
O pasado día 20, o artista vigués Alberto Ardid, inaugurou no ESPAZO CUBO, galería situada na rúa Doutor Cadaval 17 da cidade olívica a exposición “GRAVIDADE”.E desde as páxinas de A Nova Peneira, convidamos a todas aquelas persoas que teñan unha mínima sensibilidade artística a que se dean unha volta a gozar coas pezas deste mozo de Vigo ao que lle desexamos toda a sorte do mundo, porque talento ten dabondo para poderse facer un oco significativo neste mundo, que ademais sabemos con certeza que é o seu mundo
Como xurdiu a idea da exposición?
Nace a raíz da anterior exposición na que participei “forever young” celebrada na Casa das Artes de Vigo.
Esa era unha exposición colectiva, verdade Alberto?
Si, e a partir do título naceu unha peza que é a primeira das que están expostas, que é un puntal sostendo a un cabaliño e que se chama “Para sempre”.
Que valoración fas da anterior exposición?
Moi positiva, a verdade é que quedei moi satisfeito.
E que expectativas tes con gravidade?
Pois estou moi ilusionado e agardo que á xente que se pase por aquí lle guste. É unha exposición moi particular que vai toda con elementos verticais.
Este traballo ten algún tipo de influencia fálica?
Si, si que a ten.
Cóntanos as características máis significativas da exposición?
Como che dixen, a característica máis significativa é a verticalidade e a conxunción de elementos funcionais con elementos estéticos que ao seren mesturados xeran unha narrativa diferente.
Hai algunha tendencia artística que che influíra especialmente?
O meu é arte conceptual, cun punto de ironía e situado no contexto sociocultural contemporáneo.
Ao longo da historia do pensamento, a modo de síntese, podemos dicir que existen dúas grandes visións sobre a finalidade da arte; a que considera que debe ter unha razón de ser meramente estética, e os que entenden que debe ter tamén unha función de denuncia social. Ti con cal te quedas?
Eu creo que esas dúas visións non teñen porque ir por separado. Non me gusta a arte panfletaria, pero tampouco me gusta a arte meramente estética.
As túas pezas entran polos ollos?
Iso é o que pretendo, entendo que non precisan dun discurso complementario moi extenso. O meu obxectivo é a beleza, e se ademais ten unha profundidade discursiva importante pois xa é perfecto.
Algunha das túas pezas ten un punto de denuncia?
Si, velado e sutil pero si.

Por exemplo?
A que se chama Amazonia. Representa a unha árbore e pretende denunciar a brutal deforestación que sofre o planeta e os modos de consumo actuais.
Pódese vivir da arte?
Si, si que se pode.
É o teu caso?
Non.
Aspiras a que o sexa?
Si, a verdade é que aspiro a poder vivir da arte. Xa sei que é moi complicado, pero é un dos meus sonos e vou loitar para poder facelo realidade.
De que depende? do talento?, da sorte?, ou de ambos factores?
Eu penso que dos dous factores que mencionas alén das relacións que un teña, e da capacidade para poder venderse o mellor posible.
Á hora de determinar a calidade ou falta dela. dunha creación artística, ti pensas que existen criterios puramente obxectivos ou inciden outro tipo de factores?
Por desgraza inciden outros factores, especialmente nas artes plásticas. O sistema no que estamos creou un circuíto artístico que se retro alimenta e convive nunha elite. E o tema dos prezos nos que se venden as pezas, pois supoño que responden ás normas que marca o mercado.
As túas pezas están á venda verdade Alberto?
Si, pero só algunhas.