Ricardo Castro SX da CUT

Ricardo CUT

No pasado mes de xuño a CUT tivo o seu VII congreso. O vigués Ricardo Catro repite como Secretario Xeral. E nós achegámonos ata o seu local de Vigo para conversar con el e coñecer a sús visión da realidade sindical e política de Galicia. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

O sindicalismo haino que facer non só no centro de traballo, que tamén, senón en todos os aspectos da vida cotiá”

O mes pasado celebrastes o voso VII congreso. Cóntanos como foi?

Desta volta fixémolo diferente. Houbo unha primeira fase en Cangas no mes de maio e unha segunda na Coruña o 4 de xuño

Cal foi o motivo?

Decidimos darlle unha volta para facérmolo máis dinámico na procura de fomentar a participación da militancia. O Congreso veu precedido por algo máis dun ano de traballo previo

Repites como SX, que nos podes dicir da nova executiva?

Si repito, e entendo que cuns compañeiros e compañeiras de executiva moi competentes .A executiva mestura á xente nova coa veterana

Vitor Mariño e Manolo Caamaño acompáñante na executiva?

Si. Vitor é o responsable de acción sindical e Manolo de internacional

O ano pasado comentáchesme que estabas satisfeito porque a vosa afiliación estaba a incrementarse de maneira prolongada. Estades na mesma situación?

Si, é máis acelerouse. O medre en afiliación achégase arredor do 40%, algo que non se corresponde co nivel de delegados e delegadas, pero ben iso é un camiño diferente

Recentemente desde o BCE anunciábase como unha hipótese verosímil un escenario económico apocalíptico para o próximo outono inverno. Cal é a opinión do SX da CUT?

Eu opino que o Banco Central Europeo é un dos axentes que contribúe de maneira consciente á creación dese escenario apocalíptico que describen. En realidade non fan outra cousa que anunciar o que eles xa saben que ven porque eles teñen parte de responsabilidade na súa creación. A expansión do capitalismo está nunha fase complicada e eles necesitan acumular .En realidade destrúense entre eles. Nese contexto de apocalipse insiro tamén a guerra de Ucraína , claramente provocada pola OTAN, sen ánimo de obviar a responsabilidade rusa, que desde logo non é a URSS.

Pero o que parece que hai é unha orde de EEUU de dominar os centros económicos de Europa. Só o socialismo pode salvar á humanidade da barbarie

Que se pode facer desde a a acción sindical para combater o camiño á barbarie á que

nos leva o liberalismo económico?.

Non queda outra que a procura da unidade de acción sobre puntos en común entre todas as organizacións sindicais e políticas que sexan de esquerdas de verdade. No capitalismo non hai saída e non hai outra vía que mudar o sistema.

Ti es dos que pensas que para ter algunha oportunidade de desenvolver políticas de esquerda reais fai falta non pactar co PSOE senón derrotalo?

Absolutamente. O PSOE é o partido máis traidor coa clase obreira de toda a historia do estado español

Tes esperanza de que a humanidade non remate no colapso?

Si, o optimismo é unha ferramenta revolucionaria que nunca podemos perder.

Quero preguntarche polas dúas empresas , creo máis importantes, nas que a CUT ten unha significativa presenza sindical: a TVG e Citroën .Comezo pola nosa televisión pública?

A CRTVG nace ao abeiro do estatuto e coa finalidade de cuidar o noso idioma pero en realidade trátase dun instrumento que utiliza o PP, e úsao de maneira constante, para adoutrinar. A censura, e a represión política e sindical que sofren os seus traballadores e traballadoras é abafante. E por outra parte ten unha tendencia excesiva ao folclorismo obviando de maneira escandalosa as partes máis significativas da nosa historia

Sobre o ruxe ruxe referente a que no poder hai unha corrente de opinión que aposta por desfacerse da TVG que tes que dicir?

Son consciente de que existe pero eu creo que non é verosímil. O que lles interesa , ao poder, é quedarse cos telexornais, porque son o seu altofalante, e o resto unicamente enlatados de produción externa.

Dicíasme que se dá represión sindical na TVG?

E tanto que si. De feito hai unha campaña que denuncia a represión que sofren chamada “os venres negros” que leva xa case dous anos. Nós acabamos de gañar un xuízo á empresa pola sanción que lle puxeron a un afiliado noso. E non foi o único, distintos compañeiros e compañeiras sufriron sancións con anterioridade.

Falemos de Citroën. En Outubro tedes unhas moi importantes eleccións sindicais e estou recibindo varias opinións que consideran a posibilidade de que por vez primeira un sindicato de clase, o voso, logre superar en votos, en taller ao sindicato da empresa. Velo posible?

Eu estaría absolutamente feliz se fose así. O traballo que fai a sección sindical da CUT nesa empresa é magnífico asumindo a bandeira da contestación a risco de sufrir a presión da propia empresa, que é unha maquinaria de abafar. Veremos o que pasa nas eleccións. Eu conformaríame con que o sindicato amarelo perdera a maioría.

E o resto de sindicatos ti cres que desexan o mesmo?

Eu creo que CCOO e UGT estarían máis incómodos na hipótese de ter que pactar unha maioría alternativa con Nós e coa CIG

Faime unha valoración xeral do estado do sector do automóbil na comarca de Vigo?

No sector quen manda é a empresa principal. Cando algunha auxiliar se move fóra dos parámetros que lle interesan a Citroën inténtana condicionar. Agora tratan de impor a psicose, por desgraza aceptada por moitos, de que poden prescindir de ti en calquera momento ou chamarte de hoxe para mañá. Por outra parte a súa capacidade de influencia política é tan grande que condicionan ao resto da comarca e marcan as dinámicas.

Valórame a situación do sector naval na nosa comarca?

É a crónica dunha morte anunciada. Todo comezou coa reconversión industrial nos anos oitenta .Hai unha decisión política consciente tomada en Madrid de desfacer o sector naval galego e están nesa fase. Convértennos nun páramo industrial e resérvannos o papel de camareiros e camareiras como única opción laboral posible.

Tedes relación coa plataforma de traballadores do metal?

Non, ningunha. Un día contactaron con nós, falamos e nada máis. Penso que iso está destinado á desaparición. Eu non entendo aos sindicatos fóra da organización sindical

Por que non fixestes a manifestación do 1º de maio coa CGT como faciades sempre?

Só foi en Vigo onde non a fixemos. E isto foi así porque non se deron as condicións necesarias para podela facer en conxunto

Cal é a posición da CUT en relación á prostitución?

Tivemos debate ao respecto hai dous anos e a min gustaríame que non existira. Pero mentres exista e haxa xente que traballe nela temos que procurar que teñan dereitos e protección laboral

E sobre a lei trans?

É un tema realmente complexo que se refire á identidade propia e a verdade confeso que teño máis dúbidas que certezas

Rematamos Ricardo. Cales van ser no futuro inmediato as vosas principais liñas de acción sindical?

Temos que concienciar na mobilización , na unidade de acción e na pedagoxía. O sindicalismo debe facerse non só no centro de traballo, senón tamén na vida cotiá