con xogos populares de sempre e, xa pola noite, a partir das 22:00 h. serán as orquestras Charleston Big Band e A Fórmula as encargadas de dar broche final a estes catro días de festa.
Quen será o encargado ou encargada de dar o pregón este ano?
Iso é unha sorpresa, non o podo dicir. Só quero anticipar que este ano quixemos retomar algo de atrás, de hai anos e a xente de sempre, a que leva moitos anos frecuentando esta festa darase conta de por que digo isto, tanto no libro, como a que veña ás poxas e ás cucañas.
Como afronta a Comisión destes 4 días de festa despois de traballar arreo durante todo o ano para chegar ao colofón final?
Con moita ilusión. Sacrificamos a nosa vida familiar durante todo o ano para poder levar o proxecto das festas a cabo. Non tivemos ningún problema entre nós e apoiámonos sempre. Creo que estes catro días de festa van saír redondos. Só quédanos esperar que faga bo tempo e a choiva non nos fastidie as festas.
Dime que significa esta festa para a xente do pobo de Zamáns?
Falo por min, pero creo que é un sentimento xeneralizado. Estes días son unha ilusión, é despedir o verán, é reunión con familiares e amigos, noites de troula para os máis festeiros, misa e procesión para a xente crente. Tamén é tradición que veña xente de pobos veciños a comer tanto o domingo como o luns no monte do Torreiro.
Desde a Comisión animamos a veciños, veciñas e xente que nos queira visitar que se anime este ano a pasarse polas festas de Zamáns, pois hai anos que non se presenta a unha festa como esta e traballamos arreo durante todo o ano, cos seus encomios e críticas e queremos que veñan gozar connosco esta primeira fin de semana de setembro a Zamáns.