No verán do 2025 un hostaleiro libanés, dono de varios restaurantes na nosa cidade, saltaba á fama de todo o mundo despois de expulsar a uns turistas israelís dun dos seus locais. El é Samir, un home de mediana idade natural do sur do Líbano,cunha ampla experiencia no sector e que nunca antes tivera ningún problema con ningún cliente. Samir foi denunciado despois do episodio, porque semella que para os denunciantes estaba na obriga de soportar que alguén veña á súa casa a provocalo, pero afortunadamente a demanda foi arquivada. Nós tivemos ocasión de falar con el
“O mesmo que o 25 de maio do 2000 fomos capaces de liberarnos da ocupación sionista, O Líbano pronto volvera gañar a liberdade da ocupación actual”
Onde naciches ti Samir?
No Líbano. O meu é un país plural. Hai musulmáns, cristiáns,kurdos, armenios..O Líbano sempre foi un país de acollida para todo tipo de persoas sen facer ningún tipo de discriminación relixiosa, nacional ou social.
Como chega un libanés a montar un restaurante italiano en Vigo?
Non é raro atopar a un libanés en calquera recuncho do mundo. Nós somos un pobo que en moitas ocasións non nos quedou outra alternativa que emigrar para poder vivir.
O pobo libanés e o pobo galego temos moito en común: ambos nos vimos na necesidade de emigrar en innumerables ocasións. Hai o triplo de libaneses vivindo fóra do país que os que viven no Líbano
A que anos marchaches ti?
Aos 16.Eu abrín o meu primeiro restaurante no ano 97 en Guinea Ecuatorial, daquela tiña 18 anos. Sempre me gustou a cociña. Pero pronto me dei de conta que precisaba mellorar a miña formación. E como teño familiares in Italia decidín ir a ese país a aprender cociña italiana. Abrín dous restaurantes en Milán e xa non volvín a África.
Canto tempo estiveches en Italia?
Entre o 2000 e o 2007.Tiven varios negocios neses país: Restaurantes, pastelería, catering..Era moi difícil compaxinar ese ritmo coa vida familiar, eu xa tiña fillos, e nese momento decidín deixar a hostalaría
Chegas entón a Vigo. Que tal te tratan nesa cidade?
Vigo trátame moi ben.
Ben, entremos entón no obxecto desta entrevista. No teu restaurante de Vigo o pasado verán botas fóra a uns clientes sionistas. Como te decataches?
Non é a primeira vez na vida que me cruzo cun israelí. Ás veces incluso, dependendo do contexto, pódese falar con eles. Nos aeroportos téñome cruzado moitas veces con eles. Pero esta ocasión foi distinta. Nesta ocasión, estas persoas foron provocarme. Eles xa sabían quen era eu, e viñeron á miña casa a provocarme. No meu local hai unha bandeira de Palestina e outra libanesa. E eles, desde o minuto 0, desde o momento que entraron no local, mantiveron un comportamento insoportable.
Ti, como hostaleiro experimentado, non estás afeito a aguantar provocacións?
Si, claro que si. De cando en vez aparece algún cliente maleducado, algún cliente bébedo…e ben, tratas de zafar a situación o mellor que poidas. Pero insisto: nesta ocasión foi diferente. No medio dun xenocidio espantoso uns sionistas, sabendo quen era eu, viñeron á miña casa a provocarme e iso non se pode aguantar. Estiveron un bo rato faltándome ao respecto, e chega un momento en que quero saber o motivo. Eu non sabía de onde eran, de feito cheguei a pensar que eran turcos. Achegueime a onde eles e pregunteilles. Contestáronme de maneira moi agresiva que eran de Israel. E eu díxenlles que estaban convidados pero que non eran benvidos. Eles seguían bebendo
Por que decidiches convidalos?
Non quería aceptar os seus cartos de ningún modo. Pero que quede claro: quixen convidalos porque non quero o seu diñeiro, pero díxenlle que non eran benvidos.
Como reaccionaron?
Eu díxenllo con tranquilidade, de feito neses momento nin se deran de conta da situación os da mesa que estaba ao lado. Entón respóndeme un deles de maneira moi agresiva; “Ti a min”, e eu contéstolles “ Si, eu a ti” e chegados a ese punto foi cando me espetou : “ Que fodan ao Líbano” “ Que fodan a Palestina”
Cres que sabían quen eras?
Si, estou seguro. Como antes che mencionei no local hai unha bandeira palestina e outra do Líbano. Asemade eu cando comezou a agresión sionista pechara por loito todos os meus locais. Foi a modo de respecto á xente que está sendo asasinada. E nese momento fixéronme varias entrevistas en distintos medios de comunicación non para falar dos meus restaurantes senón para facelo da situación no Líbano e en Palestina.
O motivo da gravación?
Fíxena para ter probas de como se desenvolveu o episodio e de que non houbo ningún tipo de expresión racista pola miña banda, por se o asunto me chegaba a xerar problemas.
Pero converteuse en viral?
Non era a miña intención. De feito só o mandei a tres familiares. Pero un deles non me respectou e compartiuno.
Para quen non o saiba:En que se diferenza o antisemitismo do antisionismo?
O antisemitismo é un concepto que nace nos anos 50, despois da creación do estado de Israel, para agochar o antisionismo como se fose algún tipo de sentimento contrario aos xudeus. E non,non é verdade. Ser antisionista é estar en desacordo con que xudeus de todas as partes do mundo veñan a un país que non é seu, se queden con el a punta de pistola, expulsen aos habitantes orixinais, ou os manteñan encerrados en guetos. O antisemitismo do que fala Israel non é máis que unha escusa,unha escusa vergonzosa.
Levabas anos sen ir ao Líbano e agora, en plena agresión israelí,acabas de estar aí. Por que?
O meu país está nunha situación moi perigosa. Está entre a vida e a morte,e eu sentía a necesidade de estar aí nestes momentos.
Que sensacións tiraches desta última visita ao Líbano?
Moi dolorosas pola situación de agresión que sofre o país coas consecuencias terribles de tanta morte e tanta destrución, pero á vez quedei moi orgulloso da capacidade de resistencia do pobo libanés. O sur do Líbano sofre a Israel desde o 48 ata hoxe, incluíndo a ocupación ininterrompida desde o 82 ata o 2000.Eu mesmo sufrín maltrato por parte do estado israelí. Pero estou convencido de que o mesmo que o 25 de maio do 2000 fomos capaces de rematar coa ocupación sionista, volveremos a liberarnos e gañar a liberdade da ocupación actual.

Redacción de Redondela

