O deterioro dos servizos públicos deportivos do Concello de Vigo, e a política privatizadora da administración municipal

Comité de empresa do Cocello de Vigo
G.Figueiredo e Tino Lago

Na redacción de ANP temos recibido queixas recorrentes sobre o constante deterioro dos servizos públicos do Concello en xeral, e sobre o pésimo estado dos centros deportivos en particular. Nós puxémonos en contacto co comité de empresa do Concello para coñecer de primeira man a súa versión sobre o estado dos servizos públicos, que deberan funcionar de maneira óptima sempre, e semella que non o fan case nunca. E a conclusión da conversa parece clara:O goberno de Vigo deteriora conscientemente as condicións do persoal laboral, para que o servizo que se ofreza sexa de mala calidade e proceder á privatización de todo, de absolutamente todo. Falamos tamén con Lourdes, unha veciña das Travesas usuaria habitual do ximnasio do Carme, que nos contou que as instalacións das que ela é usuaria están nun estado propio do terceiro mundo.

Comezamos a reportaxe no 5º andar do edificio do Concello, cunhas preciosas vistas á ría e ás illas Cíes, conversando con 6 persoas do comité de empresa. Agradecemos profundamente a

Juan Carlos( CIG), Pancho( UXT), María( UXT),Marcos( CCOO)Nuria(SITCO)Dámaso (SITCO)

a súa amabilidade ao nos atender, e as súas explicacións sobre a situación do estado das instalacións deportivas e sobre a problemática á que se enfrontan os traballadores e traballadoras. No concello hai unha xunta de persoal que representa ao persoal funcionario, un comité de empresa que representa ao persoal laboral, e un órgano conxunto que trata os asuntos que afectan a ambos colectivos. O persoal dos centros deportivos é case todo laboral, xa que logo conversamos con representantes do seu comité de empresa. Tiveron a xentileza de acompañarnos 5 persoas do comité, representantes dos 3 sindicatos existentes no devandito comité, máis Dámaso do SITCO. Este último é presidente da Xunta de Persoal e do órgano conxunto. El expresounos con claridade a súa opinión sobre a importancia capital dos servizos públicos para o adecuado funcionamento dunha sociedade,e a obriga que temos todos, os medios de comunicación tamén, de defendelos. Nós coincidimos absolutamente con este criterio e así o facemos constar explicitamente.

Como comezou todo?

No ano 2016 a xestión dos centros deportivos públicos da cidade pasa a ser municipal. Antes dese ano eran xestionados por un organismo autónomo denominado IMD que dependía do concello.

A situación dos traballadores e traballadoras do antigo IMD é dramática, pois non se convocan prazas laborais para traballar nos centros deportivos públicos da cidade desde o ano 2010.Na táboa que lles amosamos a continuación vemos como no ano 2013 eran 78 as persoas que atendían as instalacións, hoxe, 12 anos despois, son só 36, menos da metade das que había no ano 13

Persoal do servizo de deportes
PostosNº Efectivos a 30/12/2013Nº Efectivos a 28/05/2025
Dirección e administración16
10
Conserxes responsables instalacións30
Oficiais Instalacións2110
Axudantes Mantemento2612
Oficiais Mantemento124
Total7836

Hoxe, 36 persoas fan o traballo que no ano 2013 facían 78. Semella que hai unha vontade política de non darlle un servizo adecuado á cidadanía viguesa. O alcalde de Vigo enche a boca de discursos populistas manifestando por exemplo que lle vai facer unha estatua a un futbolista de elite, Iago Aspas, mentres condena á veciñanza da cidade a non poder practicar deporte nuns espazos dignos, a non ser atendida en condicións óptimas , e obriga ao persoal a un sobre esforzo dificilmente asumible.

As baixas de longa duración e as xubilacións non se cobren. Recursos humanos ten varias peticións para que as cubra pero non dá resposta. De feito 11 prazas, 9 de axudantes de mantemento e 2 de oficiais de mantemento, xa están amortizadas.

Os membros do comité de empresa afirman que ata o 2010 o servizo funcionaba ben, pero que a partir dese ano o deterioro é constante é progresivo.

