Rubén é concelleiro da marea de Vigo e hai uns meses ven de ser nomeado responsable estatal de política municipal en Izquierda Unida, a organización política na que milita. Nós tivemos unha ampla conversa política con el sobre todo tipo de temas. Velaí vai
“O concello de Vigo compra as opinións favorables dos medios de comunicación”
Non hai moito ves de ser nomeado responsable estatal de política municipal de Esquerda Unida, en que consiste esa responsabilidade?
Nós a nivel estatal somos a terceira forza a nivel municipal e nalgún sitio, como Asturias, somos a segunda por diante do PP. Temos case 200 alcaldes e alcaldesas e arredor de 2.000 concelleiros e concelleiras o que obriga a un traballo de xestión e coordinación moi importante.
Podes estar fisicamente en Vigo?
Si. Teño que ir a Madrid regularmente pero podo desenvolver o meu traballo de maneira telemática.
O cargo é remunerado?
Non, é sen salario, só me cotizan as horas que me faltan para chegar ás 40 horas semanais.
Gústache o que fas?
Moito. Penso que o municipalismo é a cerna da política de esquerdas e quen non o entenda así e o abandone non o está a facer ben. Hai zonas de Europa nas que así o practican como Croacia, Bélxica ou Austria e a esquerda alternativa está a ter moi bos resultados en cidades importantes
Ti estabas na anterior dirección de Esquerda Unida con Eva Solla. Ela volveu asumir a responsabilidade gañando unhas primarias a Jorge Suárez, e ti non estabas en ningunhas das dúas candidaturas; por que?
Eu levo xa moito tempo nos procesos de negociacións e de elaboración política, case desde o nacemento de AGE, e tiña claro que era preciso buscar un relevo
Non se tratou entón de ningún tipo de discrepancia política con Eva Solla?
Non, en ningún caso, nin con Eva nin con Jorge. A decisión xa a tiña tomada desde hai moito tempo
Antes falabas da importancia do municipalismo porén no país galego o espazo político do que ti formas parte ten unha presenza moi escasa na maioría dos seus concellos?
No conxunto de Europa á esquerda alternativa ten unha implantación importante nas cidades e municipios grandes, pero temos un problema no mundo rural , si é certo. Pero ben, tamén teño que dicir que case o 70% da poboación galega vive en áreas urbanas ou metropolitanas e alí é onde si temos implantación. Nós si que temos implantación en Galicia, temos concelleiros e concelleiras nas áreas onde vive o 80% da poboación galega
Rubén, nas últimas eleccións autonómicas quitastes 60.000 votos
Xa, pero esas eleccións foron a plasmación de todo o que se fixo mal. Se collemos as medias dos distintos procesos, non só ese, si que temos unha implantación moi potente
Na nosa área de influencia un dos poucos concellos nos que si tedes estrutura e corpo militante é O Porriño. Esta localidade ven de vivir un proceso político complexo que rematou dándolle a alcaldía ao PP. Ti, nas túas redes sociais, fuches durísimo cos teus compañeiros e compañeiras do Porriño. Empregaches o adxectivo “ infame”. Mantelo?
Hai un alcalde do PP por unha irresponsabilidade colectiva da esquerda, empezando por Esquerda Unida. Manteño totalmente a miña opinión.
Pero entón que saída lle ves ao voso espazo no Porriño?
A organización local de Esquerda Unida auto inmolouse .Hai que reconstruír unha candidatura que responda ás expectativas.
Que vai pasar en Cangas?
Cometéronse erros graves como o tema de arrasar as dunas ou non ir ás subvencións da DEP no plan Concellos. Creo que hai que darlle unha volta ao modelo de goberno que temos nese concello
En vida de Pazos as dúas partes de ACE tiñades dúas actas cada unha .Cando o alcalde morre tedes unhas negociacións moi duras vós e o grupo de Mariano Abalo e o resultado é que eles pasan a ter 3 concelleiros e vós 1 soa. Sentídevos enganados por Mariano Abalo?
Eu o que digo é que os acordos políticos sempre deben de ser reflectidos por escrito
Pero Esquerda Unida séntese enganada por Mariano Abalo?
Descoñezo se fomos ou non enganados.
Ben falemos do teu concello. Cóntanos á actividade política máis significativa da Marea de Vigo no momento actual?
