A situación industrial na comarca de Vigo a exame

César Rodríguez. responsable comarcal, na CIG Vigo, do sector naval

A mediados deste mes de setembro o Deutsche Bank publicaba un informe titulado “Estudo de retorno de activos a longo prazo: a idade do desorde”. As súas conclusións eran realmente preocupantes. Viña prognosticar para a década do 2.020 o inicio dun novo ciclo estrutural que afectará a todo, no que se producirá un empeoramento da desigualdade e un retroceso nas condicións de vida, así como un aumento dos brotes de violencia e conflitos en xeral, resultantes do empobrecemento de grandes masas de persoas. Entendo que as conclusións desa análise non están moi lonxe da realidade, a modo e exemplo convídolles a ler, nestas mesmas páxinas, a entrevista coa alcaldesa de O Porriño na que nos comentaba que antes da pandemia, o banco de alimentos municipal axudaba a 160 familias, e agora xa están atendendo a 500 unidades familiares. Ollo que a situación non é ningunha broma e os partidos fascistas que xa están na institucións non son outra cousa que unha manifestación sintomática máis da enfermidade real, da peste máis negra que asolou á humanidade en toda a súa historia: o liberalismo económico. Para sabermos máis de como está por dentro a situación industrial da nosa comarca, falamos con César e María. El é o responsable comarcal da CIG do sector naval e ela ten a mesma responsabilidade pero no sector de automoción 

CÉSAR RODRÍGUEZ.RESPONSABLE COMARCAL, NA CIG VIGO, DO SECTOR NAVAL

Estamos nun proceso de posible desaparición do sector naval, tal como o coñeciamos”

Como Comezou a túa vida profesional no sector?

Comecei no sector en xaneiro de 1.989 nunha empresa auxiliar da construción naval

31 anos no sector, xa choveu¡¡

Si, a verdade é que si. Xa vin pasar un feixe de persoas e acontecementos na miña vida neste mundo da construción de barcos

Toda a túa actividade profesional no naval, foi na mesma empresa?

Case toda

E a túa vinculación sindical, como e cando comezou?

No que respecta ao como, eu considero que a vinculación sindical xorde dunha suma de tres factores: o perfil persoal, o contexto socio histórico no que un viva e o exemplo dos comportamentos dos que están, por unha cuestión xeracional, antes ca ti. Eu, ao respecto disto teño que dicir que o exemplo sindical de persoas que me precederon foi moi relevante á hora de convencerme para que me implicara persoalmente. No que atinxe ao cando, foi arredor de hai 15 anos.

Visto desde fóra, teño a sensación de que o sector , historicamente na ría de Vigo, móvese moito por picos, con épocas de enorme carga de traballo, e con etapas de moi escasa cantidade. Recordo o enorme pico do 2.007 no que moitas persoas da automoción procuraban traballo no naval, e como descendeu o pico de maneira brutal, e a verdade, non se albisca un novo ciclo alcista. É moi preocupante porque o problema semella estrutural. Ti que opinas?

Si , estamos nun proceso de posible desaparición do sector naval tal como o coñeciamos

Vaia. Describes a situación con moita dureza?

É que é a realidade. Como ti dis, o sector moveuse historicamente por picos. Pero eran ciclos coiunturais, como moito dun ano de duración. Porén, o que cambia todo foi a crise do Tax Lease, que estoupa no ano 2.011.Ese xa non é un problema de ciclos, senón que é unha bomba directa á liña de flotación do sector. A parálise resultante dese conflito é brutal, non só no naval, senón en toda a actividade económica asociada ao sector.

Para quen non o saiba. Cóntanos que é o Tax Lease?

Un sistema de bonificacións fiscais que existía en España, polo que se permitía a grandes grupos económicos aforrarse impostos se investían na construción naval. O mecanismo foi declarado nulo pola UE despois dunha denuncia de estados competidores, cando en todos existían instrumentos semellantes, co que a construción en España encareceríase significativamente en relación coa competencia. Xa que logo os inversores deixan de investir, e o que se produce é o caos

Desa situación, case dez anos despois, aínda non demos saído?

Non. A reacción política en España foi insuficiente e inadecuada e non se logrou reverter o problema

Vulcano está definitivamente morto?

Hai quen ten moito interese en soterralo

Quen?

Hai moitos intereses. Se cadra o porto de Vigo é o principal. Eles nunca agocharon o seu interese en recuperar eses terreos

O porto é o propietario dos terreos nos que se asenta a factoría?

Do 40%, o 60 restante pertence ao propio estaleiro

E para que querería o porto reses terreos?

Eles din que é unha necesidade do porto, pero para nós iso é moi discutible

As administracións municipal, autonómica e estatal fan o necesario para poder darlle unha saída ao estaleiro?

Se o fan, nós non o vemos. As palabras poden ser moi bonitas pero se non van acompañadas de feitos políticos concretos non serven absolutamente para nada

Cal é a posición da CIG ao respecto?