Abel Caballero leva 18 anos como alcalde Vigo, acadou a alcaldía no ano 2007. Non é posible que non coñeza nin a lamentable situación dos centros deportivos nin a intolerable situación á que somete aos seus traballadores e traballadoras. Se a coñece, que a ten que coñecer, e non fai nada por arranxar o problema, que non o fai, tendo recursos económicos de sobra para podelo amañar, só queda por concluír que o problema é a falta de vontade do alcalde de Vigo por solucionar este asunto.

E por que un alcalde carecería de vontade política para amañar un problema que é facilmente solucionable?

A resposta parece evidente: O goberno de Vigo( é dicir o seu alcalde) ten vontade de deteriorar o servizo de deportes de tal maneira que pareza que non hai outra solución que a súa privatización total.

En Vigo hai 22 instalacións coa apertura dependente do servizo de deportes do Concello, moitas delas xa están privatizadas. A situación é a seguinte:

InstalaciónPrivatizada
Pavillón Coruxo2020
Pavillón Coia2020
Pavillón Bouzas2020
Pavillón Bembrive2020
Pavillón Castrelos2020
Pavillón Lavadores2020
Pavillón Teis2020
Pavillón Carballal2020
C.F Carballal2020
Pavillón Candeán2020
Pavillón Romil2020
Pavillón Valadares2020
Pavillón Sárdoma2020
Pistas Atletismo2020
Pavillón Quirós2021
Complexo ETEA2021
Complexo Navia2022
Pavillón Balaidos2022

Risco de privatización en Setembro

Complexo de Samil2025
Pavillón do Berbés2025
Ximnasio do Carme2025

Non se sabe

Complexo das Travesas???

A pandemia como escusa.

Foi no ano 2020, o ano da pandemia, cando a voracidade privatizadora do alcalde de Vigo toma corpo e externaliza o servizo en 14 instalacións deportivas. No ano 21 externalizan o servizo de dúas máis , e no 22 fan o mesmo co Complexo de Navia e co Pavillón de Balaidos. A día de hoxe só son 4 as instalacións deportivas que están sen externalizar, malia que comezan a aparecer algúns indicios de que en setembro deste ano vanexternalizar o servizo noutras 3 instalacións deportivas.

Que pasará cos traballadores se finalmente se acaba por externalizar todo?

Pois probablemente acaben por derivalos a outros servizos. En realidade “externalizar” é un eufemismo para non dicir o que está acontecendo de verdade: O goberno de Vigo está privatizando o servizo público de deportes na cidade de Vigo. E está facéndoo porque quere facelo. Non hai ningunha razón que lle obrigue. O estado lamentable das instalacións soluciónase investindo recursos no seu mantemento, e o concello de Vigo dispón de recursos de sobra para podelo facer. E a insuficiencia de persoal arránxase convocando unha oferta pública de emprego para poder contratar ao persoal necesario e suficiente, e o concello de Vigo dispón de recursos de sobra para podelo facer.

O deterioro dos servizos cínguese só aos centros deportivos?

Non, segundo manifestan os membros do comité de empresa que falaron con nós, o deterioro é común á maior parte de servizos que dá o Concello de Vigo, co que moito nos tememos que as intencións de externalizar/ privatizar sexan moito máis amplas có tema que estamos a tratar neste artigo. Así por exemplo recentemente o concello amortizou unha praza no Vigo Zoo que xa estaba prevista cubrir con persoal interino. Por outra banda o servizo de cemiterios precisa un enterrador desde hai moito tempo. Están cansos de pedilo sen ningún tipo de resposta.

E non se trata de que non haxa cartos, que si que os hai. Tanto é así que no exercicio anterior, no capítulo 1 dos orzamentos, o que reflicte gastos de persoal, houbo 14 millóns de € que o goberno vigués deixou sen executar. Tampouco se trata de que non haxa persoal. Hai listaxes e bolsas de persoal das que se pode tirar en caso de necesidade, pero non se fai porque non se quere facer.

O goberno de Vigo deixa sen executar unha inxente cantidade de millóns de € dos orzamentos, non só no capítulo 1, e esa política é un indicativo notorio de que o goberno de Vigo xestiona mal. Hai cartos, hai servizos necesarios que non se prestan ou se prestan de forma deficiente, e o goberno non inviste todo o que pode investir. O alcalde de Vigo xa pode espetar todas as parvadas que queira nos medios de comunicación que lle permitan facelo, xa pode anunciar obras faraónicas, xa pode apelar ao localismo pueril, ao populismo pailán como fai habitualmente, pero o goberno de Vigo, é dicir o seu alcalde, é un mal xestor.

