Xosé Manuel Fernández “Muxicas”, director da Rondalla de Zamáns

Zamáns rondalla

Xosé Manuel Fernández, ”Muxicas”, e o director da Rondalla de Zamáns. É un home que sinte paixón pola música e que xa ten un longo camiño andado no universo musical, de feito é un dos fundadores do histórico grupo “ Muxicas”, que mantivo actividade ininterrompida ao longo de máis de dúas décadas. Natural do centro de Vigo, reside desde hai arredor de 40 anos na parroquia de Zamáns de onde é nativa a súa nai e manifesta sentirse plenamente vencellado ao lugar no que vive, que non cambiaría por ningún outro. Nós conversamos con el.

O Obxectivo da Rondalla e divertirse, non competir contra ninguén”

Como comezou a túa relación co universo da música?

Non sabería dicir cando con exactitude, pero desde que era un neno moi pequeno con absoluta certeza. O meu primeiro vínculo coa música foi un regalo que me fixeron: unha marabillosa melódica branca e vermella que me fascinou. Debía de ter arredor de 5 ou 6 anos.

Fuches a algún tipo de clase musical para aprender a tocala?

Non, facíao de oído e por puro instinto. Naquel momento tamén tocaba a guitarra.

Lembras cal foi o primeiro tema que aprendiches coa guitarra?

Pois si, si que o lembro. Son ese tipo de recordos que deixan pegada na alma e que nunca se esquecen. Era unha versión moi sinxela de “ Os xitanos sentados detrás dunha fogueira”.

E con esa melódica e esa guitarra comezou todo?

Si, eses foron os meus primeiros pasos no mundo da música. A partir de aí naceu en min a inclinación por tocar e os meus pais tiveron a ben irme poñendo profesores.

Cando fundastes o grupo “ Muxicas”?

No ano 1978 como resposta a unha necesidade que había no seo dunha agrupación de baile na que eu estaba.

Estamos na época do pos franquismo, un tempo moi difícil. Tivestes algún tipo de problema?

Non sei se chamalos problemas, digamos que tivemos moitas anécdotas. Recordo por exemplo que naquela época cando saía de casa, vestido coa roupa tradicional para tocar nas xiras nocturnas, era bastante frecuente que xente que se cruzaba contigo pola rúa me chamara “ Curro Jiménez””.

Ata cando viviu o grupo?

Ata o ano 2000. Tivemos 22 anos de actividade ininterrompida.

Con actividade incluso internacional, verdade?

Efectivamente. Actuamos en Europa, por exemplo en Alemaña, e América , por exemplo en Arxentina.

Sempre fixestes o mesmo tipo de música?

Nós fomos evolucionando. Cando nacemos eramos un quinteto tradicional en base á semellanza cos quintetos que nos precederon. Con ese esquema gravamos o primeiro disco. Nos seguintes xa fomos evolucionando.

Por que se acabou “Muxicas”?

Por esgotamento. E porque estivemos toda a nosa vida loitando contracorrente.

A que te refires?

Nós desde 1985 estivemos censurados e vetados politicamente no Concello de Vigo, comezando polo PSOE. Naquel momento, o seu concelleiro de cultura díxonos directamente á cara que nunca volveriamos tocar en Vigo. De feito dos oito discos que Muxicas de Vigo gravou ningún foi presentado polo noso concello.

Que fas , no eido musical, desde o anos 2000 ata a actualidade?

Tiña xa naquel momento un espectáculo musical tocando a zanfona e interpretando romances. Durou moi pouco tempo.

Non vivías da música?

Non, imposible. Eu traballaba en banca. Ter unha fonte de ingresos allea á música foi moi importante porque en certo modo me permitía actuar con liberdade.

Nese momento da túa vida abandonas a música?

Si, déixoo no 2002 nun momento que estaba absolutamente esgotado.

Cando retomas?

No 2015 algúns amigos que viñan tocando temas que eu compuxera na época de Muxicas convencéronme para que volvera a compoñer. Eu xa estaba máis descansado e decidín reflectir o que eu compuña. A aparición dos móbiles foi de grande axuda.

Como comezou a túa relación coa Rondalla de Zamáns?

Foi unha das primeiras cousas que fixen cando vin vivir a Zamáns hai case 40 anos:darme de alta como rondalleiro, baixo a dirección da persoa que exercía de director naquel momento. Creo que estiven ata o 2013

Gustábache?

Moitísimo. A vitalidade que ten unha Rondalla sempre foi enormemente atractiva para min.

Naquel momento que penetración tiña a Rodalla no pobo de Zamáns?

Moi alta. A nosa parroquia ten unha moi importante tradición rondalleira, ten en conta que en tempos chegou a ter dúas rondallas diferentes.

Sabes exactamente cando naceu?

Exactamente non. Pero temos datos que falan de que a principios da década dos 40 do pasado século celebraron o 25 aniversario, xa que logo parece que estamos ante unha agrupación musical que ten máis dun século de vida.

Sempre tivo actividade?

Imaxino que parou na guerra civil pero non teño constancia doutras paradas.

Unha actividade de máis dun século é para estardes moi orgullosos e orgullosas

Abofé que é así. Sobre todo se temos en conta que esta é unha tradición musical viva, non é algo imposto senón que é o propio pobo o que demanda a súa existencia.

É, asemade, unha tradición propia da comarca de Vigo?

Si, é exclusiva desta comarca ademais noutras zonas de Galicia non é que non exista é que se descoñece a súa existencia. Hai Rondallas en Vigo Mos, Porriño e algunha en Gondomar.

Sabemos onde exactamente nace esa tradición e por que xorde?

Onde nace con exactitude non o sei. O por que pódese deducir: Na época de reis a xente adoitaba xuntarse para ir cantar aos veciños a cambio de agasallos. É unha forma de celebrar unha actividade festiva. Na nosa zona cristalizouse en Rondallas , noutras zonas como por exemplo Ponteareas fixéronse os Ranchos de Reis

Cal é a diferencia entre o Rancho de Reis e a Rondalla?

O Rancho cántase e a Rondalla é musical.

Comentábasme antes que estiveras na Rondalla ata o 2013.Cando volviches?

O ano pasado.

Cantas persoas formades parte da Rondalla agora mesmo?

Algo máis de 50.

Máis homes ou máis mulleres?

Máis mulleres, pero adoita haber bastante equilibrio.

Que tal é o nivel musical?

Moi bo.

Onde ensaiades?

No Centro Cultural.

Que tal se porta o Centro Cultural con vós?

Moi ben.

Como vos financiades?

Cando imos tocar polos barrios existe unha sección que non toca e que se dedica a

Ha ha ha .Non me digas: dedícase a pasar o “cepillo”?

Pois si, a iso mesmo.

A resposta da xente é boa?

Si, moi boa

Cal é o obxectivo último dunha Rondalla?

Que a xente se divirta e que transmita esa diversión.

Rematamos Xosé. Despois dun século de vida é razoable pensar que a Rondalla de Zamáns pode seguir sendo un proxecto cun futuro prolongado no tempo?

Si, eu penso que si. Aínda que me gustaría trasladar a miña opinión ao respecto disto: Non debemos vivir nunha dinámica competitiva senón colaborativa .O noso obxectivo debe de ser , como antes che mencionei, divertirnos e expresar as nosas emocións a través da linguaxe musical, non gañar a ninguén.