“ Hai persoas que loitan un día e son boas. Hai outras que loitan un ano e son mellores. Hainas que loitan moitos anos e son moi boas. Pero tamén hai persoas que loitan toda a vida: Esas son as imprescindibles”
Bertolt Brecht
A fundación Santuario Gaia é un espazo de 30 hectáreas de superficie situado no Pirineo catalán dedicado ao coidado e conservación de animais considerados de granxa, para que poidan gozar dunha vida plena en liberdade recibindo os coidados e atención veterinaria, alimenticia e emocional adecuados, ao longo de todo o seu ciclo vital. Están no Concello de Camprodón na comarca do Ripollés, na provincia de Girona. O santuario foi fundado no ano 2012 por dous rapaces, hoxe xa homes adultos, Coque Fernández e Ismael López. Eles decidiron crear esta especie de paraíso para os animais despois de rescataren a unha porca vietnamita, Palma, e que esta parira 6 porquiños, co gallo de que puideran vivir a salvo e en paz.
Hoxe, máis dunha década despois daquela fermosa tolemia, arredor de 550 animais viven nesta illa paradisíaca de liberdade e amor, no medio dun océano de crueldade no que a vida e a dignidade de calquera ser, incluso dos seres humanos, importan moito menos có interese económico.
Ao longo do camiño das nosas vidas cruzámonos con todo tipo de persoas. A ampla maioría son, coma nós, persoas normais con luces e sombras que pasan pola vida sen facer dano a ninguén, tratando de vivir en paz a carón dos seus seres queridos. Tamén nos cruzamos ás veces con persoas sen ningún tipo de escrúpulo, cuxa única motivación vital é satisfacer o seu propio interese individual sen importarlles o máis mínimo os mortos que poidan deixar no camiño. Cando alguén así aparece na nosa vida é recomendable facerlle caso a Castelao e ao seu inmortal “ Irmáns fuxide sempre dos parvos”.E por último: nalgunha ocasión a fermosa palabra árabe “ Anir”( luz,claridade, aplicada a alguén que ten cualidades radiantes) alumea as nosas vidas, cando se cruza no noso camiño algunha persoa especialmente boa e xenerosa que dedica a maior parte da súa vida a facer mellor as vidas de outros e de outras.
Nese sentido sempre me pareceron especialmente meritorias as persoas que atenden os refuxios ou santuarios de animais. Traballar nun santuario é practicamente incompatible con ter vida persoal propia, fai absolutamente imposible gozar do lecer pois a totalidade do tempo adícase a coidar física e emocionalmente a distintos animais. Non é posible ter unha rutina de vida normal xa que calquera animal pode enfermar, ter un accidente ou algunha necesidade urxente a calquera hora do día ou da noite. Traballar nun santuario exixe un grande esforzo físico que castiga o corpo, como é castigado o corpo do mineiro cando arrinca o carbón da mina. E tamén supón un enorme desgaste emocional porque é inevitable querer a un animal co que estás as 24 horas do día, e os animais considerados de granxa teñen unha vida media bastante máis curta do que a ten un ser humano que non morra anticipadamente, co que as mortes de seres queridos son constantes e o conseguinte sufrimento que toda morte de alguén a que queres provoca, é continuo.
Para facer da vida nun santuario a túa forma de vida hai que ser un tipo de persoa especial, estar feito dunha pasta diferente, e abofé que nós expresamos desde o noso medio de comunicación todo o noso respecto a todas as persoas que dedican as súas vidas a proporcionarlle esperanza dunha vida digna e plena ás vidas de outros e de outras.
Unha das persoas que está en Gaia é unha rapaza viguesa. Ela chámase Lía e nós quixemos conversar con esta moza galega para coñecer como é o Santuario Gaia e saber como chega unha muller do barrio do Areal, con ascendencia na comarca do Condado, a un santuario en Catalunya. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
Lía Domínguez.
“ A satisfacción que dá salvar unha vida é o que máis se achega á felicidade absoluta”
Se tiveras que describir en poucas palabras o obxectivo de Gaia, como o expresarías?
Gaia ten dous obxectivos:-Salvar vidas-Concienciar da necesidade de sermos veganos e veganas.
