A Mesa denuncia que a Xunta emprega fondos europeos para promover ocastelán en detrimento do galego

A Mesa de normalización A Nova Peneira

A convocatoria para a compra de libros por parte das bibliotecas de entidades locais recolle que “como mínimo” o 50% do importe dos fondos
NextGenerationEU “debe destinarse a fondo bibliográfico editado en
castelán” e non establece ningún mínimo para os libros editados en
galego Compostela, 4 de xullo de 2022.- A Mesa denuncia que as axudas
que as subvencións para a adquisición de novidades editoriais e para a
mellora das coleccións das bibliotecas das entidades locais convocadas
este 2022 pola Xunta de Galicia prexudican gravemente a lingua galega,
en favor da española.

A entidade de defensa da lingua indica que até o 2021 polo menos un 25%
dos libros comprados con cargo a estas axudas debían ser en galego,
mentres que ese ano se establece que “como mínimo, un 50 % do importe
da subvención concedida debe destinarse á adquisición de fondo
bibliográfico editado en castelán”. “O 50 % restante pode destinarse
á adquisición de fondo bibliográfico tanto en galego como en
castelán”, se ben “desta parte pode adicarse ata un 10 % a adquirir
fondos editados en linguas estranxeiras ou noutras linguas oficiais do
Estado. Non existe, polo tanto, un mínimo obrigatorio en galego. Ao
contrario, obrígase as entidades locais galegas a adquirir como mínimo
un 50% en castelán e se queren comprar o 100% poden facelo.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que a propia convocatoria
da axuda recolle expresamente que lle corresponde ao Goberno da Xunta a
defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, así como a
promoción do libro galego, “con medidas que potencien a produción
editorial e a súa disposición”. No mesmo texto no que máis adiante se
produce un evidente prexuízo á lingua galega, recoñécese que “a Lei
17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, no seu
artigo 16.3, establece que a Xunta de Galicia se compromete a adquirir,
con periodicidade estable, para a súa difusión en todas as bibliotecas
públicas, escolares e de centros universitarios, os produtos editoriais
galegos segundo os criterios de selección e idoneidade das persoas con
responsabilidades profesionais destes centros de lectura públicos”.

Porén, a Xunta de Galicia establece un Programa A “de novidades
editoriais en galego” dotado con 200.000 euros e un Programa B “para a
mellora das coleccións bibliográficas”, dotado con 550.000, no que
prexudica gravemente a nosa lingua a favor do castelán. Así,
establécese que “como mínimo, un 50 % do importe da subvención
concedida destinarase á adquisición de fondo bibliográfico editado en
castelán. O 50 % restante pode destinarse a adquisición de fondo
bibliográfico tanto en galego como en castelán. Non obstante, dentro
deste último, ata un 10 % poderá dedicarse a adquirir fondos editados
en linguas estranxeiras ou en linguas oficiais ou con recoñecemento
expreso no estatuto de autonomía doutras comunidades autónomas”. Ata o
de agora, este Programa B recollía que “un 25 %, como mínimo, da
subvención concedida destinarase á adquisición de fondo
bibliográfico editado en lingua galega” e ningunha porcentaxe mínima
para a lingua española.

A Xunta de Galicia xustifica este ataque ao galego no feito de que esta
axuda conta con fondos NextGenerationEU, indicando que as porcentaxes
mínimas ou máximas que corresponden ás distintas linguas se
estableceron nunha Conferencia Sectorial de Cultura celebrada o 23 de
xullo de 2021. “Isto resulta aínda máis preocupante”, asegura Marcos
Maceira, “porque parece que non vai ser o único campo que no a nosa
lingua se vexa gravemente prexudicada perante a española no reparto dos
fondos europeos, xa que a Xunta de Galicia se recoñece incapaz de
defender os intereses da súa cidadanía dentro e fóra do noso
territorio”.

En anos anteriores, en efecto, o Programa A ofrecía 100.000 euros para
compra de libros en galego e o Programa B ata 200.000 para mellora das
coleccións bibliográficas (dos que polo menos o 25% tiñan que ser
tamén en galego). Este ano, as cifras aumentan ata os 200.000 no caso
do Programa A e 550.000 no caso do Programa B, pero “polo visto”, remata
Maceira, “a peaxe que ten que pagar a sociedade galega pola chegada dos
fondos europeos é a cesión ao castelán dos escasos espazos de
protección que tiña”.