O goberno de Tomiño considerou que a Traída de augas estaba nunha situación excepcional e aprobou co respaldo do resto das traídas do municipio este investimento extraordinario
Tomiño, 20 setembro de 2019
Onte o pleno do Concello municipal de Tomiño aprobou por unanimidade un investimento de 150.000€ mediante unha modificación de crédito con cargo a remanente de tesourería en concepto de axuda a Comunidade de usuarios de Sobrada para a construción das novas instalacións para abastecemento de auga.
A construción de novas instalacións darán servizo a 130 usuarios dos barrios de Monte, Portela, Gándara, Gandariña e Cruceiro. Sobrada é un dos núcleos con maior crecemento poboacional do concello e actualmente abastece aos veciños e veciñas a través de dúas traídas de augas, a de Torrón e a de Sobrada. É esta última a que recibirá a colaboración municipal co respaldo do resto das traídas de augas do municipio. Un proxecto necesario e urxente pola gran cantidade de novos usuarios, polo sistema de distribución existente obsoleto e ineficente que non admite novos enganches e pola elevada contaminación dos seus acuíferos . Cuestións que fan necesaria a creación de novas instalacións que ademáis beneficiará ao CEIP Sobrada con máis de 200 alumnos e alumnas.
A construción dun novo sistema suporá por un lado, satisfacer as numerosas demandas de conexión e facelo con garantías de calidade sanitaria. Trátase dun abastecemento con calidade no servizo no que se inclúen melloras na presión, e tamén uns menores custos por usuario xa que o sistema pasa a unha rede de distribución común na que os custes fixos asociados ás instalacións como cloradores, decantadores, clorímetros,… repártense entre un maior número de usuarios. A isto engádese as vantaxes para o CEIP Sobrada con alumando de niveis infantís e primaria e con servizo de comedor que disfrutarán de melloras na calidade do servizo para o persoal e o alumnado.
O Concello de Tomiño ademáis da aportación mediante a modificación de crédito aprobada na tarde de onte, vén colaborando coas traídas de augas do municipio mediante unha bolsa de axudas anuais con máis de 50.000 € ademáis do apoio loxístico e técnico. No caso da Traída de augas de Sobrada, o Concello de Tomiño xa correu cos gastos do proxecto técnico e da dirección de obra que foron abonadas no exercicio 2018 e que ascenderon a 30.000€.
A Alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca que “esta modificación de crédito foi aprobada por unanimidade da Corporación. Un consenso plenario para executar esta obra que vén corroborar que o compromiso do goberno local foi acertado.” A rexidora tamén salientou que “no pleno tratouse a posibilidade de rebaixa do ICIO porque consideramos que ao ser unha obra de interese municipal non debe pagar esta tasa”.