A situación da automoción na comarca viguesa

María Xosé García Responsable nacional de automoción da CIG
María Xosé García Responsable nacional de automoción da CIG
G.Figueiredo e Tino Lago

A comarca de Vigo artéllase sobre dous sectores industriais esenciais na súa conformación económica; o automóbil e o sector naval. Este último atravesa por unha situación perigosísima que podería provocar a súa morte inminente. E no que atinxe ao automóbil comezan a albiscarse síntomas moi inquietantes en relación á súa saúde. A factoría principal, da que dependen a maioría do tecido de empresas auxiliares existentes, Stellantis ( a antiga Citroën) está obrigada a parar periodicamente pois ten problemas serios para recibir unha serie de compoñentes necesarios para a vida do coche que só se fabrican nunha zona de Asia. En concreto carece duns semicondutores( microchips) que levan os vehículos e non lles chegan de maneira necesaria e suficiente para atender toda a súa produción. Os paros de Stelantis inician un efecto dominó que obrigan a parar a gran cantidade de auxiliares orixinando unha serie de problemas en cadea que deixan ao sector nun estado que debera preocupar a calquera administración responsable. Para sabermos máis conversamos con dous representantes da CIG que nos deron a súa visión do estado das cousas, falamos con María Xosé García, responsable de automoción nesa central sindical e con Paco Sío, membro da executiva do sindicato. Velaí vai o que deron de si ambas conversas

María Xosé García Responsable nacional de automoción da CIG

O desleixo e a mala xestión do goberno galego pode facer que a vida do sector do automóbil corra perigo “

Como chegas a ser a responsable nacional de automoción na CIG?

Eu levo na CIG desde o ano 1.995.Xa entrei de delegada ao pouco tempo, e nestes 26 anos desenvolvín distintas responsabilidades orgánicas sempre vencelladas ao mundo laboral do meu sector, o automóbil. E no anterior congreso da miña central sindical os meus compañeiros e compañeiras decidiron outorgarme a confianza para ocuparme desta responsabilidade. Levo 26 anos na CIG e 31 anos traballando no sector. Estou moi implicada co meu sindicato e, humildemente, creo que coñezo ben o campo do automóbil. En calquera caso foi unha grande honra para min desde logo

Ti es responsable nacional, pero fóra das rías baixas existe o sector no país galego?

Só en Ourense. Case todo o sector está na nosa zona

No tecido económico do sur de Galicia que peso ten a automoción?

Tal como está o naval neste momento eu creo que debe ser o sector máis importante. En calquera caso a súa relevancia é enorme desde logo. É o sostén económico da nosa comarca sen dúbida

Sen PSA o sector desaparecería?

Temos algunha auxiliar que traballa para outros clientes pero PSA é o cliente maioritario

Como evolucionaron, nos 30 anos que levas ti no sector, as condicións laborais dos traballadores e traballadoras?

Por desgraza moi pouco. Os salarios son cada vez máis baixos a estabilidade laboral se deteriora por momentos en equivalencia ao aumento da precariedade, os ritmos de traballo son elevadísimos, as ETTS entran con forza, e os compañeiros e compañeiras que veñen por medio dunha empresa e traballo temporal son en verdade os que o pasan peor…

Stellantis, a antiga PSA, está a sufrir problemas moi graves de subministración de pezas o que lle obriga a parar de cando en vez, e aos conseguintes paros das auxiliares. A automoción da nosa comarca ten a solvencia suficiente para estar a salvo de calquera conxuntura ou unha situación tan grave como esa podería pór en perigo ao sector?

Nós desde a CIG xa vimos avisando de que a deslocalización podería pór en serio perigo a vida do sector. Así o puxemos negro sobre branco nun documento que fixemos no ano 2.018 e en conversas que mantivemos con todas as forzas políticas

Co PP tamén?

Nese ano as 4 forzas que tiñan representación parlamentar( PP, Marea, PSOE e BNG) atendéronnos e escoitáronnos .A principios deste ano volvemos intentar xuntarnos cos 3 partidos do parlamento actual e só nos atendeu o BNG. Estamos á espera da resposta do PP e do PSOE.

