O Rosal debaterá sobre a enerxía dende distintas perspectivas cun ciclo de charlas no Centro Social Polivalente

O Rosal debaterá sobre a enerxía dende distintas perspectivas cun ciclo de charlas no Centro Social Polivalente

O primeiro relatorio será o vindeiro 14 de xaneiro ás 19.00 horas co investigador Antonio Turiel, un referente a nivel internacional

As charlas serán de balde con entrada libre ata completar aforo

O Rosal, 7 de xaneiro de 2022

O Rosal reflexionará sobre a enerxía dende diferentes perspectivas. Ese é o obxectivo co que o Concello organiza as ‘Xornadas de Enerxía’, que se celebrarán no Centro Social Polivalente e que arrancan con tres relatorios con conferenciantes de relevancia nacional e internacional e que non descarta ampliar en vindeiras datas. “Con estas charlas iremos abordando asuntos relacionados cos diferentes tipos de enerxía, os modos de consumo enerxético, os modelos alternativos, a sostibilidade…”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A primeira conferencia será a de Antonio Turiel o venres 14 de xaneiro ás 19.00 horas, que abordará por vídeo conferencia a crise enerxética e os cambios sociais. Este investigador e divulgador científico é un referente a nivel internacional en cuestións como o esgotamento dos recursos convencionais de combustibles fósiles, como o pico do petróleo e as súas posibles implicacións a escala mundial e tamén sobre a economía e sociedade españolas; avoga polo decrecemento.

Francisco Hinojosa Moyano, técnico superior en enerxía solar e eficiencia enerxética e xerente de Ekosol Renovables, falará o martes 25 de xaneiro ás 20.00 horas sobre ‘Renovables, novos tempos, novas solucións’. A última charla destas xornadas será a cargo de Xosé Manuel Golpe, consultor enerxético especializado en alternativas enerxéticas de pequena escala. Será o sábado 12 de febreiro ás 11.00 horas e afondará sobre o consumo comunitario e alternativas enerxéticas sostibles.

As charlas poderán seguirse de xeito presencial no salón de actos do Centro Social Polivalente (con entrada pola rúa Simón del Mazo), de balde e con entrada libre ata completar aforo.