Clarísima: Non podemos permitir que se siga perdendo industria. Nós non damos por morto a Vulcano, aínda hai algunha oportunidade

Cal?

É necesario que deixen de torpedear as posibilidades de que algún empresario que queira apostar polo sector naval adquira eses instalacións

Existen esas posibilidades?

Si, a día de hoxe hai dúas ofertas encima da mesa. Todo o mundo, especialmente as administracións, deben de involucrarse ao máximo en atopar unha saída que posibilite que a construción naval continúe en Vulcano. O contrario é unha profunda irresponsabilidade, ou vai ti saber se algo peor

A que te refires?

Isto non deixa de ser unha mera hipótese; pero Vulcano ten, creo lembrar, arredor de 80.000 metros cadrados de terreo á beira do mar. Un caramelo sen dúbida moi apetitoso para potenciais especuladores.

E de Barreras que nos dis?

É unha incógnita. Teremos que ver cal é a política industrial deste grupo americano Ritz Carlton, que xa é o novo dono do estaleiro

Eles teñen un buque en construción no estaleiro. A compra da empresa terá por obxecto poder rematalo e logo marcharse, ou realmente terán intención de desenvolver unha política industrial seria que asegure a viabilidade futura da factoría?

Non podemos asegurar nin unha cousa nin a contraria. Haberá que ver como se desenvolven os acontecementos para poder opinar con rigor

Sobre os dous cascos da armadora de Noruega que teñen parados en grada, que saída lle vemos?, porque non me digas que non é unha situación surrealista

Pois teñen que chegar a un acordo coa navieira claro, porque esas gradas hai que liberalas, xa que ten as dúas gradas ocupadas co que, malia que tiveran carga de traballo non a poden asumir.

A industria auxiliar vai cobrar o que se lle debe?

É imprescindible que Barreras chegue a un acordo cos noruegueses

Pemex foi unha cagada, unha estafa, as dúas cousas, ou ningunha?

Buff. O de Pemex é incualificable. En principio digamos que foi unha utilización do sector por parte do PP para poder gañar unhas eleccións. Os mexicanos tiñan o 51% de Barreras, pero nunca chegaron a traer a ninguén para que se fixera cargo. Esa circunstancia amosa que, cando menos, o seu interese real na factoría era moi cuestionable. Agora mesmo están saíndo presuntas vinculacións dos antigos xestores de Pemex con prácticas corruptas, polo tanto o que supostamente era o maná que a presunta brillante xestión de Feijoo traía para o naval galego, en realidade foi un desastre.

Ti cres que o presidente Feijoo enganou conscientemente á sociedade galega con este asunto?

Eu o que podo dicir é que o utilizou para obter beneficios políticos

Ben, agora falemos dos estaleiros de menor dimensión que Barreras e Vulcano. En que situación está Freire?

Freire é un estaleiro que sufriu a crise do sector en menor nivel que os dous máis relevantes. Chegoulle a crise máis tarde e en menor dimensión, co que puido saír dela en menos tempo. Na actualidade ten unha liña de traballo de certa regularidade

Non corre perigo a súa viabilidade futura?

Entendo que non

Metal ships?

Xa levan varios anos nunha situación moi perigosa, sen carga de traballo, agás un iate que recuperaron de Factoría Naval de Marín, que si está en proceso de construción

De que viven logo, se non teñen carga de traballo?

Desde hai dous anos que entregaron o último barco, viven case en exclusiva da reparación

Falando de reparación, vós sempre mantivestes unha posición favorable á construción dun gran centro de reparación naval na Ría de Vigo. Explícanos as razóns desa postura?

Pois porque entendemos que é unha importante área de negocio que está infra explotada. Galiza é unha moi importante zona de paso de todas as rutas marítimas mundiais, polo que somos un mercado susceptible de absorber numerosos clientes potenciais. Pero quixera deixar moi claro que a reparación ten que ser, ao noso xuízo, un complemento, en ningún caso substitutivo da actividade esencial que debe seguir sendo a construción

Os dous que nos quedan, Armón e Cardama?

Armón é outro estaleiro que leva unha liña regular de traballo sen altos nin baixos salientables. Cardama é un estaleiro pequeno e neste momento está vivindo da reparación

A día de hoxe, aproximadamente a cantas persoas dá traballo o sector naval da ría de Vigo?

Non creo que cheguen a 5.000

E no momento de pico elevado que houbo arredor do 2.007?

Estabamos ao redor dos 10.000

Estamos falando de que na última década destruíse o 50% do tecido industrial do sector da nosa comarca?

Si, soa moi duro, pero é a realidade. E como che dixen ao comezo da conversa a pinta é que vai ir a peor. Se finalmente Vulcano acaba morrendo, con certeza xa che digo que vai ir a peor irremediablemente

Quen ten responsabilidade na deriva cara á irrelevancia que leva o sector naval da nosa ría?

Os responsables son por unha banda uns pésimos xestores empresariais e pola outra a falta de implicación política