Retomando a resposta anterior desde a CIG dicimos con claridade que ou se toman medidas políticas de contado para evitar a deslocalización de empresas, ou o noso sector pode acabar vivindo un proceso tan grave como o que está a vivir o naval de Vigo no momento presente

Por que se produce esa deslocalización a xuízo da CIG?

Polo desleixo e a mala xestión política do goberno galego esencialmente

Algunha medida urxente que se debera tomar para evitala?

A aposta firme e decidida por unha tarifa eléctrica galega que abaratara o prezo da luz faría moito máis fácil a instalación de empresas novas e a permanencia das que xa están. Por outra parte é esencial que as fábricas de compoñentes estean o máis cerca posible da fábrica principal. Stellantis produce coches para todo o mundo e depende , para o seu funcionamento diario, de compoñentes que veñen de Asia¡¡¡.En que cabeza cabe non solucionar iso de contado??.Logo pasa unha circunstancia inesperada e dramática como esta pandemia sanitaria e tirámonos dos pelos. Pois non, hai que dicilo con claridade: é a mala xestión da Xunta de Galicia que non realiza as políticas necesarias que eviten a fuga de empresas o que provoca a falta de subministración , os paros e a situación tan perigosa que estamos a vivir

Entón, ao teu xuízo, a falta de vontade política da administración, para crear as condicións necesarias que faciliten a existencia de empresas de todos os compoñentes necesarios para a fabricación dun automóbil o máis cerca posible da factoría principal, é a chave que explica o problema ?

Si, sen dúbida. E segundo o meu punto de vista outra eiva importante que ten a administración, no que ao noso sector se refire, está na falta de control do desenvolvemento dos ERES E ERTES en todas as empresas que recibiron algún tipo de subvención. Nós temos constancia de empresas que se marcharon a Portugal despois de teren recibido subvencións da Xunta. Calquera carto público que se chegue a calquera empresa debe de ser fiscalizado

A Pandemia é a única razón que explique os retrasos nos envíos de compoñentes ou haberá algunha razón máis complexa detrás?

Nós comezamos a traballar, despois das vacacións, o 17 de agosto e avísannos dun día para outro de que imos parar. É algo bastante estraño e provoca moita desconfianza. Si, sabemos que o problema dos semicondutores é real pero esta incerteza de parar de hoxe para mañá, esta neglixencia que supón non contar cun número de pezas suficiente almacenadas, en previsión de calquera continxencia, é realmente preocupante e non sabería dicir con seguridade a que obedece

Para irmos rematando María. Eu recordo ao meu pai que era traballador de Citroën , logo pasou a ser PSA após fusionarse coa Peugeot, e agora é un monstro Stellantis , que agrupa ás antigas Citroën, Peugeot, Opel e Fiat. Como valora a CIG esas macro fusións?

Como unha consecuencia da parte máis voraz do liberalismo económico no que vivimos, como un fenómeno semellante ao que se dá coas fusións bancarias. Téndese aos oligopolios, a concentrar a riqueza en cada vez menos mans e ese proceso orixina inevitablemente un aumento da masa de persoas empobrecidas e un deterioro das condicións laborais das novas xeracións que se incorporen ao mercado laboral. Antes comentábache de que agás en Pontevedra e Ourense non existe sector de automoción , e non hai fábricas pero si concesionarios que tamén supoñen moitos postos de traballo. Os concesionarios tendían a concentrarse en zonas concretas. E agora que sentido ten un concesionario Citroën, outro Opel outro Peugeot e outro Fiat?, véndense as catro marcas no mesmo local e listo. En consecuencia hai vendedores, mecánicos, administrativos que inevitablemente, como resultado da creación de oligopolios van ir á rúa

A CIG está radicalmente en contra desde modelo de sociedade e vaino combater sempre.

A falta de vontade política de loitar contra a deslocalización pode, a criterio , da CIG facer que a situación do sector vaia a peor?

Si, por desgraza teño que contestar que si.

Paco Sío membro da executiva confederal da CIG

Esta crise está sendo aproveitada polo poder económico non xa para “flexibilizar” senón para facerse donos das vidas dos traballadores e traballadoras”

Cal é a túa rama no mundo laboral e onde traballas?

