O camioneiro Basilio Aragón

Basilio Aragón

Basillio é un camioneiro vigués da parroquia de Teis, que se fixo enormemente famoso polos seus vídeos pendurados nas redes sociais nos que comenta a actualidade política desde unha óptica de esquerdas. Milleiros de seguidores achéganse ás redes de Basilio a coñecer as súas impresións sobre os distintos fenómenos da actualidade e nós non podiamos deixar de coñecelo a el. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Que un home que cobre 1.000€ vote á dereita raia o esperpento”

Ti es camioneiro Basilio , un camioneiro moi politizado e comprometido coa esquerda, cal é a túa posición ao respecto da folga do voso sector?

Estou en contra pois esta folga é unha folga patronal. E nin sequera de autónomos ou pequenos empresarios senón da patronal grande.

Entón esta folga non representa a quen de verdade traballa no sector?

Esta folga non representa de ningún modo aos traballadores. Esta folga é de transportistas, que son os que teñen unha licencia ministerial para facer transportes, pero iso non quere dicir que teñan camións e moito menos que percorran as estradas de punta a punta para gañar o pan. En gran medida eles son o problema do sector

Por que?

Compran e venden viaxes. Fíxate a miña parella traballou nunha axencia de transportes e o seu traballo era estar nunha computadora diante dunha pantalla comprando e vendendo viaxes. Que sexas transportista non implica necesariamente que sexas camioneiro. Eles, os transportistas, mercan unha viaxe nunha bolsa de internet e logo vólveno a vender

Quitando un beneficio do traballo de outros entendo?

Si, claro. E así non hai forma, pois o cliente paga máis, o que fai o traballo cobra menos, e o que está no medio fórrase pola cara. O sistema é o problema, e os convocantes da folga deféndeno porque eles benefícianse desta flagrante inxustiza. Por outra parte a lexislación non cambiou desde os tempos de Aznar, polo tanto por que agora é necesario ir a unha folga?

Recentemente escoitei nun medio a un representante dunha asociación de transportistas dicindo que eles se sumaban á folga porque os choferes eran obrigados a facer as cargas e descargas?

Imos ver, a lei é moi clara neste asunto: a carga e a descarga de mercadoría tena que realizar o emisor, o cargador ou o receptor da mesma non o chofer. Se un o fai é porque quere, pero obrigado non está. O que acontece é que no noso sector, como na sociedade en xeral creo eu, estamos sempre co mesmo:” é que se non o fago eu vaino facer outro”. E con esa actitude non hai maneira de progresar na construción dunhas relacións laborais ou comerciais xustas. Igual que se poñen de acordo para facer unha folga que se poñan tamén para non aceptar ese tipo de condicións nas viaxes

E se é o chofer o que fai carga tamén perderá moito tempo supoño?

Si desde logo, pero a lei tamén contempla este suposto e di claramente que a partir de dúas horas pódese cobrar paralizacións. E pregúntome eu: por que non se cobran?, é que o goberno obrígache a non cobralas?.

Despois das preguntas, tócache as respostas

Non se cobran por insolidariedade manifesta no sector e o responsable non é o goberno claro, senón o propio transportista que se as cobra ten medo a que veña outro por detrás e non as cobre, como che dixen antes se todos se uniran para non aceptar viaxes con condicións inaceptables o sector estaría infinitamente mellor

Enténdoche e comparto o que dis, pero supoño que ás veces para un xefe iso de non aceptar a un cliente debe de ser moi difícil non?

Se o xefe é un xefe adecuado non ten porqué selo. Unha anécdota que che conto ao respecto disto

Si, por favor?

Hai anos traballaba nunha empresa e estaba na dun cliente cargando un camión de 40 toneladas. O operador de carretilla do cliente estaba facéndoo mal e eu indiqueille a forma correcta de distribuír a carga para que fose equilibrada, o contrario é moi perigoso, e o cliente achegouse a min berroume e faloume dunha maneira absolutamente despectiva. Chamei ao que daquela era o meu xefe e el díxome que mandara á merda ao cliente que pechara o camión e que me fora para casa

Cobrades horas extras?

Case ninguén. Agás algunha empresa con convenio propio que si o contempla as horas extras non se cobran. Logo temos outro problema que se dá sobre todo especialmente no transporte internacional xa que no canto de pagar dietas por noite como especifica o convenio fano por quilómetros o que dá lugar a trampas varias

Pero o tacógrafo marca todo non?

O tacógrafo pódese manipular con algo tan sinxelo como un imán.

E nos novos tamén?

Non, neses non, pero nese pódese facer cun software. Aínda hai pouco no levante a garda civil fixo, afortunadamente, unha importante limpeza dese tipo de piratas. E hai outro problema a maiores

Cal?

Pois que neste tipo de viaxes internacionais poden enviarche só coa de ida, e pode darse o caso que teñas que gardar 3 ou 4 días en calquera país co camión baleiro ata conseguir carga para poder volver.

Canto tempo levas enriba do camión?

Levo 24 anos.

Fixeches rutas fóra do estado?

Si, teño feito algunhas a Francia e a Gales

Ben, falemos agora da túa faceta mediática. Como se che deu por facer os primeiros vídeos?

Eu tiña a miña páxina de facebook e metía algunha cousa de cando en vez pero esa rede bloquéame con moita frecuencia ata que un día farteime e decidín abrir o meu canle de youtoube e logo uns amigos animáronme a meterme no twitter

O teu twitter é unha pasada, ten 60.000 seguidores¡¡

Si, a verdade é que estou moi agradecido e honrado pola confianza

Por que o fas?

É unha forma de desafogo contra a constante choiva de casos de corrupción, inxustizas e de abusos que hai en España. É a miña humilde forma de contribuír a que a xente abra os ollos. Non teño interese en gañar cartos con iso, é que non quero, quero que as mensaxes cheguen, e cantos máis emisores sexamos moito mellor.

Agardabas ter a repercusión que tes?

Non, nin de lonxe. Cando fixen o primeiro vídeo de you toube alucinei

E cando comezaches a saír nas plataformas dixitais máis progresistas que pensaches?

Pois a miña sorpresa elevouse ao nivel superlativo. Cando se puxeron en contacto comigo os de “Spanish revolution” fiquei abraiado

É que iso xa son palabras maiores, estás creando conciencia Basilio¡¡

Buff, non o sei .A min o que me importa non é que a xente pense coma min, senón contribuír a que teñan os datos suficientes para poder construír un criterio propio en liberdade, e en consecuencia non ser vítimas da manipulación informativa das oligarquías económicas, porque non pode ser que un home que cobre 1.000€ vote á dereita só ten sentido desde a máis absoluta falta de información e raia o esperpento.

Nunha das túas publicacións manifestaches quen nunca che ías afiliar a ningún partido, por que?

Pola miña forma de ser sei que eu non sería capaz de asumir unha posición coa que non concorde. E en todos os partidos por moito que se parezan á miña forma de entender a realidade vai haber cousas coas que non coincida. Por outra parte eu non son político, son camioneiro.

Antes falabas dos votos, ti cres que a solución para a clase obreira é votar?

Si, votar, dar o poder a quen defenda de verdade os seus intereses e logo estar nas rúas para que o que se di que se vai facer se faga

Que che pasou na sexta?

Ben, que me fixeron dúas entrevistas. Da primeira, moi longa, meteron 12 segundos escasos e a segunda eu creo que nin se emitiu, polo menos eu non a vin e non me avisou ninguén da súa emisión.