María Xosé García. Responsable Nacional da CIG do sector de automoción

CIG automación María Xosé García

A administración carece dun plan para a preparación do noso sector, cara ao futuro tecnolóxico e ecolóxico”

Como comezou a túa vida profesional?

Eu estudei deseño e patronaxe

Vaia, polo tanto non tiñas pensado orientar a túa vida neste sector?

Pois non. Comecei na mesma empresa que estou agora en abril de 1.991. Arrincou en Redondela en febreiro dese ano, e eu entrei dous meses depois de agora pómoslle “a antiga Inerga, actualmente Plasticomnium.

Debes ser das traballadoras máis antigas da empresa?

Pois si, en abril do ano próximo fará 30 anos que estou alí. Os comezos foron por pura e dura casualidade. Viña eu de Pontevedra no coche e parei a un amigo que facía dedo, o home viña todo contento porque acababan de collelo na empresa e animoume a que fora pedir traballo alí. E eu fun, e como non quere a cousa xa van 3 décadas

Hoxe, trinta anos despois, estás arrepentida de ter collido a ese autostopista?

Non

Eu sei positivamente que ti pasaches por circunstancias durísimas no teu traballo, sei que sufriches boicots e que se sometía a presión a compañeiras e compañeiros teus para que non falasen contigo

Si, foi así, tal como o dis

E segues sufrindo esa situación?

Non, eu creo que os que a instigaran xa se deron por derrotados

Humanamente como se leva?

Non é nada fácil claro. Eu cheguei a pasalo moi mal

Por que comezaron os boicots?

Todo comezou cando a CIG decidiu presentarse ao comité. Para evitar as presións a preparación da candidatura foi digamos que secreta, de feito a súa presentación fixémola o último día, dez minutos antes de que pechara a mesa

Debeu ser impactante?

E tanto que si. Aos 4 meses a min botáronme á rúa e o comité foi revogado. Protestamos e a min acabáronme por readmitir co castigo de dous meses de suspensión de emprego e soldo. E a partir de aí comezou o a política de acoso e derrubo

Contra a túa persoa ou contra a CIG?

Todos os que estabamos na CIG pasámolo mal. No meu caso chegou ao punto de que cando eu entraba na cafetería todo o mundo marchaba. Tamén me chegaron a ofrecer 16.000.000 de pesetas para que me marchase da empresa

Miña nai ¡¡

Eu son moi teimuda e nin acepto nin me rindo ante as inxustizas. A min chegáronme ofrecer ser xefa de sección se abandonaba o comité, cando lles dixen que non, comentáronme a posibilidade de cambiar para CCOOO ou para UGT

E ti que contestaches?

Desculpa a expresión pero xa que mo preguntas vouche responder literalmente o que lle dixen: eu milito onde me sae da cona, eu milito na CIG e nin vostede nin cristo bendito vaime facer cambiar de central sindical

Quen foi a primeira persoa da CIG que contactou contigo?

Henrique Viéitez, pero eu teño tres referencias sindicais por encima de calquera outra que son Miranda Vigo, Alberte Gonçalvez e Xose Lois Romero. Non quero ser inxusta porque eu son da CIG , estou orgullosa de selo e sempre concibín a actividade sindical como un traballo colectivo, pero habendo na CIG infinidade de persoas ás que aprecio e respecto vasme permitir salientar a esas 3 como especiais para min.

Como valoras a situación actual do sector da automoción na nosa comarca?

Agora mesmo está nunha situación alcista. Nós non contabamos con que despois do parón motivado pola situación sanitaria estiveramos producindo con quendas incluso de fin de semana. Neste momento estamos producindo igual que antes do confinamento. Na empresa principal de automoción, PSA, en outubro van quitar unha nova quenda de fin de semana. O problema máis importante é que a devandita empresa principal é unha empresa de furgonetas, diésel e gasolina. Non teñen un proxecto eléctrico grande que poida dotar de carga de traballo ás auxiliares. Hai empresas como por exemplo Borgwarner que fan motores que están nunha situación moi complicada, e que si se deixase de facer o coche diésel poderían ter problemas moi serios

De feito nesa empresa de Zamáns chegou a haber unha formulación de hipótese dun ERE moi importante hai pouco tempo

Si. Imos ver, o razoable é que tanto PSA como todas as factorías fabricantes pensen xa en modelos eléctricos viables , para írmonos adaptado aos poucos, porque no ano 2.050, hai quen di que xa no 2.030, as cidades de máis de 50.000 habitantes non poderán ter coches nin de diésel nin de gasolina.

A ecoloxía e a necesidade de apostar por non contaminar o planeta é compatible cunha industria de automoción sólida e solvente?

Si, estou segura de que si. Debemos de buscar as fórmulas que o fagan compatible, porque o desenrolo industrial é moi importante, pero se nos cargamos o planeta non serve absolutamente para nada.

E hai alternativas?

Si, claro que as hai, pero lamentablemente a administración autonómica non desenvolve ningún tipo de política na súa procura. A CIG ten un proxecto para a automoción desde o 2.018

En que consiste?

Basicamente nas seguintes medidas:

  • Apostar polo coche híbrido e eléctrico
  • Apostar polo coche híbrido a gas
  • Apostar polo coche autónomo
  • Desenvolver unha política enerxética de país para o sector da automoción
  • Desenvolver un plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal
  • Formación do persoal cara aos novos sistemas de fabricación
  • Ter unha mesa do sector na que participen a parte sindical, a empresarial, a administración e as 3 universidades galegas

Os principais problemas que ten o sector cales son?

Alén do que che comentei referente a que non existe un plan global de preparación do sector para o futuro tecnolóxico e para o futuro, en realidade para o presente, ecolóxico, pois os ritmos de traballo desbocados, os salarios cada vez máis baixos ,as producións extremas, a precarización xeral das condicións de traballo e apouca estabilidade na contratación. As plantillas mudan con moita frecuencia co que non é nada fácil acadar a especialización necesaria para desenvolver un traballo de maneira adecuada. Nós temos que ser capaces en Vigo de que a automoción teña contratos estables

O meu pai traballou 38 anos en Citroën, e recordo que na súa época traballar alí era para un operario o mesmo que para un montañeiro coroar o Everest

Esa situación que describes, efectivamente foi así, pero xa morreu hai anos. Hoxe calquera operario ou operaria prefire traballar nunha auxiliar ca na principal

Por que?

As condicións de precariedade , e ritmos de traballo esaxerados que antes che comente, i en PSA son peores ca nas demais empresas.

Vimos de vivir na nosa contorna unha arrepiante vaga de accidentes laborais que orixinaron a morte de varias persoas. Que explicación ten, para a CIG, esa situación?

Os erros humanos existen, pero cando algo se repite con frecuencia con parámetros semellantes xeralmente hai algunha razón que o provoca. Nós consideramos que os ritmos de traballo esaxerados son os que orixinan este tipo de accidentes .

Sobre a deslocalización que nos dis?

Esa é unha das ameazas máis grandes á que nos someten. Eu levo máis de 15 anos escoitando que se non aceptamos empeorar as condicións as empresas marchan

O problema é que cobrades demasiado?

Non, claro que non. Se ese fose o problema en Euskadi, por exemplo, non debera existir unha soa empresa pois eles teñen mellores condicións ca nós. O problema é que non existe por parte da administración autonómica unha política adecuada de fiscalización dos cartos que se lles dá ás empresas a modo de subvencións. Se unha empresa recibe cartos públicos deben estar suficientemente regulados para que lles sexa imposible levar a produción a outras zonas