Son traballador de GKN Driveline, a antiga Indugasa. Son delegado sindical do comité de esta empresa e ao mesmo tempo teño un cargo orgánico na executiva confederal da CIG que é Responsable de Negociación Colectiva.

-Fálanos de túa historia no mundo sindical?

Eu comezo desde moi noviño a traballar no metal, comecei no naval, nunha empresa auxiliar nos estaleiros. Aquí tiven os meus primeiros contactos co sector do metal de Vigo, e comprendín que a mellor arma que temos os traballadores e as traballadoras son os compañeiros e compañeiras

Despois do naval cheguei a traballar en Indugasa onde xa levo 25 anos. Cando eu aparezo, a CIG non tiña representación, era unha empresa onde o sindicato amarelo levaba absolutamente todo. Cando un par de compañeiros decidiron formalizar á CIG, apoieinos desde o principio, afilieime e comecei a participar con eles ata o 2007 que pasei a formar parte do comité. A partir de aí seguín aumentando o apoio da xente e sen buscalo, os compañeiros e compañeiras decidiron que eu fora collendo diferentes responsabilidades. Primeiro na Executiva Comarcal de Vigo, despois na Executiva Confederal do Metal e agora xa na Executiva Confederal.

– Todos estes cargos supoño que che levan moito tempo, estás liberado ou segues en activo na empresa para a que traballas?

Eu sigo de traballador en activo e dentro da complicación e a dificultade intento compaxinar as dúas cousas grazas as persoas que me rodean na CIG, que me facilitan moito o traballo

-Como fas para compaxinar coa túa vida familiar?

Teño dous fillos e agora xa non son tan pequechos nin tan dependentes, a nena ten 14 e o neno 12 anos. Por sorte son bos nenos e mo poñen fácil e, por suposto, coa axuda da miña parella.

-Agora imos falar da automoción; cal é a túa valoración sobre os paros en Stellantis resultantes da falta de subministración?

O último informe do CEAGA con respecto aos paros por semicondutores, chamados microchips, falan que non vai haber recuperación ata o ano 2023. Tanto o que queda deste ano coma todo o ano que ven imos estar coa mesma dinámica de paróns de falta de traballo puntual e de difícil control por parte dos traballadores e dos seus representantes da produción nas fábricas.

É a deslocalización, que leva a trasladar a produción onde a man de obra é moito máis barata, a responsable de que non haxa ningún tipo de control sobre a produción. E, agora mesmo, por mor da crise Covid-19, alén do peso que están a gañar China e os países asiáticos na economía mundial, fan que eles teñan o poder absoluto da capacidade de produción das empresas. Non só co problema dos chips senón que tamén se elevou moitísimo o prezo de outras materias primas coma o ferro, aceiro, aluminio…, ou mesmo levar un contedor de China a Europa antes tiña un prezo, ese prezo multiplicouse por catro. Non hai capacidade no mundo por parte das grandes multinacionais nin das empresas dos estados europeos de cambiar isto.

-Cal é a actividade sindical que está a levar a cabo a CIG en relación a este problema?

Estivemos facendo unha campaña en contra dos ERTES porque non estamos de acordo como os están facendo. Aos traballadores fixos mándanos ao ERTE; aos traballadores eventuais, despidos masivos; e no caso dos traballadores e traballadoras das sub contratas ou de empresas de servizos vense verdadeiros abusos como mandalos para casa sen cobrar, descontarlle os días das vacacións, quedar os días de débeda coa empresa e logo ter que facer horas extras sen remunerar e eses días soen saír da fin de semana.

Cres que as multinacionais están a aproveitar esta situación para desmantelar os convenios e retirarlle dereitos aos traballadores e traballadoras?

Si, claro. Esta é a flexibilidade total e absoluta que sempre pediron nas negociacións dos convenios e agora xa a conseguiron con esta crise de falta de subministración. A isto eu non lle chamo flexibilidade, senón facerse donos e señores das vidas dos e das empregadas.

–Cal é o motivo real, a xuízo da CIG, da crise de falta de subministarción?