Agora mesmo estamos nun debate importante sobre o Plan Xeral e o urbanismo. Hai unha desafección importante da veciñanza sobre este tema tan relevante, e en grande medida , como alertamos nós, colectivos afectados están coñecendo o resultado do plan, no que a eles lles atinxe, pola vía dos feitos consumados. En calquera caso é un mandato moi mediatizado polo contexto pandémico que dificulta abordar outros temas moi significativos para a cidade como as cuestións tributarias ou o medio ambiente .Realmente os concellos nunca tiveron tantos cartos para facer cousas, por exemplo o noso vai superar os 360 millóns de € de orzamento pero carece de capacidade administrativa para xestionalos
En relación á cuestión Covid, Vigo é a área sanitaria que ten o un número de contaxios máis elevado de Galicia, de feito están disparados. Ao teu xuízo ten algo que ver coas concentracións de persoas que se achegan ao centro a ver as luces de Nadal?
Non, eu creo que non. O número de contaxios tan elevado resulta da natureza da nosa cidade, a máis grande de Galicia, e dos altos fluxos de viaxeiros que recibe. Asemade vexo elevados niveis de irresponsabilidade colectiva
Cal é a túa opinión sobre a política do goberno local de encher Vigo de luces nestas datas?
As luces non son o problema, van seguir existindo cando Abel non estea. As luces supoñen menos do 50% do gasto de Nadal. O problema de Vigo é que hai unha serie de gastos desmedidos asociados ao Nadal, entre eles máis de 500.000€ a medios de comunicación non para que falen do Nadal, senón para que falen do alcalde, o baile do alcalde, a chocolatada, a cabalgata, a Noria….O Nadal de Vigo é un chiringuito de amiguetes
Ti cres que o Concello de Vigo compra as opinións favorables de medios de comunicación?
Rotundamente si. Eu teño claro que todos os recursos económicos que desde concello se entregan aos medios facilitan a ocultación da oposición. E o peor de todo é que hai xornalistas dispostos a xogar nesa liga que deriva recursos públicos a medios de comunicación para condicionar a liña editorial
A responsabilidade do caso enchufe remata no funcionario condenado?
Non claro que non. A responsabilidade política desde logo que non. O pleno extraordinario foi infame e creo que non vai haber ningún tipo de explicación. O máis preocupante é que creemos que hai toda unha trama organizada que favorece á contratación, vía directa no Concello ou indirectamente nas concesionarias
As oposicións á policía local irían, supostamente, nesa liña que mencionas?
Hai anos que se acordou sacar aos partidos dos tribunais das oposicións á policía. Esta é una cuestión interna da propia policía e xa me gustaría a min que o goberno local tivera a capacidade de meterse alí
Cal é a posición da Marea de Vigo en relación coa nova estrada proxectada en Beade, Bembrive e Castrelos?
Nós sempre dixemos que os viais no planeamento tiñan que estar xustificados. Para nós colócanse viais en plano cunha intencionalidade clara de axudar a determinadas empresas. Este vial é unha ampliación da PO010, sen ningún estudo técnico nin motivación. Unha improvisación sen ningún tipo de explicación
Recentemente coñecemos o peche da atención primaria en 14 centros de saúde da área sanitaria para todo aquelo que non sexa COVID ou urxencias, dos que se non me falla a memoria 6 son da nosa cidade. O Concello fai todo o que estea na súa man para loitar contra esta situación?
Creo que o goberno local pode facer algo máis que un mero comunicado. O propio Abel Caballero debería de dirixirse ao conselleiro, apoiar de maneira explícita a posición dos sanitarios que son belixerantes contra esta decisión
Vulcano e Barreras teñen solución?
Si, deben de pasar a ser estaleiros públicos
Cal é o futuro da Marea de Vigo?
Eu creo que a nosa función debe de ser a mesma. Ser sempre superada por elevación. É dicir, sumar máis xente tendo claro que este é un espazo estritamente municipalista e de ámbito local vigués.
O líder estatal de IU e ministro de consumo veuse envolto nunha importante polémica por unhas declaracións sobre a carne. Cal é a túa opinión?
Estou totalmente de acordo con Garzón. É máis eu esixiría responsabilidade ao PSOE que asina mocións con nós contra as macro granxas, por exemplo en Albacete, e logo di que Garzón fala a título persoal. Non, el fala como ministro
Os últimos datos da evolución do desemprego no estado, son bos. Son consecuencia directa das políticas do ministerio de traballo de Yolanda Díaz?
Si.
En concreto de cales?
O impacto sobre o consumo do conxunto das familias que tivo a suba do SMI. Automaticamente sobe o poder adquisitivo, aumenta o consumo e créase unha actividade económica que posibilita a creación de emprego. Sen embargo preocúpame moito o descenso do emprego industrial un emprego de calidade, substituído por un emprego no sector servizos que non é tan bo.
Rematamos Rubén, o teu futuro político?
Eu vou cumprir as miñas responsabilidades tanto no Concello como en Izquierda Unida e logo xa veremos. Eu estou moi ben e conservo todas as ilusións e todo o meu ánimo