Carmela González, deputada do BNG

Carmela González BNG

Carmela é unha experimentada activista no asociacionismo veciñal vigués que ven de estrear responsabilidade orgánica, pois nas autonómicas do 2.020 foi elixida deputada nas listas do BNG. Ela é de Saiáns, a parroquia de Vigo que fai fronteira co Concello de Nigrán. E sendo eu da parroquia veciña, de Oia, non podía quedar sen coñecela en profundidade. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

A responsabilidade política do enchufe á cuñada de Carmela Silva non remata no funcionario condenado”

O BNG está máis unido, cohesivo e ilusionado que nunca”

Carmela seguro que coincides comigo na percepción de que o noso é un país que socioloxicamente artéllase por parroquias e non tanto por concellos. Pero en Vigo non teño tan claro que sexa así. Ti es de Vigo, natural de Saiáns, sénteste de Saiáns ou de Vigo?

Pódoche dicir que en Saiáns imos a Vigo cando vamos ao centro da cidade.

E unha veciña de Saiáns, como ti, ten que ir con moita frecuencia a Vigo para poder facer a vida ou na túa parroquia existen os servizos necesarios para poder desenvolver unha vida normal?

Non, non existen. O desmantelamento do tecido comercial nas parroquias e tremendo. Eu son portavoz de comercio polo BNG no parlamento e isto e algo contra o que estamos intentando pelexar. Ao carecermos de servizos a socialización veciñal é cada vez máis difícil.

Eu que vivín 30 anos en Oia, a parroquia veciña á túa, observo que o proceso de degradación da Galicia rural é tremendo. Cando era neno case se podía facer a vida na propia parroquia e agora é absolutamente imposible.

Si, e Oia aínda segue tendo unha tenda pequena, pero aquelas tendas típicas de parroquia que eran como pequenos súper nos que atopas de todo; peixe, carne, xa non existen.

Sempre que falo con alguén das moitas parroquias que ten Vigo dime o mesmo, que a atención do goberno municipal coas parroquias dista kilómetros da que poida ter o centro de Vigo, estás de acordo con isto?

Incluso diría que esta xente que defende ao alcalde Abel Caballero porque” ten Vigo moi bonito”, non se atreven a dicir que teñen igual de atendidas ás parroquias. Non lembro ningunha inversión importante nas parroquias máis desde hai moitos anos. O máximo que se consegue é que limpen as beirarrúas e parcheen algún buraco na rúa, pero isto xa pasa cando é moi escandaloso. A parroquias están totalmente abandonadas tanto polo concello como pola Xunta de Galicia.

Temos o exemplo da antiga estación do tranvía de Canido, isto é unha auténtica vergonza. Un edificio catalogado como histórico está derrubándose.

Recentemente coñecemos a confirmación polo Tribunal Supremo da sentenza que condena a cinco anos de cárcere a un funcionario xubilado do Concello de Vigo que vai ter que ingresar na cadea. Curiosamente a seguinte rolda de prensa do alcalde suspendeuse por unha misteriosa afonía que si que lle permitiu ir pola noite á inauguración dun evento. Cres que a responsabilidade política dese “enchufe” dun familiar directo da presidenta da Deputación remata nese funcionario condenado?

Non, claro que non.

O que me parece terrible é como se está normalizando a corrupción e o enchufismo na clase política. Para os que decidimos dedicarnos á política que calquera persoa che diga que todos os políticos son iguais é tristísimo e dolorosísimo.

Cando e por que iniciaches a túa relación coa política?

Eu comecei no movemento veciñal polo ano 93, na Asociación Veciñal San Xurxo. Comecei a traballar con Ana Gandón no movemento feminista. Ana levaba a concellería da muller fixo un traballo brutal en tódolos movementos veciñais e conseguiu reactivar a tódalas mulleres de Vigo. Aquí iniciei o meu contacto coa política e pasei formar parte da Federación Veciñal de Vigo Eduardo Chao cando Lois Pérez Castrillo era alcalde. No momento no que deixei á Federación Veciñal afilieime ao BNG.

Lois Pérez Castrillo foi o mellor alcalde de Vigo para ti?

Creo que foi un moi bo alcalde e moi pouco recoñecido. No pouco tempo que estivo comezou cambios históricos na cidade dos que logo se apropiaron outros. Lembro a humanización na Praza da Independencia, O Calvario, a recuperación do Casco vello. Seguramente se cometeu algún erro tamén.

Por exemplo?

Sempre cometemos o erro de centrarnos tanto en traballar que nos esquecemos de transmitir o que facemos e a xente, ao final, non o aprecia.

E en que ano te afilias ao BNG?

Pois debeu ser a finais dos anos 90.

Despois destes anos de traballo a pé de rúa esta é a primeira responsabilidade orgánica que tes non?