A falta de subministración é máis grande en Europa ca nos EEUU. Este país segue a ter produción propia, ten capacidade de produción de materias primas malia que sexa explotando os recursos de terceiros países

No que respecta á Unión Europea, pois está a sufrir agora as consecuencias da chamada globalización, en realidade unha política de maximizar beneficios a costa de producir a baixo custo en países coa man de obra moito máis barata. Quixeron converternos nun parque temático para os turistas ricos e agora estamos nunha calexa de moi difícil saída pois dependemos das decisións de outros. A aparición do populismo de dereita é tamén resultado da voracidade do capital que non entende que maximizar beneficios para uns poucos a costa de empobrecer á maioría acaba inexorablemente no desastre.

-Por que non volven traer para Europa a fabricación para non ter este problema de subministracións?

Saíu recentemente un informe do CEAGA onde di que Holanda, Italia ou Alemaña están preparándose para montar fábricas de microchips no seu territorio para poder salvagardar vindeiras crises do sector de novo. Pero para o Estado, ou para Galiza, non hai nada, aquí non hai proxecto de ningún tipo para a industria.

-Como ves o futuro do sector do automóbil en Galiza?

Non hai unha política sectorial por parte da Xunta, vémolo por exemplo cunha reivindicación histórica; facer unha fábrica de baterías. Non se está falando de pór esta factoría en Vigo porque Citroën decidiu que a súa planta de batería está en Alemaña . É Citroën Stellantis que decide a política do automóbil en Galiza, non a Xunta. Aquí non hai posibilidade de montar ningunha fábrica de nada porque tanto a Xunta de Galicia coma o Concello de Vigo non teñen políticas para a automoción, soamente falan de luces de nadal ou porcentaxes de ocupación na hostalaría, pero nada de proxectos de estudio para a fabricación propia.

-E do metal en xeral na Comarca?

Isto é unha ecuación de segundo grado, se a incógnita da automoción lle unimos a incógnita do naval, está claro que o final está moi próximo. A Unión Europea está apostando polo sector servizos para España e acabar co sector industrial para este territorio. Eu creo que Vigo é o alumno avanzado desta política da Unión Europea. Vémolo con Abel Caballero que fala de que os bares están cheos e os hoteis a plena capacidade e do que realmente produce riqueza e postos de traballo con condicións dignas, con convenios con bos salarios que repercuten no benestar das familias, que é o que realmente importa, ningún di nin fai nada, aquí apóstase polo contrario.

Xa nin comentar o problema do tele traballo, aquí si que se van a desfacer postos de traballo e alugueres e limpeza de oficinas, viaxes en trasporte público, … Estes gastos van deixar de telos os empresarios para sufragalos nós nas nosas vivendas convertidas en oficina e non imos saber diferenciar a nosa vida familiar do noso posto de traballo.

-Ben , para irmos rematando fálanos da túa responsabilidade na negociación colectiva?

Teño experiencias positivas que todas teñen que ver coa mobilización, coa unión da clase traballadora, estes son os dous puntos necesarios. E non entender mobilización como vandalismo, senón mobilización como unha ferramenta dos traballadores. Mobilización é dar un panfleto na porta, facer unha asemblea, concienciar aos traballadores, facer concentracións e chegar á folga se fai falta, é a capacidade que ten o sindicato a chegar á xente e crear conciencia de clase para poder defender os dereitos de todos e todas.

Ano tras ano, ata antes da pandemia, vémolo nas empresas onde a CIG ten a maioría de delegados, hai unha diferencia moi grande tanto en incrementos salariais como nas condicións laborais que se pactaban comparada coas empresas onde a CIG non existía como sindicato.

Dentro da situación na que estamos a vivir é moi difícil mover á clase traballadora porque non estamos acostumados á mobilización continua e temos que aprender. Hai que acabar coas reformas laborais sen excepcións, tanto as do PSOE coma as do PP e reverter todos estes anos de perdas.

Ves unión nos traballadores nestes tempos nos que estamos a vivir?

De feito, a CIG ten máis afiliados ca nunca na súa historia. Isto significa que a xente necesita que alguén lles axude e busca en nós, como sindicato, esta axuda.

Ás veces podes axudar, pero as veces non. A xente non é consciente no marco laboral e lexislativo que se aprobou nestes últimos anos, seguramente porque nós non fomos capaces de trasladalo coa suficiente claridade, moitas veces a solución non é a desexada, pero aquí estamos para seguir e loitar por todos e todas as traballadoras do país.