Xabier Pérez Igrexas candidato do BNG á alcaldía de Vigo

Xabier Pérez Igrexas candidato do BNG á alcaldía de Vigo

O BNG repite cabeza de candidatura .Xabier Pérez Igrexas encabeza unha lista con expectativas realistas de dar un salto cualitativo importante, que novamente sitúe ao nacionalismo nunha posición política determinante na cidade de Vigo.

O 28-M temos unha grande oportunidade de trazarmos un novo rumbo para Vigo”

-A moi poucos días dun novo proceso electoral cales son os teus ánimos e sensacións neste momento?

Encaramos esta recta final cara as eleccións do 28 de maio cheas e cheos de optimismo e de entusiasmo. Estou certo de que imos lograr sumar a moitos millares de viguesas e vigueses que non se conforman, que saben e que senten que Vigo merece máis, para empurrar o proxecto aberto e en positivo co que o BNG queremos levar Vigo máis alá. Máis alá do dinoseto e das luces, máis alá da ruído e da lea permanente, máis alá da propaganda e das moreas de promesas incumpridas. Para volver poñer en marcha a maior cidade de Galiza.

-Como valoras estes anos que supuxeron o teu debut como cabeza dos nacionalistas vigueses no Concello?

Se tivera que definir este mandato en dúas palabras serían: inercia paralizante. Porque o que vemos cando apagan as luces coas que nos queren cegar é unha cidade que está quedando atrás. Quen ten menos emprego, menos oportunidades, na que o único que aumentou foi a pobreza o empobrecemento, na que hai menos cultura e deporte, cos seus barrios e parroquias abandonados. Non é unha percepción subxectiva é a realidade que deixa o feito de que o actual Goberno municipal, cunha maioría absolutísima sen precedentes na cidade, deixou sen gastar nos últimos catro anos 436 millóns de euros dos orzamentos municipais. 436 millóns de euros de necesidades desatendidas, de promesas que nunca se fixeron realidade, de falla de xestión e abandono da cidade real.

-Cantas propostas en concreto presentastes estes catro anos?

Foron máis de 850 propostas, iniciativas e alternativas, desenvolvendo un enorme traballo, constante e rigoroso, a pé de rúa, pateando os barrios e as parroquias e nun permanente e intenso contacto co tecido asociativo. Facendo algo que pode parecer revolucionario hoxe en Vigo: escoitar e dialogar. O BNG, a diferenza doutras forzas, nunca xogamos ao “canto peor, mellor”. Acompañamos sempre cada crítica ou cada denuncia, dunha proposta en positivo, dunha solución.

Estes catro anos permitiron facer visíbel que hai alternativa a quen reduce a política municipal a grandes actuacións aparenciais, a unhas poucas inauguracións e moito espectáculo. E, nese sentido, podo dicir con toda a humildade, pero sen falsa modestia, que o BNG marcamos a diferenza. Porque cun único asento no salón de Plenos referenciámonos como a oposición real pero o que é máis importante, como unha alternativa sólida e en positivo.

-Cantas foron aceptadas polo goberno municipal?

Ningunha. En todo este mandato, o Goberno instalouse nunha xordeira autoritaria que o levou a ignorar calquera idea ou proposta que formularamos o BNG e tamén o propio tecido asociativo. Un exemplo claro é a tramitación dos orzamentos municipais, que definen como usar o diñeiro de todas as viguesas e vigueses, e que o actual Goberno decidiu elaborar unha e outra vez sen atender nada máis que a súa opinión. Para os orzamentos deste 2023 o BNG fomos a única forza da oposición que formulamos emendas parciais, 83 en total, que pretendían reorientar o uso de case 12 millóns de euros para máis política social, alargar os servizos públicos, mellorar o transporte, despregar máis cultura e máis deporte, poñer en marcha máis escolas infantís ou construír bibliotecas e atender todos os barrios e non só o centro. A resposta foi sempre a mesma: o rodete da maioría absoluta dicindo non a todo.

– Explícanos a situación das seis familias coa ameaza de seren expulsadas das súas casas en “ Privada Moderna”

É un caso clarísimo de acoso inmobiliario, especialmente indecente porque quen o exerce é a Sareb, que está participada maioritariamente polo Estado. Falamos de 46 vivendas en pleno corazón do Calvario, a poucos metros do cruce dos Choróns, das que actualmente 6 están habitadas con alugueiros de renda antiga, por persoas maiores e situacións vulnerábeis a nivel social. A veciñanza leva desde 2017 agardando que a Sareb execute unhas medidas urxentes de seguridade, fundamentalmente de amaño da cuberta, pero non o fan porque o único que procuran é lograr que os veciños e veciñas cansen e marchen das súas vivendas a pesar de ter xa unha sentenza que lles da razón. E nisto o Goberno municipal de Caballero é cómplice, porque despois de case seis anos, o único que fixo, presionado pola denuncia veciñal e pola acción do BNG, foi impoñerlle 3 mil euros de multas á Sareb. O que ten que facer o Concello é proceder á execución subsidiaria, facer os amaños e pasarlle a factura á Sareb. Pero para alén de resolver este problema o BNG tamén esiximos ao Goberno español de PSOE e Podemos que deixe de ollar para outro lado, e que actúe para que a Sareb que dirixen deixe de actuar como un fondo voitre, atendendo as demandas das inquilinas da Privada Moderna pero destinando tamén as 40 vivendas restantes para alugueiro social en lugar de telas tapiadas.

-Como está a situación da sanidade pública en Vigo?

Vigo é a zona cero da desfeita sanitaria en Galiza despois de 14 anos de políticas brutais de privatización e recortes impostas pola Xunta do Partido Popular. Temos un hospital “Álvaro Cunqueiro” privatizado e insuficiente, o Meixoeiro a medio gas e mantendo a anomalía dun concerto singular con Povisa que impón unha sanidade de dúas velocidades, porque non se garanten as mesmas ratios de persoal nin as mesmas condicións na atención sanitaria. E listas de agarda insoportábeis. Pero o máis grave é o acoso e derribo en contra da Atención Primaria, cos centros de saúde nunha situación límite, con graves carencias na atención pediátrica, ou cun Punto de Atención Continuada ao borde do colapso. Mentres o PP desmantela a sanidade pública na área de Vigo mete preto de 200 millóns de euros cada ano no peto das súas empresas amigas da sanidade privada. E digo amigas, porque en cada candidatura municipal do PP teñen algún representante en postos de saída. Hai catro anos foi o ex xerente da clínica Fátima, e agora unha ex directiva de Povisa quen vai no primeiro tramo da lista de Marta Fernández Tapias.

-E do sector naval?

O naval é o termómetro da grave crise industrial que padece Vigo. Pasamos dun sector que chegou a representar 10 mil empregos, a menos de un millar de postos de traballo. O antigo Vulcano, agora asteleiro San Enrique, está en coma. A antiga Barreras sen garantías reais de futuro e Metalships ou Freire atravesando dificultades e con pouca carga de traballo. O BNG temos claro, moi claro, que o futuro de Vigo non pasa nin polo monocultivo das luces de nadal duns, nin do Xacobeo doutras. O futuro de Vigo pasa por volver sermos o pulmón industrial e produtivo de Galiza, pare crear emprego estábel e digno revertendo a destrución de 6.800 empregos industriais nos últimos tres anos.

– No que respecta ao automóbil cal é a opinión do BNG?

A automoción é xunto ao naval, e tamén a pesca, unha actividade estratéxica para a cidade. Un sector que está atravesando tamén dificultades, non só polo cambio de vector enerxético e as turbulencias internacionais, senón tamén por unha crecente e moi grave precarización das condicións laborais. Arrepía ver como en Stellantis, por exemplo, son maioría as persoas con contratos a tempo parcial, e que haxa case un 40% de operarios e operarias dos que había en 2007. E indigna, e moito, ver como se están utilizando un centro especial de emprego para explotar a persoas con diversidade funcional traballando polo salario mínimo. A automoción viguesa e galega non pode competir a base de precariedade laboral, senón apostando no valor engadido e na innovación. Hai que actuar xa para evitar o risco real da deslocalización, tendo en conta que desde 2008 non se instala ningunha empresa do sector en Vigo ao tempo que se traslada cada vez máis produción a Portugal e outros países.

-Os mecanismos que garantan a participación veciñal nas decisións políticas que lles atinxan son adecuados e suficientes?

Non, en absoluto. Nos últimos 8 anos padecemos como houbo quen confundiu unha lexítima maioría absoluta coa imposición permanente do “aquí mando yo y solo yo”. Democracia é moito máis que votar cada catro anos. Sen participación, sen diálogo, non pode haber democracia. Por iso o BNG entendemos como unha cuestión estratéxica, e esencial en termos de pura hixiene democrática, poñer en marcha un novo Regulamento de Participación Cidadá que blinde o dereito das viguesas e vigueses a seren escoitadas pero, o que é máis importante, que lles garanta a posibilidade de participar directamente na toma de decisións. Un novo regulamento que implante os orzamentos participativos, pero que converta os consellos sectoriais en espazos de verdadeira codecisión, e que descentralice a administración municipal creando os Consellos Veciñais de Barrio e de Parroquia. En resumo: hai que devolverlle o Concello á veciñanza, para devolverlle Vigo ás viguesas e vigueses.

-Cales son as liñas programáticas básicas da candidatura que encabezas?

Temos que facer que Vigo volva avanzar, dándolle o impulso que a maior cidade galega necesita, abrindo entre todas e todos un tempo novo. Para, xuntas e xuntos, construírmos unha cidade máis habitábel e moito máis verde, igualitaria e socialmente xusta, que volva ser o pulmón industrial e produtivo de Galiza, que se referencie como vangarda na creación cultural e que sexa motor de todo un País. Unha cidade coas persoas no centro, cun Concello que priorice a atención das necesidades reais das viguesas e dos vigueses e a atención dos seus barrios e parroquias

-Cales son as expectativas de resultados realistas coas que vos presentades?

O 28 de maio é unha grande oportunidade porque as viguesas e vigueses van poder trazar un novo rumbo para Vigo, definindo un novo horizonte para a nosa cidade. E o BNG imos a por todas, sen límites, con toda a ambición e coa confianza de que temos as ideas, a capacidade, a experiencia e as persoas para poñer en marcha unha verdadeira transformación da cidade. Hai quen quere facernos crer que nada se pode facer, que xa está todo feito, que o resultado xa está escrito. Pero a verdade é que cando se abran as urnas Abel Caballero e mais eu teremos o mesmo número de asentos no Pleno: ningún. Van ser as viguesas e vigueses quen decidan, escollendo entre dúas opcións: ou máis do mesmo ou levarmos Vigo máis alá. Teño a total confianza de que o BNG imos ser a grande sorpresa, e que a onda de simpatía e apoio que non deixa de medrar na cidade cara ao Bloque, vai lograr facer que o nacionalismo volvamos ser determinantes no Concello da maior cidade do noso País.