Nós procuramos darlle a todos os animais que entran en Gaia as condicións necesarias para que poidan ter unha vida plena en liberdade, seguridade e amor. Pero somos conscientes de que somos unha pinga nun océano no que cada día millóns de animais son torturados e asasinados sen que haxa necesidade algunha de que sexa así, pois hai alternativas que cubrirían calquera necesidade humana sen que cumpra asasinar a ningún animal.
Por que o nome de “Gaia”?
Significa terra. É o nome que lle puxeron os fundadores. Encaixa, creo eu, coa súa concepción vital un tanto hippie, polo menos a que tiñan cando eran novos.
O santuario naceu no 2012.Ti cando te incorporaches?
Eu cheguei no 2016.Xa levo 9 anos en Gaia.
Lembras com comezou a túa historia con Gaia?
Si, claro que o lembro. Nun principio vin facer un voluntariado. A min sempre me gustaron os animais, contactei con eles a través das redes sociais. Envieilles un correo, fixéronme unha entrevista e vin dous meses de voluntaria. O resultado foi moi satisfactorio para min e estiven un ano enteiro de voluntaria. Cando rematei ofrecéronme quedarme aquí.
Caramba, vaia impacto debeu de ser para ti o ofrecemento. Tiveches dúbidas ou aceptaches no mesmo intre que cho propuxeron?
Dubidei moitísimo, si. Tes que ter en conta que para min suporía un cambio de vida radical.
Antes de vires a Gaia traballabas en algo relacionado cos animais?
Pois non. A miña vida profesional ata ese momento non tiña absolutamente nada que ver con isto. Eu traballara en empresas diversas pero sempre desenvolvendo tarefas administrativas. É dicir: pasei da oficina ao Pirineo sen ningún tipo de estadio intermedio. Como che dixen:Un cambio radical.
Esta forma de vida que tes, Lia, é xa definitiva?
Si, definitivamente si. E agora xa o digo sen ningún tipo de dúbida: radicalmente si. Ben, ata que o corpo aguante claro. Inevitablemente chegará un momento no que o corpo xa non o permita. Pero mentres non chegue ese momento, si quero estar sempre aquí.
Cantas persoas estades en Gaia?
Agora mesmo 9 persoas; 7 traballadores e traballadoras e os dous fundadores. Hai épocas que temos máis voluntariado e podemos chegar a ser sobre 15 persoas.
E animais?
Máis de 540.
Que hai que facer para ser voluntario ou voluntaria?
Escribir un correo. O encargado do voluntariado fai unha entrevista á persoa aspirante, e se dá o perfil xa está todo feito.
É posible ser voluntario ou voluntaria sen ser vegano ou vegana?
Si, si que é posible. No santuario non entra ningún produto que non sexa vegano. O contrario non sería compatible cos nosos principios éticos nin coa nosa forma de entender a realidade. Pero o que faga cada persoa fóra de aquí é unha decisión persoal súa, e nós desde logo que non somos xuíces de ninguén.
Agora ben, tamén che digo que cando alguén toma conciencia real do sufrimento que padece un animal na industria e decide asumir unha vida vegana, xa é imposible volverse atrás.
Hai algunha diferencia entre os animais que coidades: porcos, ovellas, vacas.., e que comemos os humanos, e as mascotas, cans e gatos, que coidamos e non comemos?
Ningunha, ningunha en absoluto. Só é unha percepción humana subxectiva que non se corresponde coa realidade.
Que criterios utilizades para decidir cal animal acolledes e cal non?
O esencial é ter sitio. Cando non queda outro remedio que decidir, pois normalmente optamos polo que teña máis perigo de morte ou unha situación peor. Pero se o caso que se nos formula é realmente grave, a práctica totalidade das veces os fundadores fan o esforzo, ás veces moito esforzo, e din que si.
Ás veces quedo abraiado porque teño visto polas redes sociais como rescatades algún animal vós mesmos na outra punta do estado; Asturies,Cantabria…Esas son viaxes estratosféricas de tranquilamente 1.000 quilómetros para ir, e outros tantos para volver. Vós aínda sodes novos, pero xa non sodes uns rapaces de 25 anos, que é cando o corpo pode con todo. Como carallo é posíbel realizar ese esforzo case sobrehumano varias veces ao longo do ano?
Ben, en ocasións contratamos transportes, pero gústanos máis ir nós a recoller ao animal porque vai vir mellor atendido. Eu en ningún momento dixen que fora doado. Pero cando o nivel de compromiso co proxecto é absoluto, o esforzo lévase mellor. E a satisfacción que provoca salvar unha vida é tan inmensa que compensa.
Xa, pero o esforzo queda no lombo e non cho quita ninguén.
Ha, ha, ha, ha..Si, é verdade. Pero a satisfacción queda na alma e tampouco cha quita ninguén.
Lía, algunha vez nestes case 10 en Gaia arrepentícheste da túa decisión de facer do santuario a túa vida?
Non, nunca xamais. Nin por un momento, nin sequera nos instantes nos que estou física ou emocionalmente esgotada se me pasou pola cabeza abandonar. Gaia é a miña vida, e así vai ser ata que a saúde mo permita.
Pódese describir con palabras a satisfacción que dá salvar unha vida?
Para min é a sensación que máis se achega á felicidade absoluta.
A evolución emocional dun animal desde o seu rescate, nótase?
Nótase moitísimo. Normalmente chegan aterrorizados. Pensa que en moitas ocasións o único que coñeceron foi o abuso e o maltrato, xa que logo é normal que veñan con medo e con desconfianza cara aos humanos. Pero aos poucos de comezar a recibir amor e respecto van evolucionando cara a confianza absoluta en nós. E recibirmos a súa confianza é unha sensación preciosa, e un autentico privilexio.
Tes atopado algún caso de hostilidade?
Non, hostilidade non. Animais aos que nunca fomos capaces de vencer o seu medo si, non moitos pero algún si. Nese caso non queda outra que respectalos, e se non lles gusta que lles toquen pois cómpre deixalos tranquilos.
As 30 hectáreas de terreo son propiedade da fundación?
Si.
O santuario ten unha superficie bastante elevada. Supoño que aínda tendes espazo para meter a bastantes animais máis?
Non te creas. En realidade estamos bastante ao límite. A normativa legal pola que temos que funcionar nós non permite que metamos moitos máis dos que xa temos.
Soster economicamente a Gaia debe de ser tremendamente difícil?
Si, a verdade é que é moi difícil. Gustaríame salientar que todas as nosas fontes de ingresos son privadas: Socios, socias, padriños e madriñas. Non recibimos absolutamente nada de cartos públicos.
Pois non sei como facedes a verdade, pero creo que o labor de captación de fondos para soster un santuario da dimensión do voso debe de ser case un traballo heroico?
Eu creo que boa parte do éxito radica en que esteamos en Catalunya. O pobo catalán ten unha sona de “tacaños” completamente inxustificada, porque en realidade manifestan unha cultura de colaboración solidaria moi superior á que se dá noutras partes do estado español.
Cando o corpo dos fundadores e das persoas que estades permanentemente no santuario non dea máis de si, o futuro do Santuario está asegurado?, ou pode correr perigo?
O futuro nunca se pode saber, pero agardo que cando nós non poidamos máis haxa outras persoas que queiran e poidan continuar con este proxecto tan bonito. O importante é que os terreos e as casas son propiedade da fundación. E a nosa idea é que teña continuidade nas xeracións futuras, claro que si. É que me parecería impensable calquera outra hipótese. Nos últimos anos o compromiso co benestar animal aumentou significativamente e o compromiso coa nosa fundación é tamén moi elevado.
Notaches un aumento relevante do compromiso co benestar animal?
Si, si que se nota, Fíxate como nos supermercados hai un feixe de produtos veganos, algo que antes era moi difícil de atopar. Incluso as grandes multinacionais , aínda que sexa só en aparencia, tratan de amosar certo compromiso co benestar animal. Iso acontece porque esas empresas son conscientes de que existe un importante segmento de persoas que esixen non maltratar aos animais.
Moitas grazas Lia. Deséxoche unha longa vida para o santuario Gaia, e transmítoche todo o meu respecto para ti e para todas as persoas que te acompañan.
Grazas a vós.