Como afecta a situación do persoal ao servizo á veciñanza?

Afecta de tal maneira que ás veces os centros deportivos teñen que pechar. Non hai persoal suficiente e polo tanto non poden dispensar o servizo. A situación é tan disparatada que os usuarios e usuarias do ximnasio do Carme en ocasións encontran o local pechado sen previo aviso, cun cartel na porta que informa do peche por motivos técnicos.

E como afecta aos traballadores e traballadoras?

Afecta substancialmente pois teñen que facer máis traballo do que deben, co conseguinte abafo e estrés, teñen que facer traballos que non lles competen. En definitiva; zafan como boamente poden grazas á súa boa vontade e xenerosidade. O deterioro das condicións laborais é tan elevado que se denegan todos os permisos de asuntos propios que se solicitan e incluso se poñen problemas para as vacacións,algo que parece que é bastante habitual no Concello de Vigo. O deterioro das condicións laborais ten como consecuencia inevitable o empeoramento do servizo co que os usuarios e usuarios, cansos de non poder gozar do deporte en condicións óptimas, derivan a centros privados.

Que fai o goberno municipal?

Nada, non fan nada en absoluto. Non estamos na súa cabeza, pero a realidade dos feitos indica que en verdade non teñen intención de resolver as carencias de persoal, e non van contratar a ninguén. Na xuntanzas co comité de empresa marean a perdiz todo o que poden, pero resolver non resolven nada. Incluso algún concelleiro tenlle metido presión ao comité con que se protestan ou van á prensa, privatizan o que quede por privatizar e punto. Ese é o modus operandi dun goberno presuntamente socialista.

Que fai a oposición?

Escoitar ao comité con atención e , en principio, parece que darlles a razón. A maioría absoluta de Abel Caballero impide que nin PP nin BNG poidan facer nada efectivo, veremos se chegan a gobernar..

Que futuro lles espera aos distintos servizos públicos do Concello?

En palabras dos membros do comité de empresa parece que o camiño conduce irremediablemente á privatización de todo, de todos os servizos do Concello. Por duro que pareza, ese parece ser o destino final. A privatización non é máis barata para o cidadán, iso é falso, e o servizo non é mellor. Todo o contrario, tende a ser peor.

E finalizada a conversa cos representantes do comité de empresa, rematamos o día falando con Lourdes, usuaria habitual do ximnasio do Carme que nos conta a súa impresión sobre o estado das instalacións

Lourdes Gonzalvez Teixeira

Veciña das Travesas e usuaria das instalación deportivas do Carme.

As condicións do Carme son Horribles”

Cal é a túa opinión do servizo que ofrece o ximnasio do Carme?

O servizo está fatal. Os monitores da mañá que é cando vou eu son xeniais, non teño ningunha queixa, todo o contrario.

Entón por que opinas que o servizo que ofrece está “fatal”?

Pois porque o ximnasio está moi deteriorado, as máquinas son un desastre, hai pingueiras por todos os currunchos,andamos con cubos e toallas. Incluso na piscina ás veces estamos nadando e cáenos auga por riba. E porque o persoal non é suficiente. Hai veces que pecha sen avisar previamente. Chegas ao ximnasio e encóntralo pechado. Poñen un cartel no que din que pechan por motivos técnicos.

Os propios usuarios e usuarias tendes que “ andar con cubos e toallas”?

Si, claro. Nós axudamos a cambialos cando se enchen e na sala de pilates estamos a secar coas tollas.

Como están os vestiarios?

Horribles, hai un feixe de cascudas e todo tipo de insectos. Os azulexos están caídos e non os arranxan…As duchas tamén están mal, aínda que aí si que actuaron, despois das nosas protestas, porque cando unha se duchaba case caía máis auga por fóra da ducha ca por dentro.

E a limpeza?

É tamén insuficiente.

Cres que non se solucionan os problemas porque non hai vontade de facelo?

Estou completamente segura.

Ti, como usuaria, tes feito algún tipo de protesta ou reclamación ante o Concello para facer constar o teu malestar ante o deterioro das instalacións que describes?

Si, fixen moitas. Incluso tiven xuntanzas con Manel Fernández, o concelleiro de deportes.

E que sensación tiveches desas conversas co Concelleiro?

Que non me fixo nin o máis mínimo caso.