Si, tiven unha época na que minorei a marcha na política, tiven tres fillos e entre os fillos e o traballo tiña menos tempo para a política.

Cal é a túa profesión?

Son funcionaria da Xunta de Galicia, auxiliar administrativa e levo 33 anos na administración. Agora mesmo estou en servizos especiais no traballo e estou na escola de Arte Dramático.

Que bonito, gústache o teatro ?

Gústame moito

Entón non necesitas á política para vivir?

Non, claro que non.

Ti ías de número 5 na lista das autonómicas por Pontevedra e finalmente acadastes 6 actas. Cal foi a túa reacción canto confirmaches que ías ser deputada?

As enquisas dábannos entre catro e cinco e o meu posto andaba bailando. A noite electoral reunímonos en Coia e cando se confirmou que saín deputada tiven unha sensación de responsabilidade suprema, sensación que dura meses. É algo grande que ten a militancia do BNG, a responsabilidade que tes en falar en nome de miles de persoas e que non podes fallar.

Como xestiona no parlamento o PP a súa maioría absoluta, esmaga á oposición ou ten vontade de consenso?

Non ten vontade de consenso, ten maioría esmagadora. A nós non nos aceptaron ningunha soa emenda no debate de Estado de Nación.

As do PSOE tamén as rexeitaron todas?

Non, a eles aceptáronlle algunha.

Entón a vontade de consenso que presume Feijóo e puramente estética?

Puramente anuncios e propaganda que é o que mellor fai.

Que atopaches ao chegar ao parlamento, o que esperabas ou foi algo diferente?

Atopei o que me esperaba. Cando estiven en Eduardo Chao estabamos moi activas na política e tiñamos contacto directo con grupos políticos do Concello e coa experiencia adquirida desta época non houbo grandes cambios da idea que eu levaba.

Coa maioría do PP non se poden cambiar nada, só traballar, traballar e traballar.

Vigo ten un problema enorme de perda de capacidade industrial. É especialmente grave no que atinxe ao sector naval que está catatónico. Hai algunha posibilidade de reverter a situación de Vulcano e de Barreras?

Nós creemos que si, neste ano e medio sempre levamos a mesma proposta. A Xunta de Galicia e o goberno do Estado teñen que entrar con participación pública no estaleiro de Barreras, vai ser a única forma de darlle estabilidade e que sexa viable. O Estado pode perder 400 millóns de euros se Ritz Carlton desaparece.

En Vulcano basta con que o porto deixe de poñer paos nas rodas.

E por que os pon?

Nós creemos que ten un proxecto de futuro moi claro e non vai pola construción naval, queren ampliar a zona de loxística de contedores.

Agora mesmo alí hai unha empresa con seis traballadores, San Enrique. Esta empresa tiña carga de traballo e tivo que deixalo porque non lle permiten usar a lámina de auga de maneira temporal. Eu levei en xullo unha iniciativa ao parlamento para que lles permitisen utilizar a lámina de auga de maneira temporal ata que se resolva o concurso de concesión definitiva, para que axilicen estes prazos e que sexa para construción naval. Todos votaron a favor, o presidente do porto dixo que a concesión ía ser prioritaria e que non habería problemas. A esta alturas aínda non as concederon, vemos que hai un auténtico atranco e a nosa sensación é que parece que non hai moito interese.

Na crise do naval vigués o alcalde de Vigo mira cara outro lado?

O PP ten responsabilidade directa pero o PSOE non ten intención ningunha de resolvelo cando poden. Agora mesmo están coa tramitación dos orzamentos 2022 no Estado. O BNG meteu emendas tanto no Estado como na Xunta para apuntalar o sector naval e crear un plan estratéxico para o sector vigués e foron votados abaixo tanto no parlamento galego polo PP, como no Estado polo PSOE.

Unha cousa que me chama moitísimo a atención e que o PSOE no debate dos orzamentos do estado aceptou emendas de absolutamente todos os partidos que os apoiaron na investidura menos as do BNG, isto para min non pode ser casual. Que valoración fas ?

Néstor explicouno moi ben. É certo que non aprobaron ningunha das emendas deste ano, pero que a posición do BNG o ano pasado nos orzamentos fíxolles recapacitar e a contía mellorou nunha boa cantidade, non o suficiente. Necesitamos máis deputados e deputadas do BNG no congreso porque ao PSOE non lles importa os problemas dos galegos e das galegas, impórtalles poder seguir gobernando.

Rematamos Carmela. Cando Ana Pontón manifestou a súa vontade de reflexionar, sobre o seu papel no BNG, distintos medios de comunicación falaron de problemas internos no bloque, que hai diso?

Nada, nada en absoluto. Eu o que percibo é máis unión, cohesión e ilusión